Eleccións galegas o 12 de xullo

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A NOVA PENEIRA POLO CAMBIO

O próximo 12 de Xullo haberá eleccións ao parlamento de Galicia. As mulleres e homes deste país teremos novamente a responsabilidade de decidir que tipo de goberno queremos na Xunta. E todo parece indicar que só hai dúas alternativas realistas, desde un punto de vista aritmético, para poder conformar goberno: Ou ben que a dereita manteña a súa maioría absoluta, ou ben que a suma das tres forzas de esquerda que van obter representación parlamentar PSdG, BNG e GC chegue ao número de votos necesarios para que se poida conformar unha maioría alternativa. Nós falamos cos tres candidatos á presidencia da Xunta que aspiran a poder conformar un cambio político en Galicia e de seguido ofrecémoslles as súas impresións ao respecto deste proceso electoral. Porén, tamén queremos expresar a nosa. Velaí vai:

-Convocar eleccións en pleno estado de alarma, cando a crise sanitaria aínda non se superou e cando decenas de persoas morren no estado cada día, e centos de seres humanos seguen a contaxiarse é unha irresponsabilidade que di moito, e todo malo, de quen as convoca. E si, di moito e malo do PPdG, e tamén di moito e malo do PNV.

-A diferencia entre ter escrúpulos e non telos está, neste caso, en que cando chegou a pandemia, quen os ten, baixou o pistón e se centrou no verdadeiramente importante, e quen non os ten, nunca deixou de facer campaña electoral, utilizando de maneira sistemática a televisión pública e os medios afíns. O PPdG acode a estás eleccións nunha situación de clara vantaxe , con relación á oposición.

-Todas e todos que se sintan conformes cun modelo de sociedade que defenda os recortes nos servizos públicos esenciais, as privatizacións, a lexitimidade de facer negocio cos elementos imprescindibles para a vida( a sanidade, a educación o coidado das persoas maiores, a enerxía a auga…) teñen unha opción clarísima na que confiar o PPdG, ou os seus homólogos verdes e laranxas.

-Todos e todas os que se sintan conformes cun modelo de sociedade que sempre se opuxo, sempre sen excepción, aos avances sociais( ao divorcio, á interrupción do embarazo, ao matrimonio homosexual, aos dereitos das persoas LGTBI, ao combate contra a violencia de xénero…)teñen unha opción clarísima na que confiar o PPdG ou os seus homólogos verdes e laranxas.

-Todas e todos os que consideren que se pode arrasar a natureza para construír centros comerciais que só benefician a especuladores amparados por políticos e políticas con poucos escrúpulos, teñen unha opción clarísima na que confiar, O PPdG ou os seus homólogos verdes e laranxas.

-Todas e todos os que se sintan conformes con que os asuntos de Galicia deben ser dirixidos desde Madrid teñen unha opción clarísima na que confiar o PPdG, ou os seus homólogos verdes e laranxas.

-Todas e todos aos que non lle importe que desapareza o noso idioma, teñen unha opción clarísima na que confiar o PPdG ou os seus homólogos verdes e laranxas.

-Todos e todas as que aspiremos a un modelo diferente, que fundamente as relacións entre as persoas e co entorno na xustiza social, no pacifismo, no feminismo, na cooperación, no ecoloxismo, nunha fiscalidade progresiva e xusta, na defensa dun sector público coa densidade suficiente para non deixar que ninguén viva por baixo do limiar da dignidade, temos tres opcións con posibilidades de obter representación no parlamento, representadas polas tres persoas entrevistadas, onde elixir.

-Todas e todos os que consideremos que todos os pobos do mundo, incluído o pobo galego, temos dereito a escollermos o noso propio camiño, temos menos ca tres opcións, pero algunha tamén temos.

-A dereita vai tentar transmitir a idea de que o partido xa o teñen gañado, de que a maioría absoluta do PP está de novo garantida, co gaio de tratar de desmobilizar ao electorado crítico, pero non é así. O partido está aínda por xogarse, e calquera cousa pode pasar. De feito se nos fixamos no resultado das eleccións estatais de Novembro do ano pasado, a suma de votos de PP+VOX+C,S é 648.446, mentres que a suma de votos do PSOE+BNG+UNIDAS PODEMOS(Galicia en Común) é de 766.070.Se ti formaches parte desas 766.070 persoas que entendes que un modelo de sociedade se debe construír baseado na xustiza, e non no negocio, na cooperación e non na competición, no diálogo e non no odio, vota por favor, non te quedes na casa . Vota polo PSdG, polo BNG ou por Galicia en Común pero vota, é máis urxente que nunca.