O portavoz municipal do BNG critica o gasto de 10.000 euros en plantas ou a solicitude dun crédito de 1,2 millóns de euros
Os informes técnicos sinalan a necesidade de introducir correccións nas contas aprobadas polo PP para evitar un plan de axuste
Mos, 5 de decembro de 2025.
O pleno do Concello de Mos aprobou, cos únicos votos a favor do PP, o orzamento municipal para o ano 2026, unhas contas que o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cualificou como “chapuza”. No propio pleno, Barcia definiunas como “un decorado de cartón pedra co que pretenden agochar a nefasta xestión do goberno de Nidia Arévalo”. Os propios técnicos municipais puxeron en evidencia os problemas económicos que está a atravesar o concello, ao sinalar que hai máis dun millón de euros en facturas nos caixóns que esixirán a aprobación dun novo recoñecemento extraxudicial de crédito.
O informe de control financiero advirte sobre a necesidade de adoptar medidas para corrixir o rumbo económico. Se non, o Concello verase na obriga de someterse a un plan de axuste. Barcia denuncia que o goberno do PP “desoe sistematicamente as advertencias dos técnicos municipais” e reclama unha maior seriedade á hora de contratar servizos e realizar investimentos.
O portavoz nacionalista considera que as contas que se levaron a pleno son “unha ficción propagandística” e ofreceu varias mostras de como o PP de Nidia Arévalo está a malgastar os cartos do Concello. Considera inxustificado, por exemplo, destinar 10.000 euros a “plantas de temporada”, cando xa existe un contrato de mantemento de espazos verdes, por un importe de 120.000 euros, que debería cubrir esa necesidade. Tampouco entende, Gustavo Barcia, a necesidade de pedir un crédito de 1,2 millóns de euros para facer pequenos investimentos. Neste sentido, indica que, “atendendo á lei e aos informes de intervención, é moi probable que este crédito non se poida pedir”.
O orzamento para 2026, en opinión du grupo municipal do BNG, non presta a atención debida ás necesidades das entidades culturais e deportivas do Concello. Tampouco destina recursos suficientes ao Centro de Información á Muller (CIM), malia que a alcaldesa manifestara a súa intención de reforzalo. O feito é que a partida destinada ao CIM non sube nin un euro con respecto á de 2025. Non se asigna ningunha cantidade para os postos de traballo da psicóloga e a avogada que deberán crearse coa próxima modificación da RPT; tampouco para as tres novas prazas de Policía Local que se anunciaron. Tal como indica Barcia, “se non se dotan orzamentariamente, estes postos non se poden ocupar”.
Emendas rexeitadas
O Partido Popular desprezou, no debate plenario sobre os orzamentos, todas as emendas presentadas polos grupos da oposición. O BNG solicitou a creación de novas partidas destinadas ao estudo de custes do novo contrato do SAF, a axudas para actividades culturais ou á compra dos terreos do castro de Torroso. Do mesmo modo, o grupo municipal nacionalista propuxo ampliar notablemente as contías destinadas a programas de igualdade, actividades con escolares ou axudas a clubs deportivos, entre outros aspectos. O goberno de Nidia Arévalo rexeitou todas e cada unha das propostas.
