O C.D Arcade,máis dun século levando o nome de Arcade polo mundo

O ano 1923 non só foi no que naceu o RC Celta. Nas terras de Arcade tamén vía a luz O CD Arcade e hoxe, máis dun século de existencia despois, milita con moita dignidade en 1º autonómica, hai pouco chegou a estar en categoría preferente. Contan con 12 equipos de fútbol, 10 de homes e dous de mulleres. E máis de 160 mozas e mozos poden practicar deporte nas súas ringleiras. Desde ANP dámoslle os parabéns a este conxunto polo seu primeiro século de existencia, e transmitímoslles os nosos mellores desexos de que este século de vida non sexa máis que o primeiro de moitos. Nós conversamos con Joaquín, un mozo de 26 anos, natural de Soutomaior que exerce de coordinador do equipo.

Joaquín Martínez, coordinador

Debemos aspirar a ascender e a consolidarnos en preferente”

Queremos coñecerte un pouco máis

Ben, eu son de Soutomaior, en concreto de Romariz, teño 26 anos e dedícome ao fútbol.

Pero coa idade que tes aínda poderías estar xogando?

Si, a verdade é que si. Pero eu a práctica do fútbol deixeina pronto, aos 18 anos e xa me dirixín a adestrar. A min sempre me chamou máis adestrar que xogar.

Canto tempo levas como coordinador do Arcade?

Levo tres anos.

Exactamente cales son as túas funcións?

Coordinar os horarios, os equipos e o día a día da semana.

Cantos equipos tendes?

Temos 12 equipos, 10 masculinos e 2 femininos. Temos fútbol 11 e fútbol 8.

E fichas cantas tendes?

162.

De onde son os xogadores e xogadoras?

Moitos son do noso Concello, de Arcade e de Soutomaior. Tamén temos de Pontevedra, Vigo e Redondela.

Cal é o voso uniforme?

Camiseta e medias azul mariño, e pantalón branco.

Onde xogades os vosos partidos?

No campo municipal do Salgueirón de Arcade.

Que tal están as instalacións?

Están moi ben. Mudáronas hai poucos anos e mantéñense ben.

Como levades a cuestión económica?

Como todos equipos modestos: En base as subvencións, e as cotas dos socios e dos nenos. Tamén temos patrocinadores publicitarios, cobramos entradas os días dos partidos do equipo sénior e facemos algunhas rifas de cando en vez.

Que tal se porta Concello de Soutomaior con vós?

Pórtase moi ben. Estamos moi contentos. Aínda hai pouco tempo nos arranxaron a iluminación e o rego. Nós tratamos co alcalde e co concelleiro que leva deportes, Pablo Garrido, e vemos que en ambos casos hai moi boa vontade e sempre que temos un problema tratan de solucionalo canto antes e da mellor maneira posible.

Como é afección do Arcade?

É unha afección tranquila.

Estades contentos coa vinculación do pobo de Arcade co seu equipo?

Coa nosa afección, a que nos apoia en todo momento, si que estamos moi contentos e agradecidos, desde logo que si. Pero a min gustaríame que viñera máis xente aos partidos e que se implicara co equipo. O club leva o nome de Arcade por moitos sitios e entendo que é un dos elementos que nos identifica como pobo.

Cal é o voso principal rival deportivo?

O nosos derbi é co Soutomaior. Aínda que agora estamos en categorías diferentes. Nós en primeira autonómica e eles en segunda, descenderon o ano pasado. Son os partidos nos que metemos máis xente, tanto nós como eles.

E son partidos moi tensos?

Sempre gusta gañar, desde logo, pero non é que haxa unha especial tensión. Ao fin e ao cabo hai xente de Arcade que xoga no Soutomaior e xente de Soutomaior que xoga no Arcade e en moitas ocasións os xogadores dos dous equipos son amigos.

Eles xogan no mesmo campo ca vós?

Non, eles xogan en Soutomaior, aínda que os dous campos están moi preto.

O equipo sénior masculino compite en primeira autonómica,e o feminino?

Sénior feminino non temos. De rapazas temos cadetes e infantil, pero sénior non.

Por que motivo non?

Xa o tivemos o ano pasado, pero moitas nenas tiveron que marchar por cuestións de estudos. Agora van subir un grupo moi bo de cadetes e agardamos podelo facer proximamente.

Que tal van os sénior masculinos en primeira autonómica?

Imos pola metade da táboa. Pasamos unha mala racha de varios partidos sen gañar, pero xa retomamos as vitorias e no momento de facermos esta entrevista estamos de novenos, só a tres puntos do quinto posto, que é o noso obxectivo.

Por que o 5º posto é o voso obxectivo, sé a fase de ascenso só a disputan o 2º e o 3º?.

Actualmente é moi difícil formularse o obxectivo de quedar 3º, e en consecuencia disputarmos a fase de ascenso. Hoxe estamos a 14 puntos do 3º posto. O noso obxectivo é quedar en quinto lugar porque desa maneira igualariamos a clasificación do ano pasado.

Honestamente Joaquín: Ti sendo natural de Romariz, antes de formar parte do equipo técnico do Arcade de que equipo eras seareiro, do Arcade ou do Soutomaior?

Ha, ha , ha, ha..Eu sempre fun do Arcade, porque fun xogador deste equipo xa desde prebenxamíns.

E cando xoga o Soutomaior queres que gañe, que perda ou dáche igual?

Ha, ha , ha.. Gustaríame que estivera na mesma categoría que estamos nós, pero sempre por baixo nosa na clasificación.

Tendo en conta a realidade económica social e demográfica de Arcade cal cres ti que sería a categoría natural na que o Arcade se debera de consolidar?

Eu creo que a preferente. Entendo que debemos de apostar moi forte por construír un proxecto deportivo sólido que nos permita ascender e consolidarnos na categoría preferente.

Economicamente sería viable?

Sería difícil, pero realizable.

Cantas persoas hai na directiva?

Oito persoas.

Algunha muller?

Non, todos homes. Non hai mulleres porque non cadrou. Pero non habería o máis mínimo problema en incorporar a algunha. É máis, estariamos encantados.

Canto tempo leva o presidente Miguel García?

12 anos

O equipo é do mesmo ano có Celta, de 1923, supoño que cando esta directiva decida dar un paso atrás non haberá ningún problema de continuidade?

Eu entendo que non o debera de haber.

Imaxino que os actos do centenario deberon ser moi bonitos?

Pois si, a verdade é que si. Fixemos moitos e moi diversos actos, que incluíron un partido co Celta de veteranos e foi todo moi emocionante.

Unha última pregunta Joaquín: De que equipo es ti?

Eu son so Depor.

Do Depor, vaia cousa rara en Arcade, e non tes piques cos compañeiros do Celta?

Ha, ha, ha, ha..Si, si que os teño, pero sempre sans.