
Un intento de linchamento, xa sexa real xa sexa virtual, prodúcese cando unha apreciable cantidade de persoas atacan a un individuo, que ao estar en inferioridade de condicións vai ser inevitablemente derrotado, sometido ao escarnio público, esnaquizado, destruído , virtualmente asasinado, e incluso, dependendo da virulencia dos ataques recibidos, ata pode que non volva ter posibilidades de facer unha vida normal nos seus espazos e contextos habituais.
Ninguén, absolutamente ninguén merece pasar por iso, nin sequera aqueles que sexan responsables de comportamentos detestables. Se tales comportamentos son susceptibles de recibir reproche penal, o individuo que os realizara debe de sufrir as penas que o código penal determine. E se fose algo máis grave aínda, e a persoa que infrinxira a lei fose un perigo para a sociedade, por exemplo se tivese pulsións asasinas ,se fose proclive a exercer a violencia contra outras persoas ou se fora un agresor sexual , pois a administración responsable debe de arbitrar algún tipo de fórmula para protexer á sociedade deste tipo de suxeitos.
Se os comportamentos censurables, ou incluso detestables, non infrinxisen o código penal pero si fosen merecedores de reproche social, deben recibir iso, exactamente iso e só iso: o reproche social. Pero en ningún caso debemos participar en ningún proceso de linchamento a un individuo en concreto, pois é un acto moralmente tan repugnante que pode ser tan grave ou incluso peor que os supostos comportamentos denunciados.
A moralidade dun acto non depende do contido dese acto senón da vontade coa que se executa, e a moitas das persoas que participaron , cal Catón o censor, no recente proceso de linchamento dun político de esquerdas presunto agresor sexual( eu creo á vítima que o denunciou sen ningún tipo de matiz, e estou absolutamente da súa parte) o feminismo, a liberdade da muller para dicir non cando lle pete e a plena igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade, impórtalles nada, absolutamente nada.
Que dixeron ou fixeron Ayuso, Abascal ou Feijoo cando varias mulleres denunciaron ter sido obxecto de agresións sexuais por parte dun famoso cantante de ópera, claramente connotado coa dereita española?: O contrario do que están a dicir e facer co caso do ex portavoz de Sumar. Por que? Porque son persoas amorais ás que o sufrimento alleo só lles importa se poden utilizalo para tirar rédito político del. A denuncia dos comportamentos de outros só ten valor moral cando se executa sempre, con independencia de se a persoa denunciada é amiga ou adversaria, e cando se fai porque o comportamento que se denuncia é inaceptable desde os nosos parámetros morais. Se denunciamos só aos adversarios, e se denunciamos para tirar algún tipo de beneficio os autenticamente inmorais somos nós.
Cando un fenómeno se repite moitas veces con patróns semellantes de comportamentos, inevitablemente as súas causas son idénticas. Se moitas mulleres son agredidas sexualmente, ou de outras formas e maneiras, é porque hai un problema estrutural común que motiva ese tipo de agresións: O patriarcado. Este é un modelo de organización social en que os homes son os suxeitos e as mulleres quedan reducidas á condición de obxectos. Se de verdade se quere eliminar a violencia sistémica que sofren as mulleres hai que ir ás orixes e atacar a causa que a provoca:A estrutura patriarcal da sociedade, que é a que motiva os detestables comportamentos machistas. E esta é unha responsabilidade de toda a sociedade, pero fundamentalmente dos homes. Somos nós, a parte privilexiada da sociedade, os que debemos ter a sensibilidade suficiente para modificar os nosos comportamentos machistas e para dicir radicalmente non cando algún outro home do noso contexto os cometa. Linchar a un agresor sexual non serve para nada, construír un novo modelo de masculinidade serve para todo.
