Subliñan que, dun total de 895 persoas traballadoras, 226 foron sancionadas

Vigo, a X de agosto de 2026

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo rexistrou unha solicitude á Alcaldía para que se repare ao persoal funcionario desta administración municipal que foi represaliado polo franquismo durante a guerra civil. Lembran que cada ano, en agosto, o Concello realiza unha homenaxe no Cemiterio de Pereiró aos políticos e sindicalistas vigueses asasinados polos fascistas e con esta petición, quérese estender esta homenaxe tamén ás persoas servidoras públicas que sufriron as represalias do franquismo.

Lembran que tras do golpe de estado do 1936 instaurouse o franquismo en toda a provincia de Pontevedra levando a cabo unha depuración do colectivo de persoal funcionario nas administracións públicas. A depuración máis numerosa de Pontevedra tivo lugar no Concello de Vigo “xa que dun total de 895 funcionarios e funcionarias foron sancionados 226, é dicir, unha cuarta parte do cadro de persoal”.

Do total de persoas sancionadas, un 71% sufriron a separación definitiva. Algúns departamentos do concello como o de Policía, os corpos de limpeza e arbitrios e os servizos de augas e sumaron un total de 160 persoas depuradas, máis do 70% do total. Foron purgados dende o secretario xeral, xefes de seccións, inspectores, porteiros, lavandeiras, bombeiros, persoal administrativo, varredores, encargados, aprendices, oficiais, peóns, policías, vixiantes, choferes, mestras, cabos, palafreneiros, etc.

Toda esta información, salienta a sección sindical, foi recollida polo historiador galego Lucio Martínez Pereda e publicada no boletín nº 14 de Glaucopis do Instituto de Estudos Vigueses no ano 2009. “É de xustiza que a estas 226 compañeiras e compañeiros que sufriron a represión fascista teñan un recoñecemento polo Concello de Vigo polos servizos prestados e pola inxusta situación pola que pasaron”, asevera a sección sindical.

Por isto, a representación da CIG solicita que se convoque un Pleno extraordinario e se acorde:

  • Repudiar e condenar a usurpación do poder local pola ditadura franquista no Concello de Vigo.
  • Declarar nulos e revogar todos os acordos plenarios e resolucións que se ditaran no seu día para depurar por cuestións ideolóxicas a empregados e empregadas municipais.
  • Considerar vítimas para os efectos da Lei de Memoria Histórica ás persoas que desempeñaron empregos públicos no Concello de Vigo e foron depuradas ou represaliadas como consecuencia do golpe militar do 1936 e da ditadura franquista.
  • Solicitar ao Estado a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal das vítimas do golpe militar e da ditadura franquista que desempeñaron algún posto no Concello de Vigo.

De igual maneira, fan un chamamento á cidadanía para localizar as familias do persoal que sufriu esta purga para ofrecerlles información e reparación; investigar na documento do Arquivo Municipal se durante a ditadura franquista houbo máis persoas funcionarias represaliadas; e realizar un acto público de recoñecemento e reparación.