A CIG primeira forza sindical no noso país

Paulo Carril

Hai 30 anos un grupo de homes e mulleres valentes e con toneladas de compromiso coas clases traballadoras da nación galega tiveron a intelixencia suficiente, e a xenerosidade necesaria para superar as desavinzas e minifundismos ideolóxicos do pasado e crear a CIG. Hoxe , máis de tres décadas despois, esta central sindical nacionalista é a primeira forza do noso país, é un instrumento imprescindible para que a conciencia se sermos un pobo de seu poida seguir existindo nas xeracións futuras, e está inserida na psique colectiva do pobo traballador galego de tal maneira que cando a inmensa maioría de traballadores ou traballadoras teñen un problema laboral é na CIG en quen primeiro pensan para que lles axude a resolvelo. Isto non sería posible sen o traballo xeneroso, o compromiso político e social e incluso sen o valor físico das ducias de liberados e liberadas e centos de delegados e delegadas que nestas décadas da historia pasaron pola central sindical .A todas elas e eles rendémoslle unha merecida homenaxe desde as nosas páxinas á vez que apelamos á dirección do sindicato para que actúen coa intelixencia emocional e política necesaria para permitir que a CIG, tal como a coñecemos agora, poida seguir brillando con forza no futuro deste país.

A CIG é un sindicato nacionalista e de clase que defende a identidade nacional de Galiza, a unión e autoorganización dos traballadores e traballadoras, que practica a solidariedade e o internacionalismo, feminista, que considera un principio fundamental a democracia e a participación, que respecta o pluralismo, que mantén a independencia respecto de calquera outra organización ou institución, e por suposto gobernos e empresas, que se expresa en galego e impulsa a nosa cultura e idioma.

A Confederación Intersindical Galega está integrada por 7 comarcas: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo, e 8 federacións sectoriais : Administración Pública; Banca, Aforro, Seguros e Oficinas; Construción e Madeira, Ensino, Industria, FGAMT (Alimentación, Mar, Téxtil e Transporte e Comunicacións), Saúde e Servizos.

O período electoral 2016-2019 supuxo un cambio histórico na representatividade sindical na Galiza ao acadar a CIG a primeira forza en representatividade, con 4.548 delegados e delegadas, sendo ademais a única central sindical das tres maioritarias que aumentou a súa representatividade.

Isto leva a que a CIG sexa, a día de hoxe, a primeira forza en representatividade sindical, como xa o era en combatividade e en afiliación, sendo a central sindical depositaria da confianza da maioría dos traballadores e traballadoras galegas, que ven á CIG como unha ferramenta útil de defensa dos intereses da clase traballadora e da nación galega.

Neste pasado 2023, o sindicato volve gañar as eleccións sindicais en Galiza e acada os 5.131 delegados e delegadas e o 31,05% da representación. Con estes datos ratifica a súa condición de forza sindical máis votada e sitúase como indiscutible primeira forza sindical ao remate do período de eleccións sindicais en Galiza, que se iniciou o 1 de xaneiro de 2020 e finalizou o 31 de decembro de 2023. Non só se ratificou senón que mesmo mellorou, obtendo 589 delegados e delegadas máis, 1,59 puntos máis que hai 4 anos.

En canto ás federacións, a central sindical tamén se situou como primeira forza en Construción, FGAMT, Industria, Saúde, Servizos e no Ensino Público.

A segunda forza segue sendo a UXT, con 4.248 delegados e delegadas e un 25,71%, quedando a 883 da CIG, a 5,34 puntos por baixo da CIG. Perde 0,17 puntos de representatividade e baixa en delegados e delegadas en Ferrol e Ourense.

A terceira forza é CCOO , con 4.142 delegados e delegadas e un 25,07% en porcentaxe, quedando a 989 delegados e delegadas e 5,98 puntos por baixo da CIG.

CCOO caeu 0,53 puntos. Cae ademais en números absolutos nas comarcas de Ourense e Vigo, e en porcentaxes en todas as comarcas, agás Pontevedra e Santiago. En canto a Federacións, cae na Administración, na Banca e en Saúde en número de delegadas e delegados e en porcentaxe, ademais desas, baixa na FGAMT e en Industria. A caída máis acusada tena en Vigo (-2.66 puntos) e na Saúde (-5.18 puntos).

Alén de ser primeira forza en todas as comarcas, agás Lugo e Ourense, a secretaria de Organización, Susana Méndez, sinalou que tamén o é en boa parte das Unións Locais, aquelas que se organizan en torno ás vilas.

Para saber máis sobre a acción sindical da CIG e de como está o situación laboral no país, A Nova Peneira conversa con Paulo Carril, Secretario Xeral do sindicato nacionalista.

Esta nova reforma laboral ten medidas regresivas moi inxustas. Políticas neoliberais que están lonxe de darnos un traballo digno e con dereitos”.

Paulo, por que a CIG é a primeira forza sindical en Galicia?

Creo que é o resultado dun proceso histórico dun modelo sindical participativo, asembleario, de firme defensa da clase traballadora galega, que expresa a evidencia da capacidade que ten o pobo galego de auto organizarse e, sobre todo, de ser un sindicato de contrapoder. Un sindicato que é capaz de combinar a capacidade de proposta xunto coa capacidade de oposición ante un modelo de relacións laborais inxusto dun país sen soberanía política e sen capacidade de decisión.

No ano 2023 fixemos 30 anos, esta etapa histórica evidenciou que este proceso de acumulación foi levando a perfilar un sindicalismo que ten como resultado que hoxe sexamos a central sindical maioritaria por segunda vez consecutiva.

CIG

E hai capacidade para seguir crecendo?

