O alcalde asinou o convenio de colaboración coa Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil de Redondela, que presta servizos durante as festas que se celebran no municipio
Ponte Caldelas, 4 de xaneiro de 2020
O Concello de Ponte Caldelas asinou o convenio de colaboración coa Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil de Redondela, a través do cal a formación seguirá prestando servicios no municipio ao longo de 2020. A subvención é de 8.000 euros anuais e a agrupación comprométese a velar pola seguridade e o bo discorrer das actividades nos múltiples eventos que se realizan dende o Concello de Ponte Caldelas.
Así, durante o ano 2019 acudiron a diversas festas e eventos que se celebraron na vila: Entroido de Verán, Festa da Troita, Festa das Dores, concertos, tractorada, xuntanza cabalar, e moitos outros eventos sociais e deportivos que se desenvolveron a nivel municipal e así seguirá acontecendo ao longo do ano 2020.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destacou a labor que levan a cabo os voluntarios de Protección Civil, unha agrupación que complementa as funcións da Policía Local de Ponte Caldelas e que sempre está disposta a colaborar para previr incidentes nos moitos eventos que se celebran no municipio do Verdugo.