Non se pode contentar a todo mundo, Alejandro

Míriam Martínez Troncoso

No Porriño leva gobernando o PP preto de 30 anos, case que de xeito ininterrompido. O pupilo de Barros e Nelson Santos, o actual alcalde Alejandro Lorenzo, soubo entender que non é un bo ano para airear as siglas do Partido Popular e xoga a esquivar a ideoloxía do seu partido. E calquera proxecto político está obrigado a precisar o patrón de transformación que persegue, por lealdade democrática e coherencia. A folgada maioría absoluta que acadou nas pasadas eleccións locais sérvelle para instaurarse no pódium do “aquí mando eu” e aplicar o coñecido “rodillo” da época de Barros. O aire xovial que desprende cando bica a xente para subir a fotografía ás súas redes sociais, dista moito do carácter autoritario e intransixente que amosa en espazos acoutados, nos que se comporta como un auténtico déspota ante calquera diverxencia política.

O soño do alcalde fíxose realidade e a ilusión foi tanta que decidiu incrementar a once os salarios dos órganos de goberno, oito actas de concelleiras con dedicacións exclusivas e tres cargos de confianza; subiu o gasto de 423.000€ a 709.000€. Argumenta este incremento no aumento da poboación no Porriño (uns poucos centos de persoas) pero non di que ten moitas bocas que contentar á vista dos resultados electorais. Cómpre lembrar que o señor Lorenzo non renunciou á asignación económica como deputado provincial, retribución que cobra acumulando dous salarios públicos desde que chegou á Alcaldía en decembro do 2021. Política como medio de vida.

Os plenos en horario de mañá desafían as recomendacións en materia de conciliación pero é unha aposta clara do goberno do PP de limitar a participación democrática dos grupos políticos e das persoas nos debates sobre as decisións que afectan á vida de todas. Nada novo. Copia proxectos como a zona verde no entorno do río, a obra do Campo da Feira ou a nova Praza en Pío XII pero réstalle o carácter transformador. As súas apostas son intervencións curtopracistas para lucir na foto e evitar os confrontamentos; gobérnase para quedar ben, para contentar ás de sempre e non mudar nada. Por evitar conflitos non se pode deixar de tomar medidas que benefician o conxunto da cidadanía. Acaso non foi a valentía política do BNG a que fixo transformar O Porriño eliminando o tráfico no centro primeiro e en San Bieito despois a pesar da resistencia de quen non quere que O Porriño avance? Especialmente grave é a súa inacción a respecto da protección do Louro e os seus ecosistemas; négase a iniciar os trámites aprobados pola maioría absoluta da corporación municipal para os declarar Espazo Natural de Interese Local (ENIL); prefire organizar alí vodas. Ignorar a importancia de recuperar o río e as ribeiras do Louro é non ter proxecto de futuro para O Porriño.

Hai cuestións que non se lle poden permitir a un alcalde, como esquilmar o Concello en gastos superfluos e non investir en servizos públicos. A boa situación económica herdada cando chegou ao poder empregouna para despilfarrar, agora endebeda o Concello para afrontar pagos que el mesmo bloqueara, sen importarlle o futuro financeiro nin a demora que tiveron as provedoras. Tampouco teñen por qué pagar as persoas que viven no centro da vila o despropósito de modelo de festas ás que é tan afeccionado o señor alcalde, totalmente contrario á convivencia: concentracións de miles de persoas sen respectar horarios nin decibelios que fan do Porriño un nicho desexado por promotoras “amigas” que se enriquecen a costa de ofrecer á nosa mocidade un lecer centrado no consumo de alcohol. O Concello da cultura.

Quedan para a reflexión algunhas preguntas: Que agardamos dun rexedor que anunciou que o seu referente político foi Barros? De certo pensamos que nada ten que ver o desleixo co que trata a protección do río Louro coa ampliación que fixo o PP da concesión de ENCE en Pontevedra? A deslealdade que ten amosado co Porriño o PP na Xunta, retrasando a ampliación do centro de saúde ata que gobernara o Partido Popular, non é un espello para o goberno local a hora de beneficiar a quen é da súa corda? Por que non emprega ese compadreo para reclamar inversións históricas que se lle deben ao Porriño? E o lindano? Terá o alcalde valor para esixirlle a ADIF que debe investir os recursos necesarios para o soterramento total do paso a nivel no centro da vila? E presionar a Coren para que mova ficha nun traslado tan necesario como urxente para O Porriño?

Míriam Martínez Troncoso

Responsable Local do BNG do Porriño