Se damos unha volta polas rúas de Marín podemos comprobar como moitas delas foron “humanizadas” e melloraron o seu aspecto, con beirarrúas mais anchas e accesíbeis. Con todo seguimos tendo que lamentar que hai varias cuestións pendentes de mellorar na imaxe e no urbanismo do noso concello, e que deberían ser solucionadas canto antes.
Estoume referindo ás edificacións “históricas” a medio facer que podemos atopar por todo as rúas, ao solar abandonado da rúa Méndez Núñez e á muralla china de contedores que a autoridade portuaria está construíndo no centro de Marín, diante da Alameda.
Temos a cincuenta metros do concello de Marín, nunha das rúas principais da nosa vila, un solar abandonado cheo de entullos e silvas paraíso da fauna felina. É unha imaxe propia de calquera cidade do terceiro mundo sen ningún tipo de normativa e control urbanístico..
Na rúa Real, a Caracol, a praza da Veiguiña, etc, tamén podemos apreciar o abandono e o pasotismo institucional á hora de controlar e facer valer as normas urbanísticas. Así, podemos ver unhas cantas edificacións a medio facer que levan nesa situación anos e anos sen que ningún goberno municipal teña a valentía de solucionar este problema.
E para que temos unha concellería de urbanismo se non fai uso das súas competencias nin lle reclama a Xunta que exerza as súas para mellorar esteticamente Marín?
Non se fai nada por que non se quere facer, non hai vontade. No concello non queren leas, non queren molestar, e practican unha política de “non intervención” e deixar pasar.
E isto non é de agora, xa pasaron moitas lexislaturas e distintos gobernos municipais sen que ninguén fixera ren por darlle solución a este problema. Por que é un problema estético, aínda que esteamos afeitos e xa non nos chame a atención ver estas ruínas tan familiares.
Alguén se imaxina pasear por Hamburgo, Malmö ou calquera outra cidade do norte de Europa e toparse con este panorama? Moito Edusi, moitos fondos europeos, moito presumir da humanización das rúas, mais ter edificios abandonados e baixos pechados non da unha imaxe moderna de Marín.
Outro tanto acontece coa grande muralla china patrocinada pola Autoridade Portuaria. Cada día é máis grande, os contedores medran, reprodúcense e apíñanse uns enriba de outros diante da Alameda de Marín. No centro da vila, onde debería lucir coas nosas mellores galas, temos un espectáculo lamentábel, unha falta de respecto a todos e todas nós que o vivimos cada día e para as persoas que veñen visitarnos.
Damos unha imaxe terceiromundista inimaxinábel en calquera país que se considere minimamente civilizado. É que fai a nosa alcaldesa? Nada. Como lle vai chamar a atención ao seu amigo e compañeiro de partido o presidente da Autoridade Portuaria.
Os disfraces de pirata ou de zombi non poden agochar a abandono e a inhibición contra o “feísmo” urbanístico e as malas prácticas da autoridade portuaria. Vai sendo hora de tomar decisións por parte das persoas que teñen a responsabilidade política de facelo.
Hai que rematar coas construcións a medio facer que afean Marín. O solar abandonado de Méndez Núñez ten que ser saneado, e nada mellor que unha gran zona verde, un parque urbano, para desfrute de todos e todas. E por último, a alcaldesa de Marín debe facerse valer diante dos seus “padriños” da Autoridade Portuaria e exixir a retirada dos contedores a outra zona.
Marín, 4 de novembro de 2022
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago