- A mítica cita do fútbol sala estival abre o seu prazo de inscrición ata o vindeiro 23 de xuño con prazas limitadas para as categorías Sénior e Cadete. O torneo repartirá importantes premios en metálico e trofeos para os conxuntos gañadores na pista da Xunqueira.
Redondela, 10 de xuño de 2026.–
O Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes e en colaboración co Club Redondela FS, celebra o XLVII Mundialito da Xunqueira. Esta nova edición, plenamente consolidada como o torneo de fútbol sala de referencia no verán da provincia, arrancará os seus partidos o vindeiro 29 de xuño e estenderase ata o venres 24 de xullo. O evento mantén o seu obxectivo de dinamizar a actividade deportiva e social no centro do municipio, congregando a ducias de xogadores e centos de afeccionados na emblemática pista da vila durante case un mes de competición.
O concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, destaca o impacto que ten o evento máis alá do estritamente deportivo: “Tras case medio século o Mundialito da Xunqueira está plenamente vivo, sendo parte indispensable do calendario de verán, e é un orgullo manter un torneo que dinamiza a vida do noso centro urbano cunha alternativa de lecer saudable”.
Inscricións abertas ata o 23 de xuño
A organización confirmou que a data límite para inscribirse é o 23 de xuño. O proceso de rexistro pódese realizar de xeito directo escaneando o código QR do cartel oficial ou a través da ligazón dispoñible na descrición das redes sociais do club. O número máximo de conxuntos admisible está estritamente limitado por orde de inscrición. Os equipos deberán estar constituídos por un mínimo de 5 xogadores e un máximo de 15.
- Categoría Sénior: Cota máxima 24 equipos. O custo de inscrición establécese en 100€ por equipo máis 20€ adicionais por xogador para Seguro Médico Obrigatorio.
- Categoría Cadete (Nados en 2010/2011): Cáxima de 20 equipos. O custo será unicamente de 20€ por xogador para o Seguro Médico Obrigatorio.
Premios da competición
- Premios Sénior:
- 1º Posto: 500€ en metálico + Trofeo
- 2º Posto: 300€ en metálico + Trofeo
- 3º Posto: Trofeo oficial do torneo
- Premios Cadete:
- 1º, 2º e 3º Posto: Entrega de Trofeos conmemorativos da organización.



