Trini Labaca. Responsable local do BNG na Caniza
Para poder entender a actual situación política no Concello da Caniza, capital da Comarca da Paradanta, debemos facer unha breve retrospectiva, e tratar de imaxinar o esperanzador futuro desta vila.
Dende o ano 1976 ata o 2019 o PP foi o partido que gobernou neste concello, máis de 40 anos, ata que as eleccións do 2019 supuxeron un cambio: a pesar da vitoria do PP en porcentaxe de votos, non logrou pasar do empate en escanos co Partido Socialista; o concelleiro que conseguiu Ciudadanos fixo que o candidato socialista accedera á alcaldía por primeira vez. Chegados os seguintes comicios no 2023 o partido máis votado foi o PSOE, seguido do PP e por último o BNG, conseguindo así novamente a alcaldía o PSOE, pero desta volta sen necesidade de pactar con ninguén.
Ao longo deste tempo presentáronse candidaturas intermitentes do BNG e outras alternativas pero nunca acadaron representación municipal, e tampouco permaneceron nin se consolidaron.
A Caniza permanecía claramente nunha situación de bipartidismo entre as candidaturas potentes de dous partidos estatais, que non facía máis que reflectir a situación sociolóxica da Cañiza: unha veciñanza totalmente polarizada entre PP e PSOE no que as persoas tiñan medo a definirse publicamente, que apenas falaban de política, nin se decantaban por ningún dos dous cabezas de lista, sendo a frase máis manida das conversas o “eu non son nin dun nin doutro”.
O Partido Socialista seguía traballando para facer unha oposición forte pero non suficiente para desbancar ao Partido Popular, pasando incluso por unha fase de estancamento político, que finalmente conseguiu dobregar pero, por méritos propios? As estratexias políticas que continuaba practicando o PP na permanente estabilidade de mandato no concello: limpezas de camiños, parcheos, asfaltados…e pouco máis, xunto ás tradicionais maneiras de actuar: mala xestión económica, caciquismo, amiguismo, presións veciñais…algo axudaron tamén. A traxectoria inestable do BNG ao longo deste anos presentando candidaturas de xeito intermitente non axudaba tampouco.
O claro descenso da poboación dende os anos 80 ata o día de hoxe cun pouco máis de 5000 habitantes, a oferta turística limitada a pouco máis que festas relixiosas como por exemplo a da Virxe da Franqueira; e a gastronomía, A Caniza Capital do Xamón…pode ser este outro factor condicionante da situación sociolóxica deste concello, e que polo tanto condicione tamén o seu voto.
Non podemos esquecer que durante a segunda república A Caniza tivo unha alcaldesa: María Purificación Gómez González, primeira muller en ocupar este cargo na historia de Galicia ata este mesmo ano 2023. Ningún dos dous partidos que teñen ocupado a alcaldía neste concello tiveron a ben facer nada a respecto deste fito histórico: nin rúa, ni parque, nin edificio público…nin ningún outro tipo de acto. Outro aspecto que define as inquietudes políticas dos partidos maioritarios deste concello e non reflicten as da súa veciñanza.
Pero neste panorama político e social actual hai que ter en conta que o BNG consolidou a súa Asemblea Local para ofrecer outros xeitos de xestionar e de facer, para sementar e acoller eses votos que non pertencen ao bipartidismo, que vai facer que este rache dunha vez por todas na Caniza, e cando menos amosar unha sociedade máis diversa e plural que en realidade si existe nesta vila.
Veremos que sucede nos seguintes eleccións municipais pero, polo de pronto, a situación sociopolítica parece que algo muda.