A Mesa e o grupo de lingua do estudantado de Medicina preséntanlle ao Presidente do Parlamento a campaña Falar galego é saudábel

A Mesa de normalización A Nova Peneira

As entidades inciden no uso do galego entre persoal sanitario e doentes como boa práctica que evita erros de comprensión e favorece a precisión: “O que é bo para as e os doentes é bo para o persoal sanitario”

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización do estudantado de Medicina presentáronlle a campaña Falar galego é saudábel ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como representante da primeira institución de Galiza, médico de profesión e persoa comprometida coa saúde en galego. Durante o encontro, Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa; Francisco Pérez e Sarela Betanzos, do Grupo de Normlización Lingüística do Estudantado de Medicina; e Henrique Villena, médico no Hospital Clínico Universitario de Santiago fixéronlle entrega a Miguel Santalices dunha copia dunha fotografía inédita da pomoción de Medicina do curso 1909, da que formou parte Castelao, e que, como recordou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “enfrontou a epidemia de influenza de 1918 co galego como lingua de relación entre profisionais e doentes”. Maceira ligou ese compromiso coa lingua e a saúde coas promocións actuais que impulsan a lingua nas aulas e nos centros de traballo.

As entidades incidiron no uso do galego entre persoal sanitario e doentes como boa práctica que evita erros de comprensión e favorece a precisión: “O que é bo para as e os doentes é bo para o persoal sanitario”, recordou Sarela Betanzos. Mentres que o seu compañeiro Francisco Pérez recordou que o obxectivo do seu grupo é “normalizar o uso do galego tanto nas aulas como nas consultas”. A campaña Falar galego é saudábel xurde co obxectivo de que a lingua galega se desenvolva con normalidade como lingua de relación entre persoal e doentes, nun contexto no que -segundo o último estudo IGE- o 41% das persoas que falan só en galego ou máis galego que castelán mudan ao castelán ao se dirixiren a médicas e médicos; e no que, segundo ten documentado amplamente a Mesa, existen casos de discriminación lingüística que fortalecen o prexuizo de que o correcto é deixar de falar galego ao se dirixir ao persoal médico. “Esta campaña”, afirmou Maceira, “vai ser unha maneira de demostrar pola vía dos feitos que lingua e a saúde pública son dous elementos de cohesión social”. “Fronte a prexuizos e malas prácticas”, asegurou Maceira, “a lingua galega únenos a persoal sanitario e a doentes, da mesma maneira que a necesidade de termos un servizo público de calidade”.

“Queremos enfrontar esta realidade directamente desde a lingua das usuarias e a vontade maioritaria favorábel ao galego das e dos profesionais da saúde”, concluiu Maceira, “porque unha lingua normal é a que se pode usar con reciprocidade en todas as situacións da vida, sexa quen for a persoa interlocutora, tamén no ámbito sanitario, un ámbito no que ademais a empatía e boa comunicación entre as partes é absolutamente imprescindíbel para obtermos os mellores resultados”. Para reforzar esta mensaxe, repartiranse cartaces informativos polos centros de saúde e hospitais públicos, así como unha chapa que se distribuirá entre persoal e persoas usuarias co slogan Fálame galego, é saudábel.

A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos.