Despois de negacionistas e terraplanistas, era o que faltaba! Unha guerra! Non debemos ter remedio. A guerra, sabémolo todos, é a derrota sempre. A guerra é a perdición total e o fracaso. Nega a palabra e o diálogo, nega este punto de vista feliz de calquera acordo. Supón abrazar a paranoia de crernos libres mentres nos abondan conciencias
reaccionarias, machos alfa, misoxiniños idiotas que só fan crear fronteiras de bombas e podremia, entre nós mesmos.
Aquí, en Galiza, ademais dos que negan e ven todo liso, temos os desarraigados, as persoas que renegan de ser o que son, que se negan a si mesmas e non se recoñecen na orixe, faltas de orientación nin sequera se ven nin recoñecen diante do espello.
Podemos loitar contra os virus, a enfermidade, os volcáns, as depresións económicas, pero contra a nosa estupidez é imposible. Pois ben, aquí estamos de novo no punto de saída. Esta condena que nos envolve de novo por mor da estúpida condición humana, por este proído de protagonismo onde eu son máis cá ti. Gozamos de moita información e vivimos desinformados. Tamén mata o exceso, tamén se morre de abundancia. E isto víase vir! Tantos tolos gobernando non podía traer nada bo! Desmandos e abusos, reaccións, atropelos, violencia, excesos por todos lados, trampas, corrupción! Hai que privatizar, din uns, para descargar o sistema. Hai que apoiar o público, din outros, para que
chegue a todos. A responsabilidade é colectiva, por permitir que os turbados e ditadores fagan sequera ostentación de destruír a paz xogando a facer bombas que nos maten, boicoteando o futuro e a xustiza, desestabilizando acordos, dando cancha á mesquindade e desigualdades, convertendo ás vítimas non só en culpables senón en verdugos. Tamén son cómplices os que difunden as mentiras, os que sibilinamente apoian
a especulación e o roubo. E agora, por non querer velo, porque a bola de neve ía a máis grande, estamos nesta apocalíptica ameaza global e multicolor. Tan desgraciada. Ninguén quixo mirar e ver, crer nas ameazas que nos viñan facendo os mandatarios absolutos, os que non están ben da chola. Vistes como roubou Crimea? A democracia estaba parva mirando a paisaxe dos números nas bolsas do mundo, o ibex 35 e parentela. Agora chegou a guerra, como? Non a vimos vir? Veu despois mesmo da pandemia, con esta aínda sen irse de todo. Toda Europa estamos en guerra e nesta espiral de derrota, de horrores. E non a vimos? Non a viron? Onde estaban os adiviños, os políticos preconizadores, os visionarios? Xa se podía un imaxinar que no medio destes animais políticos non podía pasar outra cousa. Tampouco caen pacificamente os autócratas, camúflanse ata que amosan o seu verdadeiro rostro violento e cando así sucede xa resulta ser tarde. Morte e destrución, parada e retroceso, derrota, sufrimento, crise. Sufrimento, involución.
Sufrimento, refuxiados, sangue, fame. Terceira guerra mundial?
De todas formas a guerra non debera castigar aos pobos, á xente que non se apercibe das súas coitas. E se queren pelexar, que sexa un arremedo, unha posta en escena na que se pegaran entre eles, os mandatarios, os que ostentan o poder, os que saen nas fotos, que son os que tanto se enfadan. Quizais deberan falar, anque xa dixemos: de nada vale pois a guerra en si, anula ese modo de entenderse e negociar, deixamos de ser persoas. Pegámonos ou, como é o caso, pegan uns sobre dos outros que están indefensos. Entraron a saco, impóndose nunha confrontación desigual e irregular, abusiva. De nada vale que se insulten, que se chamen psicópatas ou trogloditas. Nada hai que xustifique a morte de ninguén, e menos tan violentamente, deste xeito tan cruel. Non, non é ue non deberan ameazar a vellos e crianzas: non deberan ameazar a ninguén. Isto é unha catástrofe sucesiva despois doutras moitas! Que culpa ten ninguén de que entre eles non se entendan?