Restauración do barco “ Manuel”

Restauración do barco “ Manuel”

Grazas á asociación á que antes nos referimos,” A Lagoa dos bébedos”, puido artellarse un obradoiro de carpintería que acabou por restaurar o barco Manuel. Esta é unha embarcación que ten unha historia apaixonante que quixemos coñecer. Para elo falamos con Imelda Navarro, directora do obradoiro Santiago Maceiras, docente do módulo de carpintería e carpinteiro, Rafa Canilla, alumno, Antonio Cabaleiro, concelleiro e encargado do obradoiro

Como xorde a idea de recuperar este bote?

A idea inicial xorde dunha asociación que propuxo facer aquí un Obradoiro para recuperar esta embarcación. A idea foi callando e o ano pasado propúxose facer a especialidade completa, cun só módulo non daría para recuperar a embarcación.

Para isto houbo que facer unha cesión, o Obradoiro de traballo só se pode impartir se, neste caso o bote, é propiedade municipal. Neste momento o propietario Faustino Otero cedeu o bote ao concello para poder traballalo.

Este bote é importante na historia de Redondela, faládeme disto.

Este bote estivo a axudar na recuperación dos galeóns da batalla de Rande. Antigamente estivera a levar cartas e víveres a Lazareto cando este era unha cárcere e logo un orfanato. Tamén axudou aos xudeus na guerra por mediación dun médico. Axudou no barco Comendi cando estivo en corentena e participou na recuperación de cadáveres dun naufraxio que houbo en Moaña.

Con que materiais traballastes para a recuperación do barco?

A recuperación do barco foi para museo e non é navegable. Queriamos facelo coas súas propias pezas orixinais pero isto foi difícil porque o barco estaba moi deteriorado. As pezas que tivemos que facer novas son respectando as orixinais do barco como madeira de piñeiro do país e carballo.

Polo que teño entendido ides facer outro Obradoiro no que se constrúa unha réplica do barco que sexa navegable, é correcto?

Si. Este Obradoiro tivo moitísima repercusión pola historia deste barco en Redondela. Como pola deterioración deste bote non puido ser a súa reconstrución para que fose navegable, solicitamos un Obradoiro novo para facer unha réplica que poida navegar. Xa está aceptada a concesión e empezaremos a finais de ano.

E quen vai poder navegar con esta réplica?

Chegado o momento, cando se termine o proxecto, verase que uso se lle vai a poder dar.

Canto tempo tardastes en levar este proxecto a cabo desde que comezastes ata a súa próxima chegada ao museo.

Case un ano. Empezamos en xaneiro coa reconstrución e temos previsto que poida estar no museo a finais de setembro.

Houbo moitas complicacións na restauración?

Houbo que decapalo enteiro, desmontar moitas pezas delicadas e volvelas a colocar, foi complicado. Tivemos que construír unha bancada e ila adaptando para poder suxeitar todo o barco. Outra bancada de construción e outra para poder desprazalo. Elaboramos tamén unha bancada cunha cuña de exposición.

Imelda: Quero matizar que o traballo dos alumnos e do docente non só foi o deste bote neste Obradoiro. Recibiron formación teórica práctica de tres certificados de profesionalidade que son titulacións oficiais. Non só formamos carpinteiros ao uso senón tamén carpinteiros de Ribeira.

Quero saber como foi a experiencia tanto de Santiago de profesor, como túa como alumno Rafa.

Rafa: Son unha persoa que xa traballaba na madeira pero facendo portas ou xanelas. Traballar neste barco foi totalmente diferente, cando desmontamos o barco nunca me imaxinei poder trasladalo e que quedase igual. Leva unha curvaturas que eran feitas manualmente, hai cen anos así se traballaba pero hoxe en día isto faise con máquinas, quedou exactamente no sitio e nunca pensei que isto fose posible. Moi orgulloso de poder facer un traballo diferente e aprender tanto.

Santiago: A miña experiencia como profesor foi moi completa, a implicación do alumnado foi total e absoluta polo que fixeron fácil o meu traballo.

Persoalmente penso que traballar nestes tipos de proxectos municipais é moi gratificante porque vai ser usado socialmente. Particularmente poder traballar nesta embarcación foi unha experiencia moi enriquecedora, non coñezo ningunha outra embarcación que teña unha historia tan documentada e definida como esta. Profesionalmente sentinme moi a gusto tanto coa entidade promotora como co equipo directivo. Estabamos todos tirando pola mesma vela e soprando na mesma dirección.

Aquí en Redondela somos moi de manter a documentación destas historias.

Imelda: Eu son de Miranda de Ebro e no campo de concentración onde estaban os presos xudeus polacos que viñan a Redondela para ser salvados no Bote Manuel. Eu xa escoitei falar do Barco Manuel hai seis ano no Centro de Interpretación do Campo de Concentración de Miranda de Ebro.

Moitas grazas e desexando mirar o bote.

Primer comentario

Deixa a túa opinión