A piques de entrarmos na época grande das festas de Fornelos achegámonos, de novo, a esta escolma de todas as belezas de todos os paraísos do mundo que é este concello. E,un ano máis conversamos co seu alcalde , o noso amigo Emiliano, para coñecer como van as cousas pola súa localidade.
“Se os meus compañeiros e o meu partido están de acordo eu estou con moitas forzas e ilusión para repetir como candidato á alcaldía do meu pobo, nas eleccións do ano próximo”
Como estades vivindo esta brutal espiral inflacionista no voso concello?
As cousas están máis ou menos como sempre. Pero esta subida de prezos que estamos a sufrir tanto de luz como de carburantes afecta moito á economía do concello e cadrar orzamentos é cada vez máis difícil
Se antes pagabamos de luz entre 20 e 22000€, dependendo da estación do ano, agora estamos a pagar uns 33000.
O estoupido da pandemia aumentara notablemente o número de familias que precisaban da axuda dos servizos sociais. Como está ese tema agora?
Con esta enorme suba de prezos, incluso dos produtos máis básicos, a situación das familias máis vulnerables está peor que nunca. Nós, se fai falta, deixaremos de facer outras cousas para o Concello que non son tan necesarias, pero o compromiso deste alcalde e deste goberno coa nosa veciñanza que peor o pasa é, e seguirá a ser, inequívoco.
Está satisfeito de como funcionan os servizos sociais do Concello?
Si, estamos satisfeitos, pero o diñeiro hai o que hai. Isto é unha competencia de Xunta pero miran a outro lado e pásannolo aos concellos
Como están as relacións coa DEPO e coa Xunta?
Coa deputación ben, tamén teño que dicir que poderían axudar máis coa atención primaria aos colectivos máis desfavorecidos.
Coa Xunta de Galicia non lle vexo ningunha melloría respecto ao noso concello
Cal é a túa posición respecto aos eólicos na Serra do Suído?
Parques eólicos si, pero dunha maneira racional cumprindo os proxectos e respectando as zonas de especial valor natural e ou patrimonial.
E en relación á posibilidade de facer outro encoro cal é a túa opinión?
Estou totalmente en contra
Por que?
Porque Vigo xa ten auga suficiente para moitos anos co encoro que hai agora de case 22 millóns de metros cúbicos. O que teñen é que solucionar o problema das perdas .Son de case un 30 por 100.
Os tres concellos afectados: Ponte Caldelas, A Lama e vós tedes unha posición contraria ao respecto do encoro, non?
Si, os tres estamos en contra.
Tes boa relación con eses dous alcaldes?
Si si que a teño. É verdade que teño máis confianza, supoño que por cuestión xeracional, co alcalde de A Lama
Entramos de cheo na época grande das marabillosas festas de Fornelos. Cóntanos , para quen non as coñeza?
Pois si, esta é unha época moi importante para nós. Pomos toda a nosa ilusión en proporcionar á nosa veciñanza e ás persoas que veñan visitarnos unha programación de calidade que estea á altura do noso fermoso pobo.
O 17 de xullo temos a “Festa de carne do Suído e da Chanfaina”. Esta é unha festa gastronómica onde o gando se cría aquí, na parroquia da Laxe, que limita con Avión, A Lama e Covelo. Son de libre pastoreo e para a festa sacrificamos un becerro e, ás veces, medio máis. Despois está a Chanfaina, que é un chourizo con ovo e patacas. Tamén hai viño e sobremesas caseiros que fan e doan os veciños de Fornelos. Facémola onde está o multiusos e poñemos unha carpa por se chove ou fai demasiada calor
Neste evento tamén temos actuacións musicais como a banda de gaitas e pandereteiras de Fornelos, así como teatro a última hora para clausurar a festa.
E en agosto?
Temos o 6 de agosto, o festival de “Folk do Río”, na Praia Fluvial de Porto Vilán. Imos pola 21 edición, durante a pandemia non se puido facer. Aquí actúa a nosa banda de gaitas e grupos folclóricos locais.
Despois entramos na “Semana Cultural” temos festa da escuma, actuacións para os pequenos e pequenas, unha obra de teatro e ilusionista.
Para o 9, 10 e 11 de agosto xa temos as nosas festas patronais. As “Festas de San Lorenzo”. A verdade é que sempre son un éxito e vén moita xente.
E todas estas festas esperamos facelas con plena normalidade este verán?
Si, para este ano por fin debera ser todo con plena normalidade
Co premio de xornalismo Lueiro Rey, seguimos a lume de biqueira?
Si, este ano fíxose a quinta edición.
A finais de verán, entre setembro e outubro teremos o de poesía. Seguimos totalmente implicados en que sexa un aceno de identidade deste Concello.
Tamén hai un acordo do pleno do Concello para enviar un escrito á Real Academia Galega e que teñan en conta en dedicarlle un ano o día das letras galegas a Manuel Lureiro Rey. Tamén llo imos a enviar ao Concello do Grove porque tamén teñen un premio de poesía no seu nome. Aínda que era nacido en Fornelos, viviu moitos anos alí.
No 2023 hai eleccións municipais. Estás animado a presentarte de novo á alcaldía?
Aínda falta un ano, pero se hai saúde, os compañeiros queren e o partido tamén, seguiremos adiante.
Para acabar Emiliano, resúmeme as principais actuacións que tedes previstas para o futuro inmediato
Imos levar adiante a reforma do Pavillón de Deportes e isto xa está adxudicado a unha empresa cun importe duns 300.000€, que financiamos entre a DEPO e o Concello
Tamén vai saír agora a licitación para o cambio de iluminación pública e poder poñer luces LED para abaratar o recibo da luz. O investimento para isto case é de 700000€ e quedará todo o Concello con luces LED. Contamos poder reducir o recibo da luz entre un 30 ou un 35%.
Puxemos tamén placas solares para abastecer o pavillón, o ximnasio e a pista de pádel. Estas placas montámolas encima do garaxe do Concello, xa están a funcionar e fixemos un investimento de 55.000€. Por outra parte estamos pelxando con intensidade para conseguirmos fondos Next Generation.