A Agrupación lembra que este foi un dos proxectos clave no acordo co Goberno para aprobar os orzamentos e fai balance do resto dos asuntos comprometidos
Redondela, 8 de novembro de 2022
A Agrupación de Electores de Redondela, AER, vén de manter unha reunión de traballo co grupo socialista en relación aos orzamentos e ao estado dos proxectos que foron chave en abril deste ano para darlle o seu apoio. Segundo destacan “a mellor noticia é que o punto limpo de Redondela semella que vai ser unha realidade logo de contar xa co visto bo para a súa construción nunha parcela anexa ao cemiterio de Mañó de propiedade municipal”. Para a Agrupación, unha vez que este espazo cumpre cos requisitos necesarios, a financiación da obra por parte doutras administracións parece tamén garantida, tendo en conta o carácter prioritario deste servizo en Redondela, polo que “da publicamente os seus parabéns ao goberno local por todas as xestións feitas neste asunto”.
O Punto limpo é un dos 17 proxectos incluídos no acordo asinado no seu momento entre AER e o grupo socialista e, segundo a Agrupación, cando faltan apenas dous meses para rematar o ano, é momento de facer balance. “Polo de agora só se completaron 4, namentras que a maioría (11 asuntos) avanzan, pero con distinto ritmo, e lamentablemente hai un par deles que, pese ao compromiso por escrito de Digna Rivas, non se van cumprir neste ano”, insisten. Por exemplo, o proxecto de aparcadoiro en Vilavella do que AER segue a ter dúbidas respecto da propiedade da rampla traseira de acceso que fan que todo o proxecto sexa a día de hoxe unha incógnita. “Namentres non estea claro cal vai a ser a circulación de vehículos, dificilmente se poderá saber o proxecto final en canto a prazas de aparcamento, a zonas verdes, etc.”, conclúen.
Para Agrupación de Electores de Redondela o máis grave é a situación de dous asuntos que estaban no documento e que “o goberno local non está xestionando ben, sobre todo se temos en contra a crise enerxética que estamos a sofrer”. Estes son: o Estudo enerxético de consumo e contratos electricidade e o Recambio de 500 puntos de luz do alumeado público, por outro. Respecto do primeiro punto, a sensación de AER é que apenas se avanzou nel e trátase dun estudo que
permitiría rebaixar ao Concello a súa factura de electricidade que nestes momentos ronda os 900.000 euros ao ano. “Máis lamentable é o incumprimento do recambio do alumeado público porque o enfoque de Digna Rivas estaba xa completamente errado, mesmo antes de asinar o acordo e a realidade deunos a razón xa que o concurso para adquirir 500 farolas de tecnoloxía led quedou deserto”, explican desde a Agrupación. De feito, insisten, “o goberno debería estar redactando un novo prego para comprar de xeito urxente novas lámpadas e substituír as antigas que consumen ata dez veces máis enerxía”.
Finalmente, hai unha serie de asuntos deste acordo que o goberno de Rivas non está abordando de xeito dilixente. Por exemplo, AER esixiu que todas as comisións de servizos que, dentro de plantilla do Concello, estiveran caducadas, tiñan que volver ser convocadas. Este asunto está totalmente parado, tal e coma denunciou tamén recentemente o sindicato CIG.