Gustavo Barcia candidato á alcaldía de Mos polo BNG

Gustavo BNG Mos

O BNG fixo público o primeiro tramo da súa candidatura, e o sábado 8 presentou no seu local de Puxeiros aos 3 homes e 2 mulleres que ocuparán os 5 primeiros postos na listaxe dos nacionalistas galegos das eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano. Esta formación política vive un gran momento en todo o país galego e os seus militantes de Mos amósanse ilusionados e esperanzados en que a maioría da sociedade mosense saiba valorar o inmenso traballo de rúa que fai o seu corpo de militantes. A súa candidatura está formada, nos postos que de momentos coñecemos, por xente nova moi formada, Gustavo o número 1 e graduado en historia e músico, Sara a número 2 é avogada, Alberto o número 3 ten estudos de enxeñería ….. que tratan de transmitir á veciñanza de Mos a súa ilusión por protagonizar un cambio de goberno que Mos precisa con urxencia. Nós falamos con Gustavo, o seu voceiro.

O orgullo de vivir no concello de Mos ten que vir por termos bos servizos e calidade de vida, non por ter unha bandeira moi grande”

O pasado día 8 presentastes ás 5 primeiras persoas do que será a vosa candidatura nas municipais do 2023.Ti repites como cabeza de lista e candidato á alcaldía. Cales son as túas sensacións ao respecto?

Estou enormemente animado, con toneladas de ilusión e tamén cunha enorme sensación de responsabilidade pois canto máis coñezo a política municipal por dentro, máis me convenzo da imperiosa necesidade que ten Mos de mudar de goberno.

Ben, fálanos das catro persoas que che van acompañar nos primeiros postos da candidatura?

Como número 2 vai Sara Samartín unha moza que é natural de Pereiras e que con menos de 30 anos xa é unha extraordinaria avogada. O número 3 é Alberto Barreiro, un mozo de Louredo, que é enxeñeiro e traballa no sector do metal e está moi vinculado ao tecido asociativo da súa parroquia. A nosa número 4 é Esther Rúas, unha veciña de Torroso que rexenta un negocio de artesanía na parroquia de Mos. E de número 5 vai ir Carlos Villar máis coñecido como Cao de Mos. Como sabes el é un home moi implicado na comunidade de montes de Tameiga e dirixe de maneira brillante a sala Rebullón , tanto é así que a sala chegou a estar nomeada para os premios Martín Codax como unha das salas de referencia de Galicia

A calidade da sala Rebullón é incuestionable, a súa consideración dento do mundo da música como unha das salas de primeiro nivel non a cuestiona ninguén. Porén creo que o goberno de Mos o que se di moita colaboración non é que lle preste?

Todo o contrario, o único que fai o Concello coa sala Rebullón e pórlle todo tipo de atrancos.

No pleno ordinario de setembro, celebrado a principios de outubro, tiveches unha discusión coa alcaldesa na que ela exhortouche a retirar a expresión “ amedrentar aos traballadores” que ti empregaches referíndoche ao goberno municipal, e ti negácheste a retirala. Explícanos ese episodio?

Estabamos a debater unha moción do partido socialista pedindo que a Xunta recibise a un colectivo de traballadoras do Consorcio Galego de Benestar en relación á folga da Galiña azul. Desde o BNG manifestamos que un colectivo laboral debe de ser cando menos recibido e escoitado. A concelleira de servizos sociais tivo a cara dura de dicir que nós non falabamos coas traballadoras. Eu retruqueille esa falsidade e díxenlle que desde logo non lle ía dar ningunha listaxe de con quen fala o BNG

Por que?

Para que despois non poidan amedrentar ou incluso reprimir ás traballadoras que falen con nós. E fíxate, cando eu empreguei esa expresión de “ amedrentar aos traballadores” a alcaldesa seica se alporizou toda dixo que era algo moi serio e que o retirase. Pero ao día seguinte dese pleno sae unha sentenza xudicial que condena ao concello de Mos por exercer a represión sindical contra unha traballadora. Iso si que é moi serio. Este é un claro exemplo de como se comporta o PP con quen non lle ri as grazas. De feito nese mesmo pleno que mencionas había un veciño, que ten un problema persoal, manifestándose porque o Concello leva oito anos sen que lle atenda.

