O PP de Mos o paseo do Louro e Luis XIV

O Paseo do Louro un novo despropósito do goberno de Mos

Luis XIV foi un rei francés do S XVII que se identifica como paradigma do absolutismo. É o autor do famoso “ O estado son eu”. Nestes 30 anos que levo mergullado no máis profundo da actualidade política do país galego coñecín a moitos alcaldes e alcaldesas que encaixan nese perfil de crerse coa autoridade para poder facer o que lles pete sen ningún tipo de filtro. Naturalmente o contexto é moi diferente pero hoxe tamén existen tipos humanos idénticos ao rei do que estamos a falar pois a historia, como acertadamente concluíra o filósofo Giambattista Vico, avanza en progresión espiral. Unha persoa que encaixa perfectamente nese perfil é a actual alcaldesa de Mos. Ela encárgase de recordar acotío que ten maioría absoluta e xa que logo…….E un exemplo incontrovertible dese modus operandi e a actuación do goberno municipal de Mos no paseo do río Louro:Inician as actuacións sen negociar cos propietarios dos terreos afectados, sen contar coa súa opinión e incluso sen avisalos. Presuntamente executan a primeira fase do paseo sen autorización da confederación hidrográfica e tratan de meter as escavadoras e material de obra por terreos privados sen ter ningún tipo de permiso dos mesmos e sen avisarlles sequera.

E non, ningunha maioría absoluta autoriza a ningún goberno municipal a facer o que lle dea a gana. Esa forma de gobernar é un síntoma inequívoco de que estamos ante políticos de moi pouca altura. Nós falamos con Óscar Carrera, un dos afectados.

Óscar Carrera.

Aquí faise todo polas bravas. É un ordeno e mando”

Ti e eu xa temos conversado un par de veces Óscar pero, para quen non coñeza o asunto do que imos falar, comecemos por favor facendo un pouco de memoria

No ano 16/17 o concello de Mos de maneira unilateral envía un proxecto á confederación hidrográfica para facer dous novos tramos do paseo no Louro.

Envía ese proxecto sen contar coa opinión dos propietarios dos terreos afectados?

Si, de forma absolutamente unilateral.

Que pasou cando coñecestes o que pretendía facer o Concello?

Xuntámonos unha serie de propietarios afectados e puxemos alegacións e denuncias no Concello, na Confederación e finalmente no xulgado contra este proxecto.

Que fixo o goberno municipal?

Expropiou os terreos e tirou para adiante.

O asunto xudicializouse verdade?

Si, e os tribunais déronlle a razón ao Concello.

A alcaldesa sempre tivo a mesma actitude de facer o que lle petaba sen contar coa vosa opinión?

Tanto é así que cando manda o proxecto á confederación non e que non negociara con nos é que nin sequera nos comunicou as súas intencións. Cando recibiu a nosa resposta veu a Louredo e fixo unha xuntanza coas persoas afectadas e os presentes, negáronlle a cesión voluntaria dos terreos e entón ela colleu e expropiou.

Como foi o financiamento do paseo?

Nun principio tiñan un acordo coa confederación hidrográfica para sufragar a obra a medias. O Custe da obra eran arredor de 210.000€ que debían ser pagados ao 50% polo concello e 50% pola confederación. Pero finalmente a confederación vista a problemática da obra, decidiu retirarse do convenio e non contribuír economicamente ao seu financiamento.

E logo?

Pois o concello decidiu financialo todo cos seu propios fondos e comezaron as obras. O paseo está dividido en dous tramos pois a orografía do terreo non permite facelo todo seguido. Temos unha primeira fase dunha lonxitude aproximada dun quilómetro e un segundo tramo que medirá 200/300 metros aproximadamente.

Cando rematan a primeira fase que aconteceu?

Para iniciar a segunda fase, comezan por tapar o canal de regadío. Eu véxoos e vou falar cos operarios e pregúntolles quen lle deu a autorización para facer iso. Eles dinme que un concelleiro

Que concelleiro?

O Antigo concelleiro Camilo Augusto. A cousa ténsase, eles chaman aos seus encargados e eu á garda civil. A Garda Civil non tiña axentes dispoñibles nese momento e presentouse a policía local.

Que vos dixeron?

Que se eu mantiña a miña actitude de impedir as obras ían levarme detido. Eu expliqueille que estaban tratando de tapar un canal de regadío privado e rexistrado, que conta con tódalas autorizacións precisas, que a Comunidade de Regantes, non tiñamos notificación algunha da sua ocupación temporal e que non podían tapalo. Pero a policía local de Mos insistiu en que se persistía na miña actitude íanme deter.

Non dou crédito. Ían deterte a ti?

Si, así mo dixeron.

Cando aconteceu este episodio?

Pouco antes as eleccións municipais de maio.

Vaia situación máis tensa ,como se resolveu?

Os encargados da obra comportáronse de maneira correcta. Dixeron que eles non estaban alí para facer dano a ninguén e que ata que se aclarase a situación eles retiraban o material depositado no canal.

