Félix Juncal alcalde de Bueu

Alcalde de Bueu
Tino Lago

No ano 2.019 o BNG de Bueu, encabezado por Félix Juncal acadaba a súa cuarta vitoria consecutiva nas eleccións municipais. Porén, desta volta sufriu un importante descenso tanto en votos como en concelleir@s, pois pasou de 12 a 8 perdendo a maioría absoluta. Naquel momento había unha pulsión, de certa importancia, polas rúas de Bueu que falaba dunha certa relaxación do goberno local. Félix manifestounos ser coñecedor desa corrente de opinión, comprendela e respectala pero consideraba que non se correspondía coa realidade. Hoxe, no ecuador do mandato, volvemos falar con el e encontrámolo con moita enerxía, ilusionado e con forza para seguir pelexando. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Teño toneladas de ilusión e gañas por seguir facendo cousas para mellorar a vida da veciñanza de Bueu “

A última vez que conversamos, pouco despois de gañares as municipais do 2.019 , comenteiche que nas rúas de Bueu había segmentos de poboación que consideraban a existencia dunha certa relaxación do teu goberno. Ti manifestaches e defendiches o teu desacordo pero dixeches que eras consciente da existencia desa pulsión. Hoxe, no ecuador do mandato, estás relaxado Félix?

Ben, lembro todo o que dis e a miña resposta é a mesma que hai dous anos; non, non estou relaxado en absoluto. Asemade, desta volta creo que nin sequera as persoas máis escépticas poden considerar que este mandato, pandémico, estea a ser relaxado para nós. Todo o contrario, está a ser un mandato dunha extraordinaria tensión no que como consecuencia da situación sanitaria xorden realidades que son imposibles de resolver para un goberno municipal. A pesar da enorme dificultade do contexto COVID e das dificultades administrativas ,cada vez maiores, para tramitar todo tipo de proxectos, penso que estamos avanzando bastante ben nos obxectivos que nos marcaramos ao inicio do mandato.

A día de hoxe, 11 de agosto, como está a situación sanitaria en Bueu?

Hai uns días estabamos moi preocupados pois pasamos de 73 a 90 casos activos. Agora mesmo estamos en 81 casos. Levamos dous días consecutivos á baixa. Agardo que se confirme a tendencia descendente

Outros alcaldes e alcaldesas dinme que a pandemia provocou un aumento significativo de familias que precisan da axuda dos servizos sociais do concello, incluso para atender as necesidades máis básicas. En Bueu notastes esta situación?

Si. O ano pasado o persoal de servizos sociais tivo que se multiplicar para atender a moitas máis persoas e familias. Realizaron un moi bo traballo e continúan e continuarán facéndoo na medida que as necesidades poidan persistir sen baixar a garda en absoluto.

Falemos da RPT que acabades de aprobar. O PP manifestou a súa oposición afirmando que a aprobastes con informes contrarios dos técnicos municipais. Que ten que dicir o alcalde?

Si, iso era algo que nós xa sabiamos e xa apuntabamos que ía ser así. Entendemos que a decisión do goberno é a correcta e está apoiada por un informe xurídico

De quen é o informe?

É externo. Un informe especializado e rigoroso da empresa Galivalia

Esa empresa é á que denominou o PP de Bueu como “antigos asesores de Anxo Quintana”?

Eu non coñezo aos seus clientes, pero si podo dicir con certeza que colaboran con moitos concellos na tramitación de RPTs e asesoran moitas administracións en cuestións diversas. O seu rigor e a súa solvencia están de sobra acreditados. O que non é de recibo é o que fai o PP; criticar ao goberno por non aprobar unha RPT e logo criticalo tamén por aprobala

En calquera caso chamoume a atención a dura oposición do PP e logo que se abstiveran e non votaran en contra?

Si, a min tamén. Non quixeron dar a cara diante das traballadoras e traballadores co NON, que é o que realmente quererían votar

A RPT vai vir acompañada dunha suba de impostos municipais?

En principio non está na axenda do goberno. Aínda que non está de máis recordar que este goberno leva desde o 2.005 sen actualizar as taxas e impostos municipais, e nestes últimos anos a suba do IPC acumulado é tranquilamente dun 10%, o tipo do IVE sobe tamén do 16 ao 21.É dicir nestes anos o noso gasto sobe un mínimo de 15 puntos. E non actualizamos os impostos

Que tal as relacións co teu socio de goberno de ACB SON?

