Juan Óscar Otero Lago

Juan José Otero Lago

Vicepresidente da Asociación de Residentes de Mos en Buenos Aires.

Tino Lago

A primeira semana de Novembro tivemos o privilexio de compartir en Casa Gallardo xantar con Juan Otero Lago. El é un vello amigo arxentino de ANP, coa que ten colaborado en distintas ocasións enviándonos artigos e reportaxes de grande calidade sobre a historia dos mosenses en Arxentina de cuxa asociación é vicepresidente. Estes días estivo en Mos, aínda que como el di moitas veces:”eu nunca me fun de Mos”, e compartimos unha deliciosa conversa cun home lúcido, sensible, culto e emocionalmente moi vinculado á terra na que naceron, viviron e morreron todos os seus devanceiros, ata que ao seu pai e á súa nai, alá polos anos 50 do pasado século, non lles quedou máis remedio que cruzar o Atlántico para poder gañarse a vida. El falou diante do pleno da corporación pronunciando unhas emotivas palabras nas que reivindicou a figura do alcalde Segundo Pampillón. Con Juan conversamos de Mos, da súa historia persoal e da situación na que se encontra Arxentina. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Para min foi unha inmensa honra poder falar diante de toda a corporación sobre os mosenses en Arxentina”

Canto tempo levas no cargo?

Aproximadamente 10 anos, pero antes tiven outras responsabilidades. Eu levo toda a miña vida vinculado á asociación.

Cando se fundou a asociación?

En febreiro de 1918

A vosa actividade nestes 106 anos de vida foi ininterrompida?

Si, sempre.

Cal foi o motivo para crear a asociación?

A axuda mutua a todos os emigrantes que chegaban a Buenos Aires, a asistencia social e as axudas económicas entre todos os nativos de Mos.

En que estado chegaban eses emigrantes?

En estado de pobreza, en moitas ocasións, pois en Galicia non tiñan a posibilidade de gañar a vida e cun grave problema engadido que era o do analfabetismo. Era tan grave o problema que unha vez que en Buenos Aires comezaba a mellorar a situación dos nativos de Mos , na asociación tiveron a intención e a ilusión de financiar 10 escolas, unha en cada parroquia, para que os nenos e nenas de Mos tiveran a posibilidade de estudar.

Non foi posible cumprir esa ilusión, verdade?

Non, nos anos 30 do século pasado chega a crise e non foi posible obter financiamento máis que para construír unha escola.

En que parroquia?

Na zona de Coto Torrón, na parroquia de Tameiga. O colexio, polo que podemos observar nos libros de actas daquela época, estaba inspirado polas ideas dunha escola libre e laica. Foi inaugurado no ano 1932.

Nesta visita que fas a Mos, fuches a esa escola?

Si, estiven alí. A súa directora foi enormemente amable e me mostrou todas as instalacións. Foi unha visita moi emocionante para min. Nunha das paredes estaba pendurada unha escolma sobre a historia da creación do colexio e como comprenderás poder ver fisicamente o recoñecemento ao esforzo dos mosenses en Buenos Aires, e á súa contribución a que esa escola exista fixo que a miña emoción se multiplicara.

O analfabetismo era un grave problema de Galicia e foi causa de que moita xente marchara. E unha vez que tiveron posibilidades quixeran contribuír a solucionalo, de feito en Galicia hai exactamente 336 escolas que foron construídas co financiamento de emigrantes galegos en America, son as coñecidas como escolas indianas.

Non coñecía o dato, pero é impresionante, máis escolas que Concellos ten Galicia¡¡

É que esas cousas non se saben. E é necesario coñecelas primeiro para ter constancia das circunstancias inxustas e terribles que fixeron que milleiros de galegos e de galegas tivesen que emigrar para poder vivir, e segundo para valorar o amor que os que se foron seguían sentindo pola terra nai , e que lles fixo contribuír economicamente ao seu desenvolvemento.

Cantas persoas están asociadas á asociación de Mosenses en Buenos Aires? E cales son as vosas principais actividades?

Somos 460 persoas asociadas, e as actividades principais teñen que ver coa cultura de Galicia: Música, baile, literatura, lecer…….

E das case 500 persoas asociadas hai algunha que sexa nacida en Mos, ou sodes todas de segunda e terceira xeración?

Hai moitas que naceron en Mos. Hai netos, fillos e nacidos en Mos. Eu nacín en Buenos Aires pero o meu pai e a miña nai eran ambos de Petelos.

Cando se foron o teu pai e a túa nai?

O meu pai no 51 e a miña nai no 53. Casaron por poder.

Ti naciches no 62, cando comezaches a vincularte emocionalmente con Mos?

Desde sempre. Eu oía ao meu pai e á miña nai falar da beleza da súa terra, do acougo que transmitían o canto das súas augas, da inmensidade das súas fragas , dos seus camiños infinitos, da intensidade da súa luz …..e sentinme de Mos desde que tiven conciencia de existir. De feito eu teño 62 anos de vida e levo 62 anos de socio. Os meus fillos e os meus netos tamén son socios.

Como se financia a asociación?

Coas cotas dos socios e socias, cunha propiedade que a temos alugada para aparcadoiro, e cunhas axudas que nos brinda a Xunta de Galicia.

Cando foi a primeira vez que viñeches a Mos?

No 67. Tiña 5 anos e vimos en barco. A viaxe durou 15 días.

Non o recordas, claro?

Si, si que o lembro. Era moi pequeno pero o impacto emocional foi tan grande que deixou pegada no meu corazón. A patria dun ser humano é a súa infancia. Os que viven na aldea non se dan de conta da inmensa sorte que teñen. E dígoo con coñecemento de causa pois podo comparar Mos, onde estamos falando ti e eu agora, con Buenos Aires que é a cidade na que vivo.

Cada canto tempo ves a Mos?

A última vez que estiven foi antes da Pandemia. En calquera caso sempre manteño o contacto con amigos e veciños. Por outra parte como lle digo a moita xente que me pregunta o mesmo : Eu sinto que nunca me fun de Mos.

Como está a situación en Arxentina?

Difícil, moi complicada. Agardo e teño esperanzas de que poidamos saír adiante.

O goberno de Miliei reduciu significativamente a inflación. Como o fixo ? E con que consecuencias?

A receita que aplicou para reducir a inflación é moi sinxela: Liquidar o estado. E as consecuencias dese tipo de políticas é o aumento da taxa de pobreza ata o 60%.A modo de exemplo podo citarche o caso das e dos docentes universitarios : eles pasaron a cobrar un 6% do que estaban a cobrar con anterioridade. Reducindo de maneira tan brutal o público a inflación tamén se reduce, desde logo, pero a cantidade de persoas que caen nunha situación de pobreza se multiplica.

Como é posible que un país como Arxentina, con tal cantidade de recursos de todo tipo, teña un 60% de pobreza?

É posible porque os seus recursos son explotados esencialmente por oligopolios económicos e só benefician a uns poucos. De feito o presidente arxentino está apoiado por unha corporación de empresarios que son os que realmente mandan.

Fuches ao pleno da corporación mosense, verdade?

Si, fun moi ben recibido pola súa alcaldesa e tiven a honra de pronunciar unhas palabras diante de toda a corporación. Foi moi emocionante para min poder expor diante de toda a corporación municipal a historia dos mosenses en Arxentina e falar do noso presente e das expectativas para o noso futuro.

Cando volves Juan?

Nunca me fun de Mos.