Que fixeches ti?

Puxen unha denuncia no SEPRONA. O axente que me atendeu díxome que ía levantar un informe e envialo ao organismo competente que é a confederación hidrográfica. Eu tamén presentei unha reclamación na confederación que abriu un expediente unha vez que recibe a miña reclamación e a do SEPRONA.

Fixeron algún tipo de movemento?

Enviaron ao garda que leva esta zona, unha persoa do Porriño. El coñéceme por outras reclamacións e chamoume para que lle explicara o asunto sobre terreo. Mentres estamos observando a actuación el dime que non lle consta que exista autorización para facer o paseo.

Pero como non ía haber autorización se o primeiro tramo xa estaba rematado?

Pois non a había. No mes de setembro do ano pasado recibo unha carta da confederación dicindo que iniciaban un expediente sancionador ao concello de Mos por ter executado a obra sen autorización administrativa da confederación.

Resolveuse o expediente?

Non, estamos á espera de que se resolva. Non creo que tarde moito. Segundo me din na confederación a sanción económica ao concello é case segura , haberá que ver o importe, e agora está por ver se se pode legalizar ou non o que xa está construído.

O concello realizou algún movemento?

Si, pouco antes do Nadal preséntase unha cuadrilla de operarios con maquinaria e dinme que teñen que pasar a executar a segunda fase do paseo. Eu dígolles que teñen que pasar por terreos que son da miña propiedade que non os autorizo, eles insisten e dinme que teñen autorización da confederación.

A ti notificárancho?

Non, absolutamente nada. A situación tensouse un pouco e eu volvín chamar á garda civil.

Acudiron?

Si, veu unha patrulla do SEPRONA de Vigo que de forma moi atenta trataron de mediar no conflito. Achegáronse tamén dous concelleiros.

Que concelleiros?

Baldomero e Camilo Grandal. Ensináronlle a suposta autorización á garda civil que procederon a comprobar as súas coordenadas para determinar se efectivamente afectaba aos meus terreos. Compróbanas e as coordenadas correspondían a outros terreos e os gardas dinme que se non quero non teño porque deixalos pasar. O Garda a maiores chama á confederación diante miña e os servizos xurídicos infórmano de que a autorización da confederación non lles exime de pedir permiso aos propietarios dos terreos.

Que actitude tiveron os concelleiros?

Ese mesmo día chamoume Camilo Grandal e me transmite a súa vontade de resolver o conflito de boas maneiras. De forma moi amable convídame a ter unha conversa comigo que eu desde logo acepto.

Onde se desenvolveu a conversa?

Presentáronse Camilo, e o concelleiro de urbanismo, na miña oficina. Eles tratan de convencerme da necesidade de executar as obras e eu quedei de chamar o meu avogado para que me asesorara se debía permitirlles o paso ou non. Si que lles recriminei que nin eu, nin ningún dos outros propietarios recibiramos alo menos unha notificación do Concello informando da ocupación temporal necesaria se querían comezar a segunda fase, por eso lles neguei rotundamente a ocupación dos terreos. Informeilles do expediente sancionador que lles abriu a confederación e ambos dinme que o descoñecen,

Críchelos ?

Non o sei .Non tiñan motivo para mentir. Pero estamos falando do mes de decembro e o expediente abrírase en setembro. É estraño que o descoñeceran. Non o afirmo, que quede claro, só digo que resulta raro. De boa vontade, deilles unha copia da carta e quedei en chamar a Camilo Grandal tan pronto fixera as consultas xurídicas pertinentes para darlle contestación. Estiven consultando a documentación que me amosaron e concluín que ese papel da confederación non lles autorizaba a pasar sen o permiso dos propietarios (tal e como informara inicialmente a confederación o Seprona). Redactei unha carta explicando as miñas razóns para negarme a permitilo paso polos meus terreos que presentei por rexistro electrónico do concello e da confederación hidrográfica. Eran as 3:00 da mañá cando rematei

Respondeulle o Concello?

A día de hoxe, 5 de febreiro,non.

E a confederación hidrográfica?

Si. Dinme que van pasar todo o expediente ao servizo de inspección e vixilancia para poder aclarar o sucedido.

Ben, a día de hoxe estamos entón á espera da resolución do expediente que se abriu en setembro e supoño que aí morrería o conto por parte do Concello?

Pois non, non morreu aí. Despois da xuntanza que tivera con Camilo Grandal e co outro concelleiro, ás 8:00 da mañá do día seguinte descargaron unha escavadora na contorna das miñas propiedades para iniciar as obras. O operario quixo entrar no meu terreo. Eu opúxenme e finalmente desistiu

Ah non me digas. Entón o señor concelleiro xa tomou a decisión de que a túa resposta de” chámote mañá unha vez que faga as oportunas consultas xurídicas” o autorizaba a iniciar as obras e punto?

Ás oito da mañá do día seguinte. descoñezo quen deu a orde, xa que aquí faise todo polas bravas .É un ordeno e mando.