2º Número da Revista O Pino

2º Número da Revista O Pino
2º Número da Revista O Pino

Por segundo ano consecutivo os alumnos e alumnas de segundo de bacharelato do IES Pino Manso do Porriño veñen de editar a súa revista O Pino. O curso anterior a publicación ,coa dirección do profesor de filosofía Pedro Ocampo, tratou de achegar contidos estritamente filosóficos, e este ano ampliaron o abano conceptual pois incorporouse Juan Carlos Lago, profesor de debuxo, e a denominación da publicación é

FilosofArte.

Parabéns a toda a comunidade educativa do Pino Manso por participar na creación desta marabillosa publicación que ten a valentía de apostar pola mocidade, de tratar de axudalos a crear un pensamento crítico autónomo, a única maneira de que estes mozos e mozas poidan chegar a converterse en futuros homes e mulleres libres , e parabéns ao concello do Porriño por financiala edición da revista e facela posible.

Pedro Ocampo profesor de Filosofía, e Juan Carlos Lago profesor de debuxo.

O máis emocionante de todo é constatar o enorme interese e a inmensa ilusión con que se implican os mozos e as mozas no proceso creativo da publicación”

Pedro o que no seu primeiro número foi unha publicación de Filosofía agora amplía o abano e é “FilosofArte”?

Si, este ano contamos coa colaboración do compañeiro Juan Carlos, que se integrou como un máis no equipo, e quixemos facer un exercicio práctico do que é o significado etimolóxico do termo Filosofía: amor á sabedoría, abrindo a nosa mente ao coñecemento da sensibilidade artística.

Ti no número anterior non estiveras non Juan Carlos?

Non, propuxéranmo pero o ano pasado non me foi posible. Este ano si colaborei con moito gusto nesta experiencia tan emocionante.

Como valorades ambos o resultado do primeiro número da publicación?

De maneira moi positiva. A ilusión que espertou nos alumnos e alumnas e o interese que despertou no público en xeral superaron ás nosas mellores expectativas, e déronnos folgos para non só continuar senón tamén ampliar o abano e tratar de abranguer máis disciplinas de coñecemento.

O ano pasado Pedro, estabas moi satisfeito da ilusión e o interese con que os alumnos e alumnas participaron no proceso creativo da revista. Foi igual este ano Pedro e Juan Carlos?

Si foi exactamente igual– di Pedro-.Eu non estiven o ano pasado-afirma Juan Carlos-pero a ilusión e o interese das mozas e dos mozos que participaron foi extraordinaria. De feito foi, para min, o mais emocionante de todo. Estou de acordo-manifesta Pedro- Este ano o número de alumnos e alumnas que se implicaron foi maior que o ano anterior e constatar como un rapaz ou unha rapaza, que ten a enorme presión da inminencia da proba de acceso á universidade, amosa interese por coñecer, por comprender e por transmitir a súa visión da vida permite manter aceso o facho de esperanza na humanidade.

Este ano conseguistes implicar a máis profesoras e profesores verdade?

Si, algo que que nos encheu de alegría. E seguiremos batendo nas conciencias para que para o curso seguinte sexan máis, e para implicar ás familias tamén.

Eu non teño por costume particularizar cando estamos a falar de proxectos colectivos, non me parece xusto. Pero en relación a este tema das e dos profesores , e despois de ler a revista con moito interese, vou facer unha excepción e quería pedirvos por favor que lle deades os meus parabéns a Paula, profesora de historia. Non a coñezo, pero o seu texto “ O Son da Miseria” é , ao meu xuízo, estética e conceptualmente brillante. Púxome os pelos de punta ….

Moitas grazas. Darémosllos claro que si. Seguro que lle fai moita ilusión.

Cando comezastes con este segundo número?

O forte foi no segundo trimestre. No primeiro tiramos a idea e no segundo xa nos puxemos a darlle duro. O traballo vai collendo velocidade a medida que avanza o curso.

E cando presentamos a publicación?

O día 23

A diferencia máis importante entre o número inicial e este está, supoño, na incorporación da perspectiva artística non Pedro?

Si, sen dúbida. Ti e eu xa nos coñecemos desde hai tempo, Tino, e xa sabes que eu son de ensanchar a mente todo o que se poida na abordaxe das disciplinas de coñecemento que os límites biolóxicos da vida nos permitan abordar.

É absolutamente así Pedro. Ti xa sabes tamén que a miña vida é unha continua viaxe, e os ratos que temos a oportunidade de compartir tempo e conversar son terriblemente enriquecedores para min. Este número, non só desde unha perspectiva estética senón tamén desde unha visión conceptual é máis sólido que o anterior?

Iso creo, polo menos é o que pretendemos. Detrás de cada texto, de cada tema que aparece na revista hai un enorme traballo previo de selección e análise.

Juan Carlos que criterios utilizaches para o deseño estético do exemplar?

Fundamentalmente deixar que eles deran renda solta á súa creatividade. E aprendín moito deles , non che vaias crer.

Por exemplo?

Pois a modo de exemplo podo mencionar a sobriedade da portada. Iso foi cousa deles. E que pode querer dicir iso? Que un adolescente pode ter a sensibilidade necesaria para preferir o conceptual ao ornamental, o significado ao significante.

Apaixonante. Os tipos humanos repítense e minusvalorar á xeración que ven despois é simplemente falso?

É falso si. Desde logo que esa tendencia que existe en todas as xeracións non se corresponde coa realidade. O mesmo feito de que os mozos e mozas se impliquen con enorme interese na elaboración desta revista é un indicio claro-apunta Pedro-de que ,como manifesta Juan Carlos, esa tendencia a minusvalorar á xeración que ven despois non é real.

Esta pregunta vai para os dous: A arte debe de ter unha finalidade exclusivamente estética? Ou debe de manifestarse ao respecto do contexto social no que se insire?

Juan Carlos: A arte forma parte dun contexto e así o debe transmitir. Pero baixo o meu punto de vista non debe de ser unha arte panfletaria. A arte non pode deixar de esixirse a si mesma uns parámetros estéticos mínimos.

Pedro: Eu son de filosofía, que che vou dicir …..

Ha ha ha ha. Seguro que compartes o meu criterio?

Creo que si. A arte ten que implicarse e axudar a que o espectador se faga preguntas a si mesmo. Calquera obra artística que provoque un sentimento, unha emoción ou unha dúbida no espectador está contribuíndo a facelo mellor.

Esta vai para Juan Carlos: Ti pensas que á hora de determinar a calidade dunha obra de arte existen parámetros obxectivos que poidan determinar se a ten ou non?

Non creo que exista un parámetro universal. Estes varían en función da cada contexto histórico. Isto non quere dicir que teña unha posición relativista. Non todo o mundo está capacitado para producir arte, igual que non todo o mundo pode ser futbolista ou entender os razoamentos matemáticos complexos.

Pedro se tiveras que sintetizar cal é obxectivo esencial da publicación?

Axudar aos mozos e mozas a que poidan construír un pensamento crítico autónomo coa valentía necesaria para romper as fronteiras e clichés do estritamente normativo.

Temos claro que no 2024 haberá número 3 supoño?

Si, desde logo que si.

Como se financiou a publicación?

Unha pequena parte púxoa o instituto e a maior cantidade foi financiada polo noso Concello.