Marcos Santos
Desde algo máis de medio ano a zona de Vila Vella, unha das entradas máis importantes da nosa vila, ven soportando unhas obras dunha dimensión notable que supoñen molestias tanto para o tráfico rodado, como para os peóns, como para os comerciantes desta parte de Redondela que ven reducidos os seus ingresos, polas molestias que supón transitar por alí, o que fai que moitos clientes tomen outras opcións para satisfacer as súas necesidades, e ven aumentadas as súas dificultades para traballar en condicións, polo elevado volume de po e sucidade que xeran as obras. Nós quixemos coñecer a súa opinión e falamos con 3 dos comerciantes que exercen a súa actividade na contorna das obras;Gabino, Cayetano e Valle.
Gabino Pérez, propietario de Top Marcas
Canto tempo levas co negocio?
Con este levo 3 anos, pero xa tiña outra tenda no mesmo local desde hai máis de 25 anos. Levo toda a vida traballando nesta zona
As obras comezaron en setembro do ano pasado. Tes coñecemento de cando se prevé rematalas?
A min o que me din é que en maio/xuño deste ano teñen que estar rematadas
Sabes se van en tempo?
Polo que teño entendido non, creo que algo máis vaise alongar
Ao teu negocio como lle afectou?
Afectoulle bastante. Por unha banda a xente ven moito menos por aquí a causa das obras e por outra parte hai unha poeira tremenda que ha que limpar de seguido. E ter as portas pechadas a maior parte das veces
As obras fixeron que baixara a túa facturación?
Si, algo si que me baixou
Como valoras a xestión que fixo o concello ao respecto destas obras?
Non a valoro ben. Creo que hai pouco persoal traballando e debera de haber máis para poderen rematalas obras o antes posible.
Para ti estas obras eran necesarias?
Si, si que eran necesarias. O problema que lle vexo eu é que poderían facerse moito máis rápido para rematalas antes e atenuar o impacto negativo que sufrimos os comerciantes.
Cayetano Bouzón, propietario da cafetería Vila Bella
Canto tempo levas co negocio?
En xullo fará 5 anos
As obras comezaron en setembro do ano pasado, tes información de cando se prevé que rematen?
Polo que eu sei en xuño este ano.
Sabes se están en tempo?
Polo que me din no concello si.
Como afectou ao teu negocio?
Afectoume bastante. Estou facturando arredor de 1/3 do que facturaba antes de que comezasen as obras. Sobre todo aféctame na caña ou no café de paso. Iso perdino todo. Os clientes fieis que veñen a propósito seguen vindo
Para ti estas obras eran necesarias?
Si, absolutamente si. De feito considero que tiña que facerse desde hai moito tempo. Eu non me queixo da obra ,nin do po, que asumo como unha consecuencia inevitable, quéixome de que hai moi pouco persoal traballando e se houbera máis as obras poderían ter rematado moito antes.
Valle Cabaleiro, propietaria de Don Vinarius
Canto tempo levas con este negocio?
9 anos
Tes información de cando está previsto que rematen as obras?
Estaba previsto que no mes de xuño
Cres que van rematar en prazo?
Eu creo que non. Só hai 4 persoas traballando, que xa bastante fan e traballan moi duro, pero entendo que non son suficientes
Como che afectaron as obras no teu negocio?
Negativamente claro. Por unha banda diminuíume substancialmente a facturación, arredor dun 70%,e por outra parte a sucidade e o po resultantes das obras supóñenme molestias importantes para o traballo diario. E tamén quedaran de vir baldear un número determinado de veces e non están a cumprir. Eu creo que esta obra debera terse planificado de maneira diferente
A que te refires?
Entendo que podería terse rematado en menos tempo, se houbese o número de operarios necesario traballando. Teño que dicir tamén que o concello no que respecta ao trato con nós pórtase ben.