Independentismo e cuestión (con)federal

Artigo de opinión A Nova Peneira
Moncho Lareu. Membro de Anova e do CC da FPG

O independentismo e o federalismo teñen sido dúas opcións estratéxicas de diferente importancia tanto na historia do nacionalismo coma do republicanismo galegos. O federalismo galego tivo moita forza na segunda metade do XIX da man de Aureliano Pereira (e incluso chegou a promover un “Proxecto de Constitución para o futuro Estado galego”en 1887), recuperou a súa vitalidade nos anos da II República e acabou sendo asimilado por toda a esquerda na malchamada “Transición”.

Pola súa parte o independentismo é residual no XIX, minoritario ou exótico no primeiro terzo do XX, e asumido como opción estratéxica fundamental polo comunismo galego non-sucursalista a partir dos anos 70/80 co PGP, Galicia Ceibe e PCLN. Dende este momento, e como temos glosado noutros artigos, foron habituais as alianzas tácticas –máis ou menos exitosas–entre o federalismo e o independentismo galego –sempre de esquerdas e republicanos–para acadar obxectivos comúns.

No marco destas alianzas, e tamén no interior de frontes, teñen xurdido debates sobre se é mellor para Galiza seguir sendo unha autonomía, a parte integrante dun estado federal (ou confederal) ou un estado completamente independente. Nestes debates sóese cometer o erro de pensar que unha estrutura (con)federalista se constrúe de arriba cara abaixo, como unha concesión do total ás súas partes, algo que contradí a esencia mesma do feito federal e confederal ao longo da historia.

Imos ver. Para a construción dunha Federación ou dunha Confederación, chámese Federación X (coma a Rusia actual), Confederación X (coma Suíza) ou Unión de Repúblicas X (coma a URSS), cómpre que as partes integrantes gocen dun momento inicial de independencia, de total soberanía para decidir libremente que tipo de relacións desexan establecer cos pobos ou nacións veciñas e a que partes desa soberanía van a renunciar para que se xestionen en común na (con)federación. 

Porén, se un estado xa pre-constituído, por moi descentralizado que sexa, decide establecerse como “estado federal” ou “estado conferederal” simplemente cedendo dende arriba maiores competencias ás súas autonomías, tal estado nunca será nin un auténtica federacíón nin tampouco unha xenuina confederación, tan só sera, en tal caso un estado autonómico cuxas partes gozan dun alto nivel de descentralización, pero sen capacidade iniciática real de ter decido soberana e libremente. 

En resumidas contas, a autodeterminación exércese dende abaixo, non se concede dende arriba. O dereito a decidir esixe as máis grande cotas de liberdade colectiva nacional para ser exercido, non pode vir da man de pactos entre forzas centralistas e forzas nacionalistas, por moi “soberanistas” que digan ser. Tan só unha república independente pode decir libremente o que quere ser e con quen quere selo. Dito doutro xeito, un auténtico federalista debe ser primeiro un activo independentista.