Serían soños!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Entendín, quizais mal entendido, que aquel sistema liberador daquela ditadura que nos precedeu e naquela soñada democracia tan desexada, viña facer practicable un sistema de inclusión e participación, de representación, e que non é esta, que mesmo onde a vontade maioritaria tivese a honra de representarnos e, nesa representación, farían o imposible por ampliar horizontes e dereitos -administrados tamén cos correspondentes deberes. Pero o asunto nin resultou ser, nin nada que se lle pareza e anda a dar voltas polos perigosos extremos da involución. A proba máis evidente é que enredan en manifestacións enteiramente maleducadas, que nos avergoñan a nós -que andamos por fóra- e que deterioran o sistema, este seica “menos malo” de gobernos posibles. Agora os que nos representan son mellores canto máis grande é a barbaridade que profesan, verbal e practicamente. Chegamos a un punto de abuso, de mentira, de malestar, que é necesario esquecer que algúns deles poidan representar a alguén desde eses postulados de falsidade e sen o posible rigor de entendemento. Eles, os que nos representan, teoricamente, deberan anticiparse aos aconteceres, mesmo aos de malestar social, para adoptar medidas necesarias antes de que se produza calquera desastre e que sexa moi tarde para resolver calquera problema. Pero resulta que os partidos non practican o sistema democrático nin sequera dentro deles. Entón mal estamos. Se é así, tal como se ve en certas prácticas e manifestacións, estamos aviados!

Ao final un se pregunta, loxicamente, se o de democráticos é así, ou ao ser de tan baixa condición ten que producir esta vergoña que causa, propiciada tamén por ese seu centralismo abrasivo, onde sempre resultan ser amos e posuidores da verdade absoluta.

Vemos tamén no horizonte a existencia de partidos insalubres, partidos de marcada incidencia antidemocrática que conculcan o acordo, o entendemento e dinamitan calquera posibilidade de paz e de sosego, previas á razón, para ir xuntos cara aos obxectivos marcados. Son partidos que non cren na democracia e que veñen para destruír postulados iniciáticos de progreso, partidos que non cren nos pobos, que non cren no dereito de autoxestión e liberdade, que preconizan a ameaza e os medos, a obriga á forza do que eles pensan, sen outras verdades posibles.

Dá certa pena o panorama que nos envolve e sen vías de solución. Uns están para estorbar aos outros e viceversa. Penso que os resultados das eleccións están mediatizados de propaganda electoral, ben pagada, que engana a moita xente, son unha conspiración ben artellada e inxusta. O peor aínda é recoñecer que nos enganan, sentirnos enganados sabendo que somos conscientes do engano e que todo é unha burla. Son proclamas de mentira, obxectivos de farol e promesas que non quererán cumprir. De nada valerán os logros acadados, sobre todo en certos dereitos sociais e en hostís circunstancias de mudas palabras. Habería que lembrar que a democracia empeza dentro, na necesaria aportación de todas as ideas, mesmo as contrarias, para desde elas peneirar as máis capaces, as máis participativas, as máis competentes. Tamén dentro de cada grupo debe exercerse a debida transparencia, no denodado intento de poñer orde e reclamar o que se considera xusto, mais ningún partido debe permitir o roubo e o saqueo, nin a aqueles que estas prácticas resolven con mentiras. Porque así sucede, e os seus feitos -que transcenden-, non nos advirten dos problemas que derivan das súas prácticas, e caemos na solución precipitada e no sobresalto, nesta partitocracia voraz que nos contradí, que nos divide en moitos anacos e, ao mesmo tempo, coloniza a vida social e as institucións. Aí onde aínda é apreciable o compadreo, se somos persoas propicias e de “a carón”, favorables, teremos algunha oferta, mais se non es ou andas por libre, podes agardar sentando! Por iso tanta xente cansou e non cre nin en políticos nin no sistema, nin sequera aqueles que tanto seica idolatran. Hai moitos que vendo o visto está ata os pínfanos desa estupidez e malabarismos que nos teñen ancorados fóra dos eidos de progreso e benestar e na confianza de poder ser quen somos.