Club Deportivo Balonmán Chapela

Directiva balonmán chapela

No pavillón Soto de Chapela, pasei un rato enormemente agradable charlando coa directiva do seu equipo de Balonmán á que agradezo a súa cordialidade e amabilidade. Falamos con María a súa presidenta, e filla do histórico Manuel González Soto, e con outras directivas e directivos: Juan, Inés, Luis, Antonio e Belén. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

NO BALONMÁN CHAPELA TODO É VOCACIONAL, TODO XORDE DO AMOR POLO NOSO EQUIPOE E POLA NOSA PARROQUIA”

Contádenos a modo de síntese a historia do equipo, cando nace e como e quen o funda?

Xa pasamos do medio século de vida, creo que podemos dicir que a nosa implantación nesta parroquia é moi importante. Nacemos en 1.967,en 2.017 fixemos o 50 aniversario

E como se funda?

No ano 1.967, un grupo de mozos que tiñan afección por este deporte, alí onde está a igrexa coa axuda do crego ,fixeron un quipo de balonmán. Tivo moita influencia o mítico Martínez Salgado, un home de referencia no balonmán vigués, que chegou a escribir para Faro de Vigo e que tivo unha importancia significativa en que a afección polo noso deporte chegara a Chapela. A primeira pista foi de terra e descuberta

Inicialmente fúndase unha sociedade que abrangue tanto ao balonmán como ao fútbol, non?

Efectivamente, nós nacemos co nome de SD Chapela, a modo de sociedade que representaba aos dous deportes que menciones, ata que na década dos 90 separámonos do fútbol e asumimos a denominación actual

E este pavillón cando pasou a ser a vosa casa?

No 1.989, cando se construíu. Xogamos nas Travesas e en Teis, ata ese ano que estreamos casa

Cantos equipos tedes?

Agora mesmo 11 equipos, chegamos a ter 15 pero na actualidade movémonos no abano de arredor da ducia de equipos

Cantos femininos e cantos masculinos?

Os equipos artéllanse por abanos de idades, desde os máis pequenos, de 4 anos, ata os seniors e en todos os abanos temos de ambos xéneros. Os máis pequenos son mixtos

O equipo de referencia masculino en que división está?

En primeira nacional

Iso é a terceira categoría máis importante do balonmán español, non?

Efectivamente

Chegamos a estar na máxima categoría verdade?

Si, na década dos 90 estivemos cinco anos na liga ASOBAL, foi unha época marabillosa para o noso equipo

Este ano cales son os obxectivos deportivos?

Agora mesmo estamos de segundos, e o noso obxectivo é clasificarnos para a fase de ascenso, e de ser o caso pelexar ao máximo para ascender

Se o logrades, Chapela tería un equipo na segunda categoría do balonmán español, unha heroicidade para a parroquia. É deportiva e economicamente factible?

Deportivamente cremos que temos potencial, economicamente é moi complicado

E que mudou da década dos 90, cando chegamos a estar na Asobal, á actualidade que consideramos moi difícil a sustentabilidade económica do equipo na segunda categoría?

Os patrocinadores. Naquela época recibiamos moito máis ca na actualidade. E como todo na vida os recursos económicos marcan a diferencia, entre podermos armar un equipo con potencial para metas altas ou non. Outro problema é que cada vez existen máis opcións deportivas, polo tanto os patrocinadores teñen máis peticións de colaboración e aos equipos nos resulta máis complexo captar nenos e nenas para os nosos equipos

A implicación da sociedade de Chapela co equipo como a valorades?

Valorámola como escasa. Consideramos que o Balonmán deulle e dálle moito á parroquia e nos gustaría que houbese unha implicación da sociedade e do tecido empresarial do noso pobo máis intensa. De feito se non fose polo traballo das familias das xogadoras e xogadores sería moi difícil

Canto costa o abono anual?

Só 30€ ao ano

E as grandes empresas de Chapela?

En fin, cando estivemos en Asobal e pouco máis. Nós queremos aproveitar a oportunidade que nos dá o voso xornal para agradecer inmensamente a RODOSA e a CONSTRUCCIONES CIES, os nosos patrocinadores máis importantes, a súa xenerosidade. Sen o seu apoio non sería posible

No grupo no que estades hai equipos de?

De Galicia e de Canarias

Sii?, pero quen foi o colgado que deseñou iso? Miña nai tedes que viaxar a Canarias

A verdade é para volverse tolos, resulta enormemente difícil

Os xogadores son profesionais?

Non, son afeccionados, só cobran axudas para gastos de desprazamento

Non se pode vivir disto claro?

Hoxe en día case non se pode vivir do balonmán nin sequera en ASOBAL, só os xogadores de elite

Todo é vocacional?

Absolutamente, todo xorde do amor polo noso equipo e pola parroquia de Chapela

O voso adestrador Fran Teixeira, é un tipo de enorme prestixio no mundo do balonmán, chegou a adestrar a equipos de elite, como aterrou en Chapela?

Por amizade e por vocación, a verdade é unha honra para nós contar cun home como Fran

Que tal se porta o Concello con vós?

A verdade estamos moi contentos, pero tanto con esta administración da alcaldesa Digna Rivas, como con Javier Bas, como no seu momento con Xaime Rei. O concello sempre se portou moi ben con nós

O principal equipo feminino en que división está?

Baixamos este ano a primeira autonómica

E os obxectivos deportivos?

Ascender, claro, pero este ano levámolo un pouco apretado .O equipo é novo e as rapazas moi xoves

O uniforme voso sempre foi vermello e verde, co pantalón branco?

Cando nacemos tivemos uniforme a cadros azuis e brancos logo cambiamos ás cores actuais, e sempre foi así agás nos anos de ASOBAL que nos obrigou o patrocinador que tivemos naqueles anos a xogar de branco

A híper excitación emocional que en moitas ocasións se observa nos afeccionados ao fútbol, tamén se dá nos partidos de balonmán?

Buff ás veces si, temos vivido partidos de intensidade superlativa coas emocións nos seus niveis máis elevados

E que tal a vosa rivalidade coa SAR?

Home eu creo que é evidente que, tanto desde un punto de vista histórico como no momento presente, nós somos mellor equipo ca eles

As relacións con eles son boas?

Agora si

Non sempre foron boas?

Ben, houbo momentos. De feito ás veces a rivalidade foi peor cá do Celta co Depor

Acabamos, se queredes podedes tirar unha mensaxe á vosa veciñanza

Pois si, claro, Quixeramos convidar á toda a parroquia a que se implique un pouco máis. O balonmán transmite uns valores preciosos de equipo, colaboración, é como unha segunda familia e pode darlle moitísimo á toda Chapela