O músico Seso Durán ascende ao Olimpo co seu novo disco “Ascensión”

Seso Durán
Marcos Santos

Seso é músico e historiador. E por encima de todo, polo menos aos meus ollos, é un tipo dunha lucidez extraordinaria que é capaz de mergullarse no máis profundo e formular dúbidas rigorosas onde outros moitos só son quen de emitir certezas estúpidas. El está a piques de quitar o seu segundo traballo musical e para min, unha vez máis, foi un pracer conversar con Seso Durán, amigo de A Nova Peneira. Velaí vai o que deu de si a nosa charla.

Estase substituíndo o pensamento racional polas emocións. E a mocidade é a principal vítima desa situación”

Estás a piques de parir un novo disco?

Pois si, malia as circunstancias que nos sumiu a pandemia nestes dous anos isto é un non parar. E o próximo 18 de xuño que estaremos facendo o concerto de despedida do son da memoria, no teatro Colón da Coruña, vainos coller coa xira de presentación deste novo traballo.

Esta é a primeira vez que traballas cun produtor verdade?

En efecto, ata este momento sempre producía eu. E a verdade esta primeira experiencia de traballo en conxunto cun produtor foi moi positiva

Coñecías previamente a Iago Lorenzo, o produtor?

Tiñamos amigos en común. As circunstancias da pandemia fixeron que o traballo fose difícil, o que lle dá asemade un plus de encanto especial.

Por que dis que foi difícil?

Eu traballei no meu estudio, Iago no seu e Jose, o batería. no seu. Foi todo a través de correos electrónicos e arquivos we transfer. Pero todo decorreu cunha fluidez extraordinaria. É un proxecto de solista e a xente que está comigo espera polo meu traballo e trabállase sobre iso. O disco non está lonxe dun disco en directo. A maioría do disco soa a banda tocando.

Neste disco, teño a sensación de que a túa faceta de historiador está moi presente?

A historia avanza en progresión espiral. E episodios dramáticos do pasado por desgraza tamén os estamos a vivir no presente. Esa parte da análise histórica de relación do pasado coa actualidade si que procuro facela ver nalgunha canción. Pero hai un abano amplo de temas, algúns máis explícitos que outros. Incluso hainos que foron escritos pensando nun tema e logo ábrense a interpretacións moi interesantes por parte de quen xa os teñen escoitado.

Tamén hai espazo para o amor verdade?

Si, e igualmente para a violencia de xénero, o illamento causado pola híper comunicación dixital. Como che dixen o abano temático é amplo.

Fálame de” O país non país”?

É unha reflexión sobre como vivimos a nosa identidade os galegos e as galegas. Eu creo que con independencia das adscricións políticas somos conscientes de que conformamos un país. Sen embargo non facemos o necesario para defender os nosos sinais de identidade. Por exemplo a radio galega música non sei porque se chama así, porque emite moi poucas cancións en galego, unha de cada dez aproximadamente. e ninguén protesta para mudar esa situación. Non é unha canción que vai en contra de ninguén só pretende fomentar á introspección.

Ti es profesor e podes ver de primeira man a relación entre a mocidade e o idioma?

Si, e si me deran 1€ por cada vez que unha alumna ou un alumno me pediu facer algún traballo en castelán, por desgraza sería rico

Tanta tristura hai no que dis ,que ata a luz do día desconfía de ti”.Explícanolo?

É un discurso para un totalitario, para un totalitario contemporáneo. Vemos como hoxe día moita xente, incluso da clase obreira, cren as mesmas mentiras que se formularon nos anos 30 do século pasado. Algo falla para que chegaramos a esta situación e non se pode mirar para outro lado

E nun mundo tan superficial como se leva iso de intentar mergullarse nas profundidades?

Aí está a chave creo eu, Marcos. Non damos pasado da superficie e así, non hai maneira de comprender as razóns que motivan as cousas. Hoxe xa non importa tanto o contido das creacións, a bondade ou a maldade das persoas. O relevante, o que marca a aceptación ou non aceptación son os”likes”.E iso preocúpame moito pero se penso nos adolescentes, cuxas personalidades están aínda en construción , en verdade que á para asustarse. No mundo actual o pensamento emocional está substituíndo ao pensamento racional e a mocidade non é responsable, é vítima desta situación.

Tes algunha preferencia sobre o público que poida estar interesado no teu traballo?

Ti tes unha idea da xente a quen lle poida interesar, pero o que aspiras a chegar á maior e máis diversa cantidade de xente posible. Para min o máis relevante é ter algo que dicir. E se o que queres transmitir chega a alguén,que antes non o percibía desa maneira, xa rozamos o sublime. A mensaxe que transmitas é moito máis importante que as complexidades harmónicas ou rítmicas

A portada é impresionante

Grazas Marcos a min tamén me gusta moito. A foto de Esther Medraño cando ma pasou xa pensei que tiña portada e título. Chámase “Ascensión”.O disco está agora en estudio e agardo que estea listo no mes de abril. Temos un vídeo clip gravado e espero que na segunda quincena de marzo xa se poida ver.

Rematamos Seso. O próximo concerto?

O 29 de abril en Vigo

A cerca de admin 43 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.