A UD Atios é moito máis que un club deportivo, é un lugar onde a paixón, o esforzo e a ilusión únense para construír unha gran familia. Desde os seus inicios, o club foi un punto de encontro para quen cre no valor do deporte, crecemento persoal e orgullo dunha parroquia. Con dedicación e compañeirismo a UD Atios continúa escribindo a súa historia día a día, impulsada polo compromiso dos seus xogadores e xogadoras, o apoio incansable da súa afección e o amor polas cores que os representan.
Nós falamos con Jose, o seu presidente. El é un home co que sentarse a conversar é un perigo notorio, pois é un tipo tan agradable que como un se despiste perde inexorablemente a seguinte cita que teña na axenda.
José Cebreiro Vázquez, presidente do club .
“A U.D. Atios é un orgullo para a parroquia, da que leva o nome por toda Galicia. A entidade funciona como unha gran familia e quero dicirlle aos nosos veciños que sigan apoiando ao club coa mesma paixón, pero sempre con educación”
Cando comezou a túa relación con o mundo do fútbol en xeral e coa U.D. Atios en particular?
A miña relación co fútbol comezou moi cedo, empecei a xogar con sete anos. Desenvolvín toda a miña infancia deportiva no Celta, pasando polas categorías benxamíns e posteriores porque son de Vigo, pero acabei instalándose en Atios por motivos laborais. Desde decembro do ano 2000 traballo no Porriño, e en 2006 establecinme a vivir aquí.
No ano 2012 inscribín ao meu fillo nas categorías inferiores do Atios. Aínda que o rapaz acabou deixando o club, isto foi a porta de entrada para que me integrase máis no funcionamento do club.
Entraches xa como presidente na directiva do club, canto tempo levas?
Si, aínda que sendo pai dun xogador. Asumín o cargo na tempada 2015, aínda que ás veces o labor se fai duro, tamén me aporta moitas satisfaccións. Agora estamos no segundo mandato.
Tes pensado seguir?
Aínda non decidín se continuarei máis aló dos dous anos que me quedan. O que podo dicir é que detrás do fútbol base hai un enorme esforzo, tanto da directiva como dos adestradores e os rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos cada semana e xogan cada fin de semana. O fútbol é un deporte que ten que gustar e require moita dedicación para que os nenos e nenas o desfruten. O meu desexo é que os máis pequenos gocen, sorrían e que o ambiente sexa positivo e de agrado para todos, xogadores, familias e seareiros.
Como valoras a implantación que ten o equipo na parroquia de Atios?
Moitos dos cativos que xogan nos equipos son veciños da propia parroquia, que acoden ao campo do Carballo camiñando ou en bicicleta. Isto reforza a integración da club no tecido social de Atios.
A U.D. Atios é un orgullo para a parroquia, da que leva o nome por toda Galicia. A entidade funciona como unha gran familia, na que tamén participa activamente a Comunidade de Montes, que colabora de maneira estreita con nós.
Cantos equipos e cantas fichas tendes?
O club conta actualmente con 235 xogadores pertencentes aos 12 equipos que compiten desde a Preferente Galicia, categoría do equipo sénior, ata as categorías inferiores.
Tedes rapazas xogando no club? e equipo feminino?
O club ten entre 8 e 10 rapazas repartidas por diferentes categorías, xogando sempre en equipos mixtos. Non temos equipo feminino propio, e isto é para min unha gran frustración. Levamos desde hai oito anos intentando crear esta modalidade, pero non conseguimos reunir o número suficiente de xogadoras para poder formar equipo. Non ter equipo feminino é un problema para as rapazas porque cando chegan á categoría xuvenil, xa non poden competir en equipos mixtos e vense obrigadas a marchar a outros clubs con sección feminina. Nalgunhas categorías temos 2 ou 3 rapazas, e mesmo unha, que xoga de porteira, foi convocada pola selección de Vigo, polo que, “canteira hai”. Oxalá sexamos capaces de conseguir montar esta categoría.
Que importancia ten a canteira para o club?
A canteira é esencial para o club. Cando cheguei, só existían cinco equipos en total, incluído o sénior. Na actualidade temos doce, o que representa un crecemento importante. Conseguimos incluso competir en Liga Galega en dúas ocasións co equipo xuvenil, un fito para o club.
O equipo sénior actualmente lidera a clasificación da preferente sur. O Obxectivo deportivo do equipo é o ascenso a 3º división?, non acadalo sería un fracaso?
