Nidia Arevalo pide informes favorables para os campos do Celta entre “amigos políticos”

Nidia Arévalo Concello de Mos Tameiga A Nova Peneira

Tras facerse pública a sentenza na que unha maxistrada valora como anulables e revisables ámbalas licencias outorgadas o Celta, para a construción dos vestiarios e dun campo de fútbol dobre, a decisión tomada polo Partido Popular dende o Concello de Mos foi presentar un recurso e solicitar informes que avaliasen o proxecto como positivo e favorable, así denuncia o Partido Socialista de Mos.

Un deses informes foi solicitado a Federación Galega de Fútbol, actualmente presidida por Rafael Louzán dende que xa non é presidente da Deputación de Pontevedra. Dende a bancada socialista din que esta é unha manobra de distracción xa que este informe non inflúe a hora de outorga a licenza nin a hora de defender a legalidade dos procedementos levados a cabo. Este informe limítase a dicir que realizáronse obras que son imprescindibles para un clube da categoría do Celta.

Os socialistas queren resaltar, que dita Federación aínda segue presidida por un cargo do Partido Popular condenado a 2 anos de cárcere por outorgar unha subvención para unhas obras nun campo de fútbol que xa estaban realizadas. Considerando que despois de quedar demostrada a mala xestión e ilegalidades do expresidente da Deputación en temas deportivos, non está moralmente capacitado para outorgar informes favorables nunha cuestión tan delicada coma a que se está a tratar.

A voceira socialista, Victoria Alonso, repróchalle a alcaldesa unha actitude de desesperación que a leva a botar man de compañeiros de partido vinculados a ilegalidades relacionadas con campos de fútbol para que avalen o seu pelotazo urbanístico. Engade que Rafael Louzán ademais de que non debería seguir ao fronte de ningún cargo público, tampouco é a persoa máis indicada para emitir dende a súa federación informes favorables en cuestión de campos de fútbol. Finaliza dicindo que cada día queda máis constatado que o Partido Popular e a actual rexedora teñen menos tino a hora de escoller as amizades, xa que continúan relacionándose con cargos condenados e empresarios especuladores no canto de velar polo municipio.