A alcaldesa despreza a aquelas persoas e colectivos de Mos que non se connotan claramente co PP ?

Evidentemente si. De feito ela chegou a dicir que consideraba á comunidade de montes de Tameiga como “non grata”.Que unha alcaldesa cualifique dese modo a unha parte da veciñanza, da que ela tamén é alcaldesa só, para quen teña ollos para ver de maneira obxectiva e limpa, a descualifica a ela mesma.

O proceso para declarar o proxecto do Celta como en Tameiga como un proxecto “ de interese autonómico” parece indicar que o intento de expropiación é irreversible. Cal é a opinión do BNG?

O proceso aínda vai para longo pero si, desde logo que si. Este movemento só ten por obxecto crear a arquitectura necesaria para poder darlle cobertura xurídica a un futuro intento de expropiación. Desde logo a posición política do BNG é radicalmente contraria a un proxecto que arrasaría cos nosos montes para beneficiar a unha persoa en concreto, e xa che anticipo que se nas eleccións do 2023 temos a posibilidade aritmética de gobernar este asunto morre ao día seguinte. Esta figura xurídica do interese autonómico trata tamén, de saltarse a Fomento, que como sabes sobre o proxecto inicial fixo un informe rotundamente contrario á súa execución.

Cal é a situación económica do Concello de Mos?

Con respecto a hai uns anos está mellor. Pero non é grazas ao goberno municipal. Eles son os pirómanos que chegaron a provocar unha débeda de case 14 millóns de € e se a situación actual é menos mala que antes débese só á facenda estatal que de facto chegou a intervir ao noso concello. Foi o ministerio de Facenda o que salvou ao noso concello da quebra técnica e foi o goberno de Nidia Arévalo o que nos levou a esta lamentable situación . Aínda con todo, o dispendio de cartos públicos que fai este goberno segue a ser elevadísimo.

Porén o Concello todos os anos ten que recorrer a recoñecementos extraxudiciais de crédito?

Si. Esa é unha figura legal pero excepcional pensada para facturas que entran a finais de ano e non se poden meter no exercicio fiscal, ou para situacións de emerxencia que requiren actuacións urxentes( unha inundación, un incendio) para as que non hai dotación nos orzamentos do concello.

Sen embargo o noso Concello este ano xa leva dous recoñecementos extraxudiciais, que suman, entre os dous, máis de 1.000.000 de €, e que son para atender gasto corrente¡¡¡¡ como o pago da luz da auga ou teléfonos. Un exemplo notorio da súa desastrosa xestión económica

En pouco máis de medio ano teremos eleccións municipais. Cales son as expectativas realistas sobre o seu resultado?

Estou convencido de que imos conseguir mudar o goberno. A percepción que temos no traballo de rúa así o indica. No 2019 faltaron moi poucos votos e desta volta ímolo conseguir seguro. Quero lembrar tamén que nas últimas municipais o número de votos acadados polas 3 forzas que estamos na oposición 4.650 supera en case 400 aos que conseguiu o PP 4.264.É dicir unha maioría de veciños e veciñas non quixeron naquel momento a vitoria do PP. E nas eleccións do ano próximo só temos que conseguir que esa maioría sexa un pouquiño máis numerosa para que Mos poida mudar por fin o desgoberno que padece. E insisto, estou seguro de que o imos lograr

Que opinas da campaña “ Somos Mos”?

É como quen ten a casa chea de porcallada e no canto de limpala métea debaixo da alfombra para ocultala.” Somos Mos” só é unha campaña de propaganda que trata de tapar as miserias do goberno do PP. O orgullo de vivir no concello de Mos ten que vir por termos bos servizos e calidade de vida,non por ter unha bandeira moi grande.

As expectativas dis que son que o PP perda a maioría absoluta. E en concreto o BNG ata onde aspira chegar?

O BNG de Mos non se pon límites. En xeral o bloque vive un gran momento, se cadra o mellor da súa historia, e en Mos non somos alleos, de feito nas autonómicas do 2020 tivemos un resultado extraordinario. Nós aspiramos a termos unha suba máis que notable, insisto, sen ningún tipo de límite, porque o BNG non só en Mos senón en toda Galiza debe aspirar a disputarlle ao PP a hexemonía social.