A música de “A Quenlla” alumea Puxeiros en Casa Gallardo

Waldo Casa Gallardo

A Quenlla é un grupo musical dos máis importantes do país galego. Foi fundado en 1984 por , entre outros, Mini e Mero ex compoñentes históricos de Fuxan os Ventos . Este grupo trata de fusionar a música tradicional galega coa temática social e de combate que caracteriza ás letras dalgúns dos nosos grandes poetas como Celso Emilio ou Ferrín. O resultado do seu traballo son pezas de extraordinaria calidade que penetran ata o máis profundo das emocións do público. O vindeiro venres dous de decembro ás 23,00 poderemos gozar da súa musica en Puxeiros no local do noso amigo Waldo, e nós alén de convidar a todos os nosos lectores e lectoras que non perdan a oportunidade de achegarse esa noite por casa Gallardo falamos con Waldo.

Mero

Waldo Rodríguez propietario do local

Waldo cando iniciaches a tempada de concertos en Casa Gallardo?

Arredor de dous ou tres anos antes da pandemia. Foi entre o 2016 e 2017

A aposta que fixo Casa Gallardo pola música en vivo tivo un resultado excelente, verdade?

Si, a verdade é que si. Sempre enchemos aforo e é para estarmos moi satisfeitos

Cada canto tempo os facedes?

Facemos un concerto ao mes e de cando en vez, unha sesión vermú.

En que día os fas?

Son o primeiro venres de cada mes, no verán descansamos.

Que grupos teñen pasado por aquí?

“Tino Baz, Mini e Mero, A Banda de Mazinger, , Luís Caruncho, Cantares de Brión, Taitantos e pico… “A verdade pasaron artistas de moita calidade algo que para min supón un enorme orgullo

E como fas para contactar con estes grupos?

Algúns os coñezo, outros fun conseguindo os contactos falando duns músicos con outros… O boca a boca unha vez que te comezas a meter neste mundo é o camiño máis adecuado

Vexo que traes música moi variada?

Si,sobre todo música tradicional, pero tamén algo de Pop e Rock. Tamén trouxen unha actuación algo diferente, que foi a do pianista redondelán Alberto Vila que estivo impresionante.

Que crees que lle gusta ao público en xeral?

Hai de todo, desde seguidores de Folk ata de música POP e Rock.

Que perfil de clientes adoitan vir aquí aos concertos?

Temos desde veciños ata xente de fóra, de Baiona, Pontevedra, de Tui… e de todas as idades.

Seica no vindeiro Nadal imos ter unha actuación espectacular?

Podemos dicir que será o peche desta tempada e para este Nadal imos traer a “A Quenlla”. Considero que son un grupo dos máis grandes deste país.

Para cando está prevista a súa actuación?

O primeiro venres de decembro, que é o día dous ás 23:00 H da noite.

O acceso é gratis?

Si, entrada libre ata completar o aforo.

Vexo que estás moi ilusionado con esta actuación?

Si, hai moito tempo que tiña ganas de traelos e, por fin chegou o momento.

Que expectativas tes para esta actuación?

Creo que teremos o local cheo de xente.

A cerca de admin 62 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.