Salceda busca financiación para o segundo pavillón de deportes

Salceda busca financiación para o segundo pavillón de deportes

Salceda de Caselas, 4 de agosto de 2023

O Concello de Salceda de Caselas ultima xa o expediente para concorrer á convocatoria de subvencións do Consello Superior de Deportes co proxecto do segundo pavillón na zona de Altamira, logo de que a solicitude feita ante a Deputación de Pontevedra fose denegada.

A decisión de concorrer a esta convocatoria con este proxecto ratificouse na Xunta de Portavocías convocada a semana pasada pola alcaldesa Loli Castiñeira, á que asistiron os voceiros de MS e BNG e a voceira do PSOE, e á que declinou asistir nin enviar suplencia o voceiro do PP.

O Concello de Salceda conta cos servizos dunha consultoría externa a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para xestionar esta solicitude. O equipo técnico da consultoría ultima xa os detalles do proxecto, adecuándoo naqueles aspectos que supuxeron a non aprobación da axuda por parte da Deputación. Agárdase deste xeito conseguir os 600.000 € aos que se opta, que suporía o 30% do total do proxecto, que conta con un orzamento global de 1.864.656,89 €.

Salceda conta actualmente con un único pavillón de deportes municipal na zona deportiva de Altamira, que resulta insuficiente para dar resposta á enorme demanda existente, e que se complementa cos acordos de utilización do pavillón de deportes do IES Pedras Rubias, propiedade da Xunta de Galicia, e do pavillón de deportes de Entenza, propiedade da comunidade de montes da mencionada parroquia. Aínda con estes acordos, o Concello ten unha necesidade urxente de ampliar espazos deportivos cubertos, polo que se aposta pola construción deste segundo pavillón municipal contiguo ao existente actualmente.

Marcos Troncoso, Concelleiro de Deportes: “Salceda ten a sorte de ter unha sociedade dinámica e de contar con unha ampla oferta deportiva, polo que temos que centrar os nosos esforzos en dar resposta ás necesidades do colectivo”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “a mellora das instalacións deportivas supón un investimento que só se pode asumir coa implicación de tódalas administracións. Esta posible subvención terá que ser completada por medio de outros convenios. Só así será posible conseguir o segundo pavillón. O noso compromiso é abrir tódalas vías de financiación posibles”.