
Na rúa Ernestina Otero número 33 leva xa un tempo aberto un moi interesante espazo, que ofrece ás persoas que o visiten a posibilidade de gozar da arte a través das distintas exposicións que organizan. E se unimos os conceptos de cultura e Redondela nun mesmo escenario, A Nova Peneira non pode deixar de coñecelos. Alá fomos e conversamos con Moncho, o seu propietario,e con dous pintores que no momento da nosa vista estaban a expor no local; Abel Barandela e Chus Guedella
Marcos Santos.
Ramón S. Propietario do local
Parabéns pola exposición. Contádemos como xurde o cowork.
Xurde pola idea de montar un espazo en Redondela onde poder traballar e facer unha comunidade de negocio. Non había na vila un local axeitado para montar un cowork.
De aí que cambiaras un parque de bolas por un local de cowork?
Si buscabamos un local onde ter un espazo de ocio e de negocio. Compaxinar un espazo de traballo pola semana, e poder dedicarllo ao ocio as fin de semana onde se transmita a cultura, os valores e sobre todo onde as inquedanzas que ten a xente ,despois de todo o que levamos pasado, teñan un espazo para a súa expresión .
Entón unha persoa pode alugar o espazo para ter un reunión de negocios e logo desfrutar o resto do día do local cos concertos, exposicións..?
Si, e mesmo imos comezar cun ciclo de monólogos tamén. Temos feito sesión vermú con música, artesáns. Buscamos darlle significado a palabra socializar e topar un punto de reunión común para todos sen excluír a ninguén.
Ti es unha persoa referente no mundo da noite, en locais como Jackson, La Fábrica, Brujas… Como cambias este mundo polo do día?
Con 32 anos deixei profesionalmente o mundo da noite pero nunca me desvinculei de todo.
E para ler prensa aquí que teño que facer?
Aquí non temos prensa escrita. Fixemos unha colaboración con eficiencia enerxética de Redondela, con Nardo, reciclamos e queremos e chegar a ser oficina sen papel. Nardo cedeunos dúas mesas onde poder ler dixitalmente todo tipo de prensa, incluída a Nova Peneira.
Colaboras co comercio local de Redondela?
Tanto Belén coma eu, que somos os artífices deste proxecto, apoiamos o comercio local e de proximidade. Intentamos mercar todo nel
Abel e Chus, pintores que expoñen no local
Abel Barandela, chámante o pintor do viño. Cóntame esta historia, dinme que todo naceu nunha cena cuns amigos?
Si, esperando pola cena nunha taberna antiga onde che poñen os manteis de papel, fixeime no cerco que deixan as cunhas de viño nos mesmo, cun pano de mesa comecei a facer caras cos sucos do viño e un amigo que se chama Suso deume a idea de sacarlle partido a todo isto. Resulta que o taberneiro enmarcara o anaco de mantel onde fixera o debuxo dúas semanas atrás.
De aquí despois de varias probas co viño comecei a xogar coa mestura do poso do viño deshidratado e pinturas con base de auga. Foi o público e a prensa os que me puxeron o alcume de “Pintor do Viño”.
Xa me dixeches que eras abstemio, pero cal é o mellor viño para desenrolar este tipo de pinturas?
O de Barrantes este ten moito corpo. Intento mercar no comercio de proximidade e aínda que nacín en Ourense, veraneaba de pequeno en San Xenxo e agora vivo e traballo alí.
Botas de menos Ourense?
Si, vou con certa frecuencia, de feito teño alí unha exposición hai dous meses no Restaurante Monterrei do Casco Vello.
Chus Guedella, ti eras membro dun grupo punki chamado “De Cagarrutas Band”, de profesión soldador e por onde che ben o de dedicarte ao audiovisual?
Estou no equipo de dirección concretamente. Aquí metinme de casualidade, un día ía por Vigo e paráronme unha rapazas para propoñerme participar nun proxecto audiovisual, díxenlles que si mentres que non tivera que pór cartos, risas… Resulta que era para a película “Los lunes al sol”. Comecei como figurante e participei nunhas dez películas. Sendo figurante coñecín á xefa de produción de “Fariña” e nesta serie traballei seis meses, logo desta serie xa fixen algún papel como garda civil, camelo ou policía nacional noutros proxectos.
Non temes encadrarte nestes papeis?
Non, sei que teño moitos rexistros, risas…Tiven moita sorte de chegar a este mundo do audiovisual e coñecer a moita xente como Ángela Molina ou Jean Reno e sentirme tan ben como me fan sentir.
E entre os teus descansos das rodaxes dedícaste a facer as caricaturas?
Nos descansos de “Fariña” había un actor que facía de policía que se puña a debuxar entre secuencia e secuencia. Un día díxenlle que me regalara un dos seus debuxos e regaloumo coa condición de que eu lle fixera un debuxo tamén. Eu non pintara na vida pero como terapia entre un proxecto e outro púxenme a debuxar, fixen un primeiro retrato de Ricardo de Barreiro, isto gustou e os demais actores de Fariña tamén me pediron. Estiven debuxando case dous anos e fixen máis de vinte retratos. De aquí saíu que me animara xunto con Abel Barandela a facer unha exposición dos nosos debuxos. Esta que facemos aquí no café work con Moncho é a nosa segunda exposición, a primeira foi en Noia onde se redou “Fariña”. O nome da exposición é “Vino Bic”.
Moitos actores cos que teño falado pensan que o audiovisual galego está en perigo, opinades o mesmo?
Si, posiblemente. Parte do audiovisual galego tivo que marchar fóra por falta de recursos de financiamento.
Moita xente da que coñezo, non só no mundo audiovisual, senón na arte, eléctricos ou mesmo produción tiveron que marchar para Madrid a traballar, considérome afortunado por poder traballar aquí 7 ou 8 meses ao ano.
E para rematar, dicirlle as nosas lectoras e lectores porque teñen que vir ver esta exposición?
Desde o punto de vista artístico, a calidade do noso traballo penso que é o suficientemente seria para que a xente veña vela.
Isto podo dicir que é certo.