Mentres haxa clase obreira galega e mentres haxa situación de inxustiza e explotación hai moito espazo. Nós seguimos anelando e apostando por unha central sindical única galega que sexa representativa do conxunto da clase traballadora galega. Iso non vai en prexuízo do recoñecemento da pluralidade sindical que existe. Pensamos que aínda hai capacidade de ampliar e consolidar a representación do sindicato nacionalista.

Hai 4 anos xa advertimos que tiñamos que atender a tres cuestiones fundamentais para facer fronte ao que fixo que sexamos a primeira central sindical e que seguiremos facendo:

1. A capacidade de referenciarse no coñecemento do que sucede nos centros de traballo pero tamén na capacidade de dar alternativa e de manter a loita e a mobilización como elementos fundamentais que crean organización e conquistan dereitos.

2.Que o poder económico e político vai xogar a negar e mesmo presentar como estéril e inútil esta representación que temos.

3.Temos a necesidade de intensificar o proceso, convencer e organizar da necesidade dun sindicato nacionalista para poder seguir avanzando.

E sempre estando na fronte das loitas tanto nos centros de traballo como no conxunto da sociedade galega. Temos que ser un instrumento útil e capaz de transformar a realidade acumulando máis forza no sindicato. O sindicato somos todos os traballadores e traballadoras, cada un no seu posto e cada un no seu sector, cada un no país para mellorar as condicións laborais e de vida dás persoas. Sempre dicimos, onde hai CIG hai melloras reais das condicións laborais e de vida, a través da loita e a mobilización. Sen loita nin mobilización non hai melloras de salario nin de dereitos.

Cal é a túa opinión das acción sindical das grandes centrais sindicais españolas CCOO e UXT?

UXT e CCOO tiveron da súa man os mellores recursos económicos e de visibilidade que lle dan as grandes liñas de actuación que combinan co goberno español. Entendemos que con estas eleccións sindicais levaron un pau. O seu modelo sindical do pacto é a plasmación da renuncia ao activismo sindical e ten como resultado que UXT e CCOO baixen a súa representación en Galicia, tanto en porcentaxe como en número de delegados.

Que opinión ten a CIG das políticas do Ministerio de traballo de Yolanda Díaz?

Somos críticos. A CIG ten feita unha reclamación ao comité de dereitos sociais europeos porque se está incumprindo a Carta Social Europea por cal debese ser o salario mínimo do Estado español, esta recomenda que sexa superior ao 60% do salario medio.

Tamén empezamos unha campaña pola reforma laboral, co lema “Stop precariedade, traballo digno”. Esta campaña ten como paradigma a nova precariedade cos novos traballadores pobres. Esta reforma non derrogou a brutal reforma laboral do ano 2012 de Mariano Rajoy. É un cumprimento a dedillo ditado polas institucións europeas que ten elementos regresivos e recortes de dereitos como houbo no momento de rescate da crise financeira. Os fondos europeos están a hipotecar o noso presente e o noso futuro. No ámbito laboral este ministerio está a cumprir perfectamente o seu papel. Esta reforma ten medidas regresivas moi inxustas aínda que a propaganda do goberno leve a distorsionar e confundir a verdadeira identidade das políticas que se fan. Políticas neoliberais que están lonxe de darnos un traballo digno e con dereitos.

Valórame a situación do mercado laboral en xeral e en particular a de aquí, de Galiza?.

Esta reforma de hai dous anos multiplicou a precariedade laboral. Dáse a contratación a tempo parcial, a fixa descontinua, que falsea e cambia as estatísticas, pero non a realidade. Uso fraudulento dos períodos de proba, reforzo do papel das ETT, fomento e facilidades para facer ERTES permanentes, seguen sen corrixirse as desigualdades, extensión dos baixos soldos e como resultado clase traballadora máis empobrecida, vítima da inestabilidade e inseguridade laboral e onde está institucionalizada a pobreza laboral. A carestía da vida agrava esta situación.

A maiores, en Galiza temos un acelerón no proceso de descarbonización que está xerando unha crise industrial nun país vítima da intensificación dun modelo produtivo asentado en ser exportadores de enerxía ou do Camiño de Santiago, onde o sector servizos destaca. Con este modelo de precariedade a situación é tremenda. Urxe un plan galego de recuperación económica, reindustrialización, creación de emprego digno e de servizos públicos.

Cales son os sectores máis precarizados?

Hoxe en día non hai traballador ou traballadora que non sexa vítima da precariedade. A contratación fixa descontinua medrou un 125% e a contratación a tempo parcial segue sendo moi feminina onde está incrementando este tipo de modalidade contractual a baixos salarios.

Polo que me contas, a muller segue a sufrir discriminación no eido laboral verdade?

Acabamos de sacar un estudo da evolución destes dous anos da aplicación da reforma laboral no que detectamos un incremento importante nos baixos salarios. O 54% das mulleres galegas continúan sendo temporais . Sectores como a función pública de Sanidade, ou no sector privado de servizos, industria, axuda no fogar, limpeza… estamos a protagonizar unha folga na limpeza en Lugo que é un exemplo claro do que vimos denunciado do significado da precariedade aplicada a un sector moi feminizado.

Cal é a folla de ruta dá acción sindical dá CIG no curto e medio prazo?

Acabamos de poñer en marcha un campaña na Asemblea Nacional de afiliación ante o resultado electoral como liña fundamental da consolidación deste crecemento.

Seguir unha liña sindical que esixa ao goberno unha derrogación da reforma laboral do 2012 e un cambio profundo na reforma laboral de hai dous anos para que ese “Stop precariedade, traballo digno” sexa a realidade que vimos demandando.

Urxir un plan galego de industrialización e emprego digno, servizos público e de calidade, unha negociación colectiva que teña o elemento da mobilización e da folga como elemento fundamental.