Agro Arcade faise maior de idade

Agro Arcade

En Arcade na Estrada de Soutomaior nº 11 está Agro Arcade, un negocio que acaba de facerse maior de idade pois cumpre 18 anos. E nós quixemos aproveitar a oportunidade para conversar co seu propietario, Alejandro Bua, un home amable e cordial, vello amigo da nosa casa que posúe un dominio enciclopédico do sector no que traballa

Alejandro Bua

O mellor que ten Agro Arcade son os seus clientes”

De onde es ti Alejandro?

Dos Milagros de Amil, Moraña.

Como acaba un home de Moraña vivindo aquí en Arcade?

A miña muller é avogada e montou aquí un despacho, por este motivo trasladámonos a vivir aquí. A raíz de vivir aquí apareceu a idea de coller o traspaso deste negocio. Este é un mundo que sempre me gustou e así comezamos con esta viaxe na que xa levo 18 anos

Cal é a túa valoración global desta maioría de idade ?

Moi boa. É un traballo que me satisfai persoalmente, todo o relacionado coa agricultura gústame moito.

E estou seguro que tratar coa xente tamén? Ti es un tipo moi cordial.

Xa era o meu, eu era comercial e o trato coa xente encántame. Esta quizais é a parte que máis me gusta deste negocio, enriquecerme do trato coa xente e das súas experiencias.

Esta maioría de idade xa abonda para dicir que es de Arcade?

Como ven di o refrán galego: “ a vaca non é de onde nace, senón de onde pace”. Eu son de pacer en Arcade e quero ser de Arcade.

Estás contento co abano de clientes do negocio?

Si, o que nos fortaleceu neste aspecto e que temos un abano de clientes moi importante, gracias a isto estamos no cumio da venta a nivel agro aquí na nosa zona

Que servizos ofrece este negocio?

A parte de vender comidas para os animais, o servizo máis importante que ofrecemos é o asesoramento de todo o relacionado cos froitos, viñedos, hortícolas. De feito, isto foi o meu comezo.

Aquí ofrecemos desde o fitosanitario para aplicarlle a unha tomateira como calquera tipo de insecticida para pulgas, un sacho ou ata preparar a túa propia piscina. Temos un abano de produtos moi grande.Tamén temos reparto a domicilio os martes, mércores e venres a tarde.

Cales son as épocas máis fortes e as máis débiles deste tipo de negocio?

As épocas máis fortes do campo son cando se comeza coa plantación, a partir de febreiro. Pero o máis forte para min e a partir de maio, eu dedícome sobre todo ao asesoramento fitosanitario e é desde maio a agosto a época máis forte.

Agora os peores meses para nós son desde ponte da Constitución ata febreiro, son as épocas máis baixas.

Os clientes que tes son da zona de Arcade ou veñen de toda a Comarca?

De fitosanitario temos clientes de moitos sitios: da zona do Morrazo, de Ponte Caldelas, Tomeza …

Hai máis negocios coma o teu por aquí na zona?

Si, no concello somos tres agrotendas.

Hai traballo de abondo para os tres?

Eu traballo moi ben, de feito teño dous empregados.

A clientela é maioritariamente masculina, feminina ou da igual o sexo?

O bonito do noso negocio é que antes era un negocio para a xente maior, e agora vexo que a xente nova. Desde a pandemia, volve retomar a plantación na horta, oxalá siga así.

Ao teu sector como lle afectou a pandemia, en positivo, negativo?

Eu creo que a todos os negocios afectoulles en negativo. Por desgraza hai moita xente que se quedou atrás, xente de ERTE ou no paro. Se non hai traballo as vendas baixan moito, véndese igual pero moita menos cantidade por cliente.

O que afectou en positivo e que a pequena escala a xente volve a plantar na casa, e isto si que é positivo.

Alejandro, tes fillos?

Teño unha nena de dez anos.

Consideras a posibilidade de que sexa un negocio de futuro e a túa filla continúe coa actividade comercial do teu negocio?

Este é un sector que evoluciona moito e haberá que ver como vai dentro de quince anos. É un negocio de futuro, si, pero a miña filla a día de hoxe que ser bióloga e non a vexo eu aquí para este negocio. De todas maneiras con dez anos aínda é moi pronto para decidilo.