No ano 1919 dous fotógrafos cataláns; Pelai Mas e Alejandro Antonelli viaxaban ao noso país, e dedicáronse a fotografalo con obxecto de incrementar o Arquivo MAS, un fondo de imaxes creado polo pai de Pelai. Hoxe, un século despois, vivimos unha exposición en Redondela organizada por Luis Borines e por Cal 3, no negocio da familia Cal, na que se pretende conmemorar o centenario desa viaxe alén de ofrecer unha mostra máis que interesante de imaxes sobre a Redondela antiga con material do propio Luis Borines e de Saturno Cal. Nós, achegámonos ata aí e falamos con Luis e co eterno Quino Vilas de Cal 3.
Cal é a razón da exposición que desenvolvestes entre o 25 de xuño e o 7 de xullo?
A ilusión que tiña Luis en dar a coñecer a súa colección privada
E pola parte de Foto Cal?
A nosa intención de utilizar o noso local como sala de exposicións fotográficas para as persoas da localidade interesadas alén de conmemorar o centenario da viaxe de Pelai Mas
Contádenos iso?
Pelai Mas foi un fotógrafo catalán que no ano 1.919 viaxou polo norte da península e fixo reportaxes fotográficas de gran calidade
Caramba e ten algunha de Redondela?
Pois si, dúas das festas da Coca dese ano
Fixo só esa viaxe?
Pensamos que en compañía de Alejandro Antoneti, outro fotógrafo catalán que o acompañou. A viaxe foi en sidecar
Luis o teu arquivo é moitísimo máis amplo do que aquí se amosa, con que criterios seleccionastes as fotos?
O espazo tampouco é moi grande, e o que fixemos foi restrinxir a temática á viaxe de Pelai Mas, e por parte de Cal 3 o que fixemos foi incorporar algunhas imaxes do arquivo de Saturno Cal desa mesma época. Saturno Cal foi a primeira xeración de fotógrafos da familia Cal
Luis como conservas o teu arquivo?
Pois hai distintas técnicas, eu emprego uns sobres de celofán, e procuro que non lles afecte a claridade
Para cando unha exposición global de todo o arquivo Cal e de todo o arquivo Borines?
A verdade é que é complexo. A fórmula de acoutar por temáticas ou por épocas considerámola máis atinada, e no futuro con outras “escusas” confiamos en repetir
Por exemplo?
Algo moi bonito, sería tratar de reflectir a arquitectura e a paisaxe perdida de Redondela. Hai fotografías moi curiosas e algunhas son de xente anónima, a fotografía social ten un interese superlativo
Algo que chame especialmente a atención desa arquitectura que se perdeu?
Os edificios con soportais, Redondela como vila mariñeira tiña o seu fronte ateigado deles e todos perdéronse. Os almacéns ,os salazóns
Esa forma de contar a historia da Vila esperta o interese?
Moitísimo, a maior parte da xente quere saber a súa propia historia e a do seu contexto particular. A fotografía antiga ten moito atractivo para todo o mundo, tanto para as persoas que viviron o que se retrata nas imaxes, como as que non o fixeron tamén teñen interese en saber como eran as cousas antes deles.