Carlos Callón presenta en Vigo “ O libro negro da lingua galega”

Carlos Cañon

Cando o meu pai, nacido en 1936 na viguesa parroquia de San Miguel de Oia, tiña 7 anos sufriu a perda traumática da súa nai. O seu pai estaba no cárcere, pois cometera o terrible crime de estar afiliado a un sindicato, e o meu tivo que padecer a horrenda experiencia de deixar o seu fogar e ser internado nun negro e tenebroso orfanato católico dos anos 40 do pasado século. El contoume moitas veces que cando entrou recibiuno un crego que lle preguntou:” Como te llamas hijo?” e el contestoulle no seu idioma, no idioma no que falaba, pensaba e sentía, no idioma que se falaba na parroquia na que el nacera, “ Eu chámome Claudio”.O crego deulle dúas labazadas e obrigoulle a escribir 2.000 veces: “No hablaré en gallego”. Esta episodio bárbaro, consubstancial á barbarie propia do nacional catolicismo español, inseriuse de tal maneira na súa psique que cando eu aos 17 anos tomei a decisión consciente de utilizar o idioma galego sempre, en todos os contextos da miña vida no meu país, tiven verdadeiros problemas con el, motivados polo medo que o meu pai sentía a que ser galego falante me puidese ocasionar algún tipo de consecuencia negativa no meu camiño vital.

Non puiden evitar evocar ao meu pai con tenrura e nostalxia, e con carraxe oceánica aquel episodio de violencia sufrida por un neno de 7 anos sen nai e sen pai , cando acudín á presentación do libro de Carlos Callón, porque a súa obra é a historia do meu pai, multiplicada ata o infinito, a historia de milleiros de galegas e galegos que ao longo dos últimos 500 anos sufriron a represión física, económica e emocional por falaren o seu idioma no seu país. Carlos é un filólogo ribeirense que na actualidade se gaña a vida dando clases en Lisboa. Asemade ten un perfil deses que se fan querer desde o primeiro momento pois é un home de exquisita sensibilidade , de ampla cultura, e comprometido absolutamente na defensa do que el cre. Hai moitos anos que non tiña a oportunidade de falar con el e para min foi un pracer volver facelo. Agardo desde o máis profundo e íntimo de min que o seu libro sexa un éxito de vendas, e animo a todos os lectores e lectoras a que o merquen ,a que o lean, a que o sintan e a que fagan pedagoxía dunha parte da historia, a historia do noso país, que se nos nega coñecer. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Temos documentada a represión contra o galego desde o século XVI”

Como che presento Carlos: profesor, lingüista, historiador….?

Historiador , sociolingüista e poeta

Cal deses tres campos che gusta máis?

Os tres, cada un ten o seu momento. Se fago un exercicio de introspección e trato de atopar as razóns profundas que expliquen o que eu escribo , creo que che diría que trato de buscar unha certa verdade, ben sexa a través do ensaio ben sexa na expresión poética.

Como se sinte un ribeirense coma ti vivindo en Lisboa?

Eu adoro vivir en Lisboa. Para calquera galego ou galega é como unha continuación do noso país. Nas rúas podes escoitar de súpeto algunha palabra das que dicía a miña avoa

Caramba iso debe ser, polo menos para min seríao, emocionante?

Para min tamén o é. Convértese noutra forma de ver como as palabras que desapareceron do noso idioma non o fan de maneira natural, senón que é un fenómeno lingüístico motivado por causas políticas.

Ves a Vigo a presentar “O libro negro da lingua galega”.Fálanos dese traballo?

Si, vai ser a primeira presentación que fago. Estiven a traballar oito anos na súa elaboración. Fíxeno de maneira moi intensa, ás veces case de forma frenética

Ha ha ha e cal era o motivo dese frenesí?

O entusiasmo de contar un pasado que é necesario contar e cuxo coñecemento ten que ser útil para construírmos un futuro mellor para o noso idioma.

Por que te decidiches a darlle vida a este libro?

Eu son moi sensible coa causa da lingua galega, como sabes fun varios anos presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Naquel tempo estiven en contacto con movementos sociais en defensa das súas linguas en distintas partes do mundo. E deime de conta que varios deses idiomas tiñan ferramentas parecidas, que describían a opresión sufrida e as causas polas que chegaron a ser idiomas minorizados.

Nós non tiñamos máis que algunha historia parcial, entón decidín pórme a elo

Como se artella o libro?

É un libro moi grande, de máis de 700 páxinas. Primeiro leva unha pequena introdución divulgativa e logo estrutúrase de maneira cronolóxica desde 1480 ata 1986

Por que remataches nese ano?

