O un de xaneiro do próximo ano estaba prevista a entrada en vigor do verifactu, un sistema de facturación obrigatoria para todas as empresas que tributan no imposto de sociedades. No mes de xuño serían todos os autónomos os que se viran na obriga de introducir este sistema de facturas nos seus negocios. A situación en milleiros de pequenas empresas, a un mes vista de iniciar a obriga de facturar desa maneira, estaba moi próxima ao caos, pois moitas aínda non tiveran a posibilidade de implantalo e todo apuntaba que ía ser practicamente imposible que en tan pouco tempo estivera todo listo para que o 100% das empresas do estado español comezasen a facturar a través do verifactu.
O goberno do estado, probablemente obrigado pola presión política de Junts, adiou a súa entrada en vigor un ano, de tal maneira que será o 1 de xaneiro do 27 cando as empresas estean obrigadas facturar dese modo, e o 1 de xuño dese mesmo ano cando o teñan que facer os autónomos.
Nós conversamos cunha asesora fiscal de Salvaterra, Loli Gil de asesoría Terra, con máis de 25 anos de experiencia na asesoría de pemes e autónomos, para coñecer a súa opinión ao respecto do Verifactu en si, do proceso de implantación, e de como queda agora a situación das empresas despois de que un mes antes de que entrase en vigor , o goberno decidise adiar o seu nacemento ao ano 2027.
Loli Gil Pereira, asesora fiscal.
“ Penso que o Verifactu pode ser positivo para as empresas. Pero a maneira de implantalo é un tanto caótica”
Ti tes o negocio en Salvaterra, pero non es natural desta localidade, verdade?
Efectivamente. A miña familia é natural do Morrazo. Os meus avós emigraron a Venezuela e eu nacín alí. Vin a Galicia con 4 anos.
Tes algún recordo de Caracas?
Si, un parque no que eu xogaba cun coche vermello.
Volviches ao Morrazo?
Si, a Moaña. A miña familia é de alí.
Que estudaches?
Estudei económicas en Vigo.
Por que abriches o negocio en Salvaterra?
Os camiños da vida leváronme aquí. Levo 28 anos na profesión e xa levo 10 anos en Salvaterra. Estou moi satisfeita de ter montado nesta localidade o meu negocio, ata o punto que podo dicir con certeza que xa non penso cambiar.
Cales son a maioría dos teus clientes?
A ampla maioría son autónomos e pemes.
Cambiaron moito as circunstancias da pequena empresa nos últimos 30 anos?
Si, moito. Ás veces parece que para mellor, ás veces semella que para peor. Esto vai por temporadas. Se cadra os principais cambios resultan de que a profesionalización é cada vez maior.
Ben, falemos do Veri Factu. Que é?
É un sistema de facturación que a Administración Tributaria vai implantar de maneira obrigatoria para todas as empresas. Nun principio era obrigatorio utilizalo a partir do 1 de xaneiro do 26 para todas as sociedades que tributen polo imposto de sociedades, con independencia do volume de facturación. A partir do 1 de xuño a obrigatoriedade de uso tamén se faría extensiva para todos os autónomos.
En que consiste ese sistema de facturación?
O seu obxecto é combater a fraude fiscal. Trata de verificar a autenticidade a integridade das facturas e que todas as operacións comerciais se poidan comprobar cun código QR.
Ao levar un QR se un negocio se equivoca ao meter os datos do cliente ou do importe nunha factura, non a pode modificar?
Non, non pode. Ten que facer unha rectificativa.
A implantación é moi complicada?
Require dun proceso de adaptación que dependendo das características da empresa podería ser máis ou menos complicado. A un pequeno autónomo que se centra case exclusivamente no día a día do seu traballo si que lle pode resultar complexo.
O martes un de decembro o goberno anunciou que se adiaba un ano a entrada obrigatoria do Veri Factu. Ata o dia antes de sabermos esta noticia, como levaban as empresas que atendes a implantación dese sistema de facturación?
As sociedades máis grandes xa o estiveron implantando a partir de agosto para comezar xa no último trimestre do 2025.As empresas máis pequenas e os autónomos levaban bastante atraso. Nós durante o mes de novembro estabamos a lume de carozo para tratar de que todos o tiveran xa listo para xaneiro.
Vías posible ter todo listo para o 1 de xaneiro do 26?
A cousa estaba tremendamente difícil.
Con independencia da maior ou menor dificultade para a súa posta en práctica, este sistema, ao teu xuízo,ía facilitar o control da fraude fiscal?
Eu creo que o resultado, cando estea todo en marcha con normalidade, si que vai ser positivo. Penso que pode facilitar o control da fraude e incluso as empresas van ter mellor controladas as súas operacións comerciais.
Para as asesorías, ter atrasado a entrada obrigatoria deste sistema de facturación un ano, é unha boa ou unha mala nova?
Tal como estabamos agora si que é importante que nos dean máis tempo para a entrada en vigor do sistema. O que acontece é que vai ser todo un pouco caótico, creo eu. Non se pode avisar de algo tan importante con tan pouco tempo de marxe. A o meu xuízo o ideal sería que se implantase xa, como estaba previsto, pero que houbese varios meses de proba nos que as empresas non estiveran suxeitas a sancións polos posibles erros ou pola imposibilidade de facelo efectivo xa o próximo un de xaneiro.
Aínda que esta conversa era moitivada polo Veri Factu, quero preguntarche tamén pola directiva europea que determinaba que as empresas e autónomos que facturen menos de 85.000€ ano puideran non repercutir o IVE aos seus clientes?
Xa tiña que estar en vigor. O prazo rematou o un de xaneiro do 2025. España é o único estado da UE que non o fixo efectivo aínda. Non sei o motivo real de que non o fixeran. De feito en teoría non o poden facer. Pero ás veces entre a teoría e a práctica hai un camiño moi longo.
Cales son as principais eivas na relación entre as pemes e a administración?
A burocracia é excesiva. Os trámites son demasiados e deben de ser reducidos para poder axilizar a xestión do día a día, e que as empresas poidan centrarse en ter mellores resultados.
