O Concello de Salceda reduce a 35 horas semanais a xornada laboral da súa plantilla

Concello de Salceda de Caselas A Nova Peneira

Salceda de Caselas, 30 de xaneiro de 2020

Aprobouse tamén a equiparación do persoal laboral ao persoal funcionario para que poidan percibir un complemento do 100% nas situacións de incapacidade temporal.

A Mesa Xeral de Negociación convocada hoxe polo equipo de goberno de Salceda serviu para aprobar dúas importantes melloras para a plantilla municipal, que entrarán en vigor a partires do vindeiro 1 de febreiro.

Por unha banda, establécese ao abeiro do recollido na disposición adicional 144 da lei 6/2018, de 3 de xullo, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2018, a xornada laboral semanal de 35 horas para o persoal municipal, que no caso de Salceda pasarán a desenvolver a súa xornada ordinaria en horario de 8.00 a 15.00, coa excepción dos postos que conleven o desempeño de quendas de traballo, xornada partida, etc. A medida será aplicada de xeirto inmediato a partires do 1 de febreiro.

Tamén en base á lei 6/2018, de 3 de xullo, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2018, a mesa de negociación aprobou para o persoal laboral que o complemento retributivo desde o primeiro día en situación de incapacidade temporal ou licenza por enfermidade, sumado á prestación do Réxime Xeral da Seguridade Social, alcance o cento por cento das súas retribucións ordinarias do mes de inicio da incapacidade temporal, equiparando deste xeito os dereitos do persoal laboral cos do persoal funcionario. Neste caso, a medida terá efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2020.

A Lei de Presupostos Xerais do Estado deixaba aberta a opción de acollerse a estas melloras aos Concellos, e así ven de facelo o Concello de Salceda de Caselas, aprobando as melloras en mesa coa representación sindical.

A convocatoria celebrada esta mañá na Casa do Concello con asistencia da alcaldesa e responsable da área de persoal, Loli Castiñeira, representantes dos dous grupos do goberno (MS e PSOE) e representantes sindicais das tres forzas con representación no Concello (CSIF, CIG e CCOO) serviu tamén para que o equipo de goberno lles anunciase ao persoal municipal o inicio dos traballos para acadar a primeira RPT do Concello de Salceda, tal e como fora o seu compromiso a finais do pasado ano 2019.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda e encargada da área de persoal, definiu a xuntanza como “unha xuntanza produtiva e en ton positivo que deu os resultados acadados, agardando deste xeito que sexa o exemplo das diferentes mesas que terán lugar nas vindeiras semanas. “Dende o equipo de goberno estamos seguros que se goberno e representación sindical poñemos da nosa parte poderemos chegar aos acordos máis beneficiosos para ámbalas dúas partes, na busca de poder ofrecer un servizo da mellor calidade posible para a veciñanza de Salceda, que ó fin e ó cabo é a quen nos debemos tanto o goberno como o persoal municipal”.