Si que somo líderes de Preferente Galicia pero desde o club non nos obsesionamos co ascenso a Terceira.Atios é unha parroquia moi pequena que compite contra concellos moito maiores. A pesar desta diferenza, estamos “moi orgullosos” do conseguido ao longo dos anos: levamos entre 13 e 14 tempadas sen descender e sempre permanecen nas posicións altas da categoría. Dende que chegamos á directiva, practicamente cada tempada estivemos preto do ascenso, facendo terceiros, segundos ou cuartos postos, e mantendo unha regularidade alta. Isto xa é un logro e non ascender para nada sería un fracaso.
Onde xogades os vosos partidos e que tal están as vosas instalacións?
No Campo do Carballo que é municipal e, aínda que está en bo estado, o céspede artificial xa mostra desgaste. O actual terreo de xogo foi renovado hai uns quince anos, pero coa carga de adestramentos e partidos xa necesitan un cambio de céspede e, a maiores, a construción dun campo anexo.
Desde o club xa trasladamos esta proposta ao Concello e á Comunidade de Montes. Eu tamén son comuneiro, e non habería problema en ceder terreo comunal para a construción dun campo a maiores. Estamos á espera de que o Concello se decida a financiar e comezar a obra. A necesidade volveuse máis urxente porque se o equipo sénior ascende a Terceira, teriamos que cambiar o céspede pois para competir non pode ter tantos anos.
Que tal se porta o Concello de O Porriño con vós?
O Concello do Porriño colabora bastante co deporte en xeral e co club en particular, aínda que sempre existe marxe para pedir máis axudas, non nos podemos queixar. Estamos pendentes das melloras prometidas e pendentes de seguir coas conversas, pero o Concello está pola labor de facer un campo a maiores e desexo que cumpran a súa promesa.
Como levades a cuestión económica, con que orzamento anual contades?
O club manexa para a tempada 2025-2026 un orzamento aproximado de 160.000 euros. Cantidade necesaria para cubrir gastos de desprazamentos, arbitraxes, fichas, equipamento e salarios. Só nunha fin de semana, entre o sénior e catro partidos da base, os arbitraxes poden supoñer uns 600 euros.
O financiamento chega dos nosos patrocinadores principais que son Concello do Porriño, Comunidade de Montes de Atios, Gumerjo, Construcións Pérez, Terazapatos, Coren, Deputación de Pontevedra e unhas axudas da Xunta de Galicia. Ademais das cotas dos socios xerais que temos entre 150-200, logo están os socios de base que son as familias dos xogadores e tamén traballamos a cantina.
Estes socios e socias acoden a vervos xogar ou son socios por colaborar co equipo?
Son socios e véñennos ver xogar. Temos unha asistencia ao campo elevada, contamos cunha media de 350 a 400 persoas por partido. En encontros decisivos, como fases de ascenso, chegamos ás 600 ou 900 persoas. Isto é motivo de enorme orgullo para unha parroquia pequena coma a nosa de apenas 2400 habitantes.
Cal ou cales son os partidos de máxima rivalidade para vós? E como os vive a vosa afección?
A nosa rivalidade é co Porriño Industrial, o “veciño”, un partido moi esperado cada temporada. Ademais, xogamos xuntos no noso campo o último partido do ano e mesmo veu a tocar a Rondalla de Atios, desde o club fixemos que este partido se convertera nunha gran festa para toda a parroquia. Estes derbis vívense con intensidade: durante toda a semana en Atios non se fala doutra cousa, e supoño que no Porriño sucede o mesmo. A rivalidade é moi sa e, no campo, cada un defende o seu sen problemas.
Tendo en conta a realidade económica e demográfica da parroquia de Atios, cal sería, ao teu xuízo, a categoría na que o equipo debe aspirar a consolidarse?
Coa estrutura actual, o “teito” natural do Atios sería poder consolidarse en Terceira . Manter o equipo nesta categoría sería viable e asumible para o club, tendo en conta os nosos recursos e a realidade da nosa parroquia.
Xa por último José, queres dicir algo máis?
Dicirlle aos nosos veciños que sigan apoiando ao club coa mesma paixón, pero sempre con educación. É un orgullo que, a pesar da gran afluencia de público nos partidos, nunca houbo incidentes.
Agradezo tamén a A Nova Peneira que se acorde do Atios por segunda vez e valoro o seu esforzo en dar visibilidade aos clubs de base, fundamentais para o deporte local. Á base dálle moito traballo buscar constante colaboradores, socios e axudantes e que nos deades visibilidade é de agradecer.