O entendemento e a comodidade son impecables

E a oposición do PP como a valoras?

O PP de Bueu non ten un proxecto para Bueu pensado desde Bueu. Son só unha sucursal do PP de Santiago. Non teñen perfil propio. Eu sempre lle estarei agradecido ao BNG pola confianza e pola autonomía para podemos facer o noso proxecto para Bueu, desde Bueu. Pensando só no ben común de Bueu.

Como está na actualidade a situación da veciñanza de Ons?

Está tranquila. Demostrouse que as e os veciños tiñan razón. Os controis que pretendían establecer a través de carnés non tiñan razón de ser. Neste momento tanto eles como o seu entorno poden iren con liberdade ás súas vivendas

Temos que darche os parabéns pola inauguración da piscina, sen dúbida un logro moi importante para Bueu. Pero da súa xestión estás satisfeito?

A súa xestión, de momento é parcial e transitoria. Nós agardamos que de cara a outono poidamos ter un contrato para a prestación do servizo. Ese contrato levará implícito que a empresa a que se lle adxudique ten que incorporar o equipamento necesario para as salas das distintas actividades físicas

Que volume de usuarios e usuarias aproximado ten de momento?

A pesar do escepticismo de moitos e de que aínda faltan as salas para actividade física temos arredor de 1.200 persoas inscritas que a utilizan con regularidade. Hai que aclarar que de momento é gratuíta, pero que cando comecemos a cobrar os prezos van ser razoables

Que coste anual vai ter o mantemento da piscina?

Arredor de 400.000€

Cando se comece a cobrar que porcentaxe prevés que sufrague o concello?

Todo depende dos ingresos que consigamos, pero o que sexa necesario ,claro.

É verdade que a piscina fíxose con fondos do Concello e da DEP, pois a Xunta puxo 0€?

Si, é verdade

Pero pedísteslle colaboración económica?

Reiteradas veces

E que vos contestaron?

Non nos contestaron

Tedes mal rollo co museo Masso?

Non, mal rollo, non. Si houbo un motivo de certo distanciamento derivado do proxecto de rehabilitación da carpintería de Ribeira .Nós tomamos unha decisión que tiña que ver cun criterio esencial : A seguridade. Parte da estrutura estaba en moi mal estado e non quedou máis remedio que modificar. Alí xurdiron as diferencias. Eu quédome coa satisfacción de non termos nin un só reproche da dirección xeral de patrimonio e quero dar as grazas a todas as persoas que co seu compromiso social son as responsables de que esa carpintería se conservase.

Na zona de Cividade hai un camiño no que un poste de Naturgy impediría o paso a unha ambulancia se tivera que desprazarse ata algunha desas casas. Es coñecedor desta circunstancia?

Si, claro. É nun camiño que vai de Norte a Cividade. Pero é un poste de media tensión e iso non é nada fácil. Xa hai anos intentamos resolvelo e con motivo dunha actuación que tivemos recentemente volvéronme a preguntar por iso. Novamente intentaremos estudar todas as posibles solucións a ese problema

Imos facer algo na Banda do Río?

Agora mesmo estamos traballando a nivel técnico no deseño do futuro do Barrio. Haberá un tratamento integral

Este é o teu último mandato Félix?

Non podo responder a iso de momento

Escoitei algunhas voces que me manifestaron que estás canso

Pois non. Todo o contrario. Estou ilusionado, moi estimulado e con moitas gañas de seguir facendo cousas. Que este sexa o meu último mandato ou non, non se poderá saber ata dentro de dous anos e dependerá de tres variables: a miña decisión persoal, a decisión colectiva dos compañeiros e compañeiras do BNG e, de ser o caso que me volva presentar a vontade maioritaria da veciñanza de Bueu.

Rematamos alcalde. Nestes dous anos que quedan de mandato temos previsto algunha actuación relevante?

Hai moitas pero por destacar algunha falar dun proxecto que consiste en que a partir da Biblioteca municipal crear un novo espazo fermoso con moitos e máis variados servizos que ata o momento non estabamos en condicións de prestar. Tamén imos completar a actuación na carpintería de Ribeira , por outra parte estamos a poucos días de que comece a segunda fase da rexeneración do entorno da igrexa de Hermelo…En definitiva; teño ilusión e gañas a toneladas por seguir facendo cousas que melloren a vida da veciñanza