Ás portas do Nadal A Nova Peneira charla coa portavoz dunha asociación de amigos e amigas moteiras para que nos conten un pouco sobre unha bonita iniciativa, que tiveron o ano pasado, de visitar a pequechos e pequechas enfermas do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e intentar trasladarlles algo da ilusión que se viven nas rúas da cidade por estas datas. Alén de obsequialos cuns agasallos para procurar facerlles a súa visita ao hospital un pouco máis agradable.
Digna, o grupo Amig@s Moteir@s fai unha recollida de xoguetes para entregar no Nadal a nenos e nenas ingresados en pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A que se debe esta iniciativa?
Eu mesma tiven achegados con pequenos que pasaron por este hospital. Dado que son unhas datas onde os nenos e nenas son os protagonistas e as viven cunha ilusión tremenda, queriamos trasladar parte desta ilusión que se vive nas rúas aos nenos que están ingresados.
Hai tempo que queriamos facelo pero polo COVID tivemos que atrasalo e empezamos con esta iniciativa o ano pasado.
Entón este é o segundo ano que facedes esta entrega de xoguetes?
Si. O ano pasado os medios de comunicación non nos deron moita cobertura. Supoño que por isto a xente non creu en que isto fose real e igual pensou que era unha estafa polo que non tivemos moita colaboración individual. Si que temos que agradecer a empresas como Don Dino que nos doaron moitísimos xoguetes para a causa e colaboraron recollendo xoguetes e diñeiro nos seus locais tamén.
Que facedes para recadar fondos para estes xoguetes ou a onde temos que dirixirnos para achegar doazóns?
As persoas interesadas poden doar xoguetes novos, usados non serven, pois como son para entregar no hospital teñen que estar sen estrear para evitar contaxios externos. Tamén recollemos diñeiro para mercar os materiais que necesitamos para elaborar os detalles que vendemos. Estas doazóns pódenas entregar nos puntos de recollida que temos ao longo da comarca. Tamén poden colaborar comprando algo dos detalles que vendemos como bolsas, cuncas, chaveiros, estoxos… Os donativos que pedimos tamén foron para facer o ano pasado uns panos para os pequechos enfermos que pon “Pequenos Guerreiros”. O material para facelos só pode ser de algodón e sen químicos, isto saíunos caro. A man de obra para coser foi gratis, fíxonola unha costureira para achegar á causa. Estes panos aínda os vendemos e ímolos a entregar este ano tamén.
Onde podemos comprar estes detalles?
No teléfono 629535302, entrando na miña páxina de Facebook Digna Domínguez Álvarez ou na de Almudena García, que é a persoa que elabora estes detalles. Aquí temos toda a información dispoñible.
Logo nos seguintes locais pódese deixar xoguetes novos ou mesmo diñeiro para colaborar.
As Neves: A librería do Xes, Mobles Durán, Fel y Mar e Dentista Dra. Lucia Sales-Sela.
Salvaterra de Miño: Agrícola Salvaterra
Ponteareas: Gráficas Rome e Bippy juguetes.
Gondomar: Shapell, + Que Juguetes, Cafetería Mon e Avenida droguería.
Nigrán: Moda Rafiki- Ramallosa , Quiromasaje Ángeles Polo, Librería Piño, Loterías de La Peña, Lalos nasas, Vavi juguetería, Bar Dàrriba-Chandebrito, Dragonfly parK, Bippy juguetes e Frutería Nigrán.
Baiona: Milar Baiona, A despensa que gusta e Cafetería panadería Yahoma-Sabarís.
Vigo: Minimonstros / Arrolos de Mai – Navia, Mobby Dyck – Coruxo, Estanco Estación – Coruxo, kiosko Trébol – Coruxo, Instituto de la Salsa,Hotel Bahía,Nova Roda Motorsport – Valadares, Juguettos Vialia e Euronics – Priegue.
Redondela: Farmacia Silvia López, Círculo recreativo –Chapela e Bippy juguetes.
Porriño: Academia Bastón e Bippy juguetes.
A Guarda: Bippy juguetes.
Tui: Bippy juguetes.
Melgaço: Salón Nathalie París.
Calquera cousa, por pequena que sexas, é benvida. Uns lapis de cores, un pequeno xoguete, un caderno… O único requisito é que ten que ser novo e preferiblemente sen envolver.
Cando ides facer a entrega a estes e estas pequenas guerreiras no hospital?
A entrega farémola o día 16 de decembro ás 16:00 H da tarde no Hospital Álvaro Cunqueiro. Os moteiros e moteiras que se queiran sumar a esta iniciativa teñen que estar este día alí disfrazados de Papá Noel. Hai moteiros que quedan fóra na rúa facendo soar as motos para que estas persoas pequechas vexan as motos e outros entramos nas habitacións para entregar os xoguetes a todos os nenos e nenas que estean no hospital.
Esperamos que este ano o tempo acompáñenos. O ano pasado choveu moitísimo e fomos poucas as persoas que desafiamos ao mal tempo para ir en moto ata o Álvaro Cunqueiro, moteiro sempre, aínda que chova. Mais a choiva non impediu que puidésemos deixar agasallos en pediatría, oncoloxía e urxencias pediátricas. Mesmo deixamos unha caixa para que as enfermeiras entregásenllos aos pequechos pacientes que tivesen nos seguintes días.
Grazas a “Amig@s Moteir@s” por esta acción solidaria tan bonita para poder levar carros cheos de ilusións a estes e estas pequechas que teñen que estar convalecentes nun hospital nunhas datas tan sinaladas e poder sacarlles un sorriso. Desexamos que as nosas páxinas sirvan para que consigades a colaboración das persoas tan necesaria para poder levar a cabo esta bonita iniciativa.