Nova derrota xudicial do concello de Mos

Nova derrota xudicial do concello de Mos

O concello de Mos foi recentemente obrigado vía sentenza xudicial, porque antes se negou a atender a razóns, a aceptar que os delegados e delegadas de CCOO no comité de empresa do Concello cederan o seu crédito horario, para realizar traballo sindical, á delegada desa central sindical que CCOO considerou que debera recibilo pois polo seu perfil o sindicato considéraa unha persoa idónea para realizar sindicalismo. Nós conversamos coa persoa de CCOO responsable das relacións coas administracións locais na súa agrupación de Vigo.

Carlos Martínez coordinador de servizos á cidadanía da

agrupación de Vigo de CCOO

Cantos anos levas afiliado a CCOO?

Desde 1992. Levo 30 anos

Nestas 3 décadas no sindicato verías todo tipo de contextos, algún tan complicado como o que parece que estamos a vivir?

A crise do 2008 foi bestial, pero esta ten pinta de que pode chegar a ser peor. Veremos como evoluciona pero en principio parece diferente a todo o que temos vivido ata agora.

Cal é a túa responsabilidade no sindicato?

Levo a administración local. Negocio nos concellos da miña área, Vigo e Baixo Miño( arredor de 30 concellos) os dereitos laborais dos seus traballadores e traballadoras tanto os funcionarios como o persoal laboral.

As negociacións cos alcaldes e alcaldesas en liñas xerais en que parámetros se moven?

Hai de todo. Ás veces hai tensións e ás veces se chegan a acordos de maneira máis fácil.

Cóntanos o conflito concreto que tivestes co Concello de Mos?

Nas últimas eleccións sindicais demos un salto importante e pasamos de ter 2 representantes no comité a 4 nun comité de 10 persoas que funciona como un só órgano colexiado. As e os delegados electos teñen un crédito horario de horas mensuais para realizar as súas funcións sindicais.

Nós decidimos que 3 dos nosos delegados lle cederan o seu crédito á nosa compañeira que ía de número un na nosa lista, pois entendiamos que polo seu perfil e características posúe elevadas capacidades para facer sindicalismo.

Fixemos a solicitude e aceptárona e así estivemos un ano.

E logo cal foi o motivo do conflito?

Seica a nova interventora entendía que ese crédito horario non nos correspondía,pois consideraba que os delegados representantes de funcionarios non lle podían ceder horas, pois a compañeira para a que demandamos o crédito é persoal laboral. Nós entendiamos que iso non é correcto pois o comité de empresa é un só órgano colexiado. Eles consideraban o contrario e cortáronnos o crédito horario.

De que maneira vos comunicaron o corte do crédito horario?

Por escrito á interesada

Cal foi a vosa reacción?

Pois en vista de que non atendían a razóns non nos deixaron outra saída que acudir ao xulgado e denunciar ao concello de Mos. Saíu a sentenza hai moi pouco e a xustiza danos a razón en que si temos dereito a fusionar o crédito horario pois o comité de empresa do concello de Mos funciona como un só órgano.

Sabes se o Concello ten pensado presentar recurso?

Coido que non. A sentenza é rotunda.