Nese ano acontecen dúas cousas para min significativas: 1) Crease A Mesa pola Normalización Lingüística 2) Xorde unha sentenza do TC que limita unha parte da oficialidade do galego. Derroga unha parte da lei de normalización e di que o noso idioma non pode ter a mesma oficialidade que o castelán

Esa sentenza marca todo o que aconteceu despois verdade Carlos?

Absolutamente. É a que determina que a aprendizaxe do castelán é un deber pero a do galego só é un dereito que ninguén ten o deber de garantilo

Que pode encontrar un lector ou lectora no teu libro?

Moitas historias que lle van sorprender sobre prohibicións, queimas de libros , agresións físicas por falar galego. Penso que lles pode sorprender que a historia da represión comezase tan cedo e dunha maneira tan violenta

Desde cando tes documentada a prohibición do galego na escola?

Desde o S XVI. En Tui consérvase un regulamento de 1.543 sobre como hai que bater nas escolas nos nenos que falen galego. Desde ese ano ata 1980 están documentadas agresións físicas a nenas e nenos por falar en galego. Hai casos realmente estarrecedores, por exemplo nos anos 60 aos internos do seminario de Santiago ,cando ían ás súas casas de vacacións obrigábanlles , cada vez que se lles escapase o galego , a pór o cilicio medio día

O libro é entón unha escolma de historias non?

Si, de historias negativas pero tamén hai a parte positiva pois , como lóstregos na noite, e en contextos de enorme dificultada encóntraste exemplos de seres valentes, conscientes e implicados na defensa do noso idioma, como por exemplo un profesor de Caldas de Reis que no século XIX reclamaba a necesidade de que nas escolas se educase en galego. Esas persoas en momentos realmente difíciles abriron camiños e son auténticos heroes e heroínas.

O teu traballo desbota a idea de que o galego só se perseguiu no franquismo verdade?

É que esa afirmación, moi impulsadas desde as institucións autonómicas, é absolutamente falsa. Como antes che mencionei a persecución contra o noso idioma está documentada desde o século XVI. A política represiva existe desde hai moito, o franquismo, ollo non quero minimizar a súa extraordinaria gravidade, o que fai é aplicala militarmente.

Tamén houbo unha moi importante represión despois da morte de Franco, en grande medida dirixida contra profesores e profesoras que loitaron con valor pola defensa do noso idioma

Eu, coma ti Carlos, son un tipo moi sensible coa causa do noso idioma e, encantaríame estar equivocado, pero son moi pesimista en canto a que o galego teña posibilidades de supervivencia como lingua viva a medio prazo. A non ser que se produza unha viraxe de 180 graos na desastrosa política lingüística do goberno da Xunta. Ti que opinas?

É necesario sermos realistas. Calquera persoa, que teña ollos e orellas na cara, pode ver que a situación é preocupante. Porén é necesario recoñecer todo o que temos conseguido. Hai moitas formigas que con apoio escasísimo son capaces de manter vivos os seus proxectos en prol de podermos acadar 1.000 primaveras máis para o noso idioma como a lingua viva do noso pobo. Hai moita xente coma ti ou, humildemente, coma min que non dámos isto por perdido

Si Carlos, pero sen a administración eu dubido que se poida, non cres?

A administración é necesaria,si. Pero temos unha cultura de resistencia coa que o PP non contaba. Non contaban coa supervivencia da Mesa, con Queremos galego, con Nós diario, coa Nova Peneira, coas Tanxugeiras…coa suma de moitos proxectos, de milleiros de vontades e corazóns que non imos permitir a morte do noso idioma. Malia que a situación é preocupante pois a transmisión xeracional do galego estase a perder, a lingua continúa a ser un elemento que une á sociedade. A inmensa maioría da xente entende que o galego une.

Valora a política lingüística da administración galega?

A min gustaríame que os seus responsables se decaten de que non estarían alí sen non tiveramos lingua propia. E nestes momentos non están a actuar coa dilixencia necesaria para contribuíren á súa conservación

Rematamos Carlos. Que lle diriamos a unha persoa que de boa fe crea que falacia da “imposición “ do galego é real?

Dúas cousas:1)Que lle bote unha ollada ao libro 2) Que fagan o que recomendaba o grande escritor portugués Almeida Garret” se queredes saber como está o tren viaxade no tren”.É dicir que traten de falar, un día, só un día enteiro en idioma galego en todos os contextos nos que se encontren ese día .E após dese día, quen teña honestidade intelectual que opine

Onde podemos mercar o libro Carlos?

Só nas mellores librarías, que son aquelas que distribúen novidades en galego. A acollida está a ser moi boa e eu estou emocionado, enormemente agradecido e coa esperanza de que sirva, non só para coñecer a historia senón tamén para transformala