
Unha vez rematada a temporada de fútbol quixemos coñecer a valoración, sobre o ano que fixo o celta, do presidente da peña celtista da nosa localidade. Velaí vai
Javier Bastos , presidente
“É imprescindible acertar na planificación deportiva para que a temporada do centenario sexa todo o boa que debe ser”
Acaba de rematar a temporada. Que valoración fas?
Esta foi unha tempada de moitos cambios, o equipo incorporou numerosas fichaxes e o rendemento non se sabía moi ben como ía ser. A cousa comezou moi mal. Logo coa chegada de Carvalhal empezou a mellorar ata tal punto que parecía que teriamos opcións de pelexar por xogar en Europa. Pero despois dunha parada de seleccións , de maneira inexplicable, todo derivou nunha especie de desastre que facía que perderamos un tras outro case todos os partidos. Salvámonos do descenso no último fronte ao Barça, cun sufrimento e cunha angustia que agardo que non se repita.
E cal foi o motivo do desastre final?
Non sei se haberá un único motivo. Supoño que serían unha serie de razóns que sumadas darían como resultado a mala racha final. No mundo do fútbol cando entras nunha dinámica negativa non é nada fácil saír.
Dicía Iago Aspas , antes do último partido, que ao Celta lle faltaba calidade. Estás de acordo?
Probablemente si, especialmente no medio campo. Pero non estou de acordo nin con que se diga en público, pois parece como unha falta de respecto aos compañeiros, nin co momento no que se dixo, xusto cando nos estamos a xogar a salvación.
Só no medio campo. E na dianteira non falta calidade?
A min paréceme que non. O problema estivo, ao meu xuízo, na zona de creación, na zona na que se xeran as situacións de perigo que logo deben de aproveitar os dianteiros.
Na zona defensiva?
Creo que algo se debe mellorar tamén. Deixémolo en que cumpren e pouco máis
Na Portería?
O arxentino que incorporamos este ano viña cun grande cartel pero a verdade a min ofrecíame máis seguridade Dituro. Agardo que recuperemos a Rubén e con el e Iván, dous porteiros de canteira, creo que o posto queda ben cuberto.
Venderase a Gabri Veiga?
Non é que o vaiamos vender , o problema é que case con certeza vánnolo comprar. El ten todo para ser un xogador top e o Celta non lle pode ofrecer nin por asomo o que lle van dar os equipos punteiros da liga inglesa que están interesados na súa fichaxe. Se finalmente pagan a cláusula, de 40 millóns de €, con eses cartos pódese traer 3 ou 4 xogadores de moita calidade para reforzar posicións clave.
Cales?
Na zona de creación e na dianteira tamén. Aspas xa ten unha idade, de feito nos últimos partidos deste ano tivo problemas físicos que lle impediron xogar, e necesitamos un par de xogadores arriba que estean no baremo dos 15 goles cada un.
Entre Paciencia e Larsen a cal escolles?
A Larsen sen dúbida. Ese é un xogador que ten potencial para ser un gran dianteiro.
En relación á vosa peña como vos foi este ano?
Pois ben, recuperando aos poucos a normalidade despois da pandemia. Xa fixemos a nosa comida anual na que xuntamos arredor de 60 persoas, e só nos falta recuperar a viaxe anual para ver ao Celta nalgún partido fóra de casa.
De momento o das viaxes non puido ser?
Non, contamos con facelo na temporada 23-24.Aínda que o descenso do Valladolid fastidiounos un pouco pois era a viaxe que mellor nos cadraba. A ver se soben os equipos asturianos para facilitar un pouco as cousas.
As relacións coa directiva do Celta como son?
Boas. Nós somos integrantes da federación de peñas e as relacións tanto coa directiva do Celta como co alcalde de Vigo son boas.
Como quedou a antiga grada de Marcador?
Ao meu xuízo moi bonita.
Para a temporada que ven que perspectivas tes?
Eu agardo que boas. É o ano do centenario e espero que fagamos unha boa tempada. Pero hai que planificar mellor, pois presumo que este vai ser un ano tamén de moitos cambios e hai que acertar na planificación deportiva.
Rematamos Javi: dixéronme que te fixeches seareiro do Castellón. Explícame iso?
Ha ha ha ha . Non exactamente. Só que esa é unha cidade moi bonita que me inspira moita simpatía e lle desexo o mellor en todos os aspectos.
No futbolístico tamén ?
Ha ha ha ha. Si, tamén .