Stellantis Vigo celebra este domingo o seu “Día das Familias”, pero para a CUT esta iniciativa non pode ocultar a realidade laboral que vive a plantilla. “A empresa pretende vender unha imaxe de empresa familiar que non se corresponde co día a día de moitas persoas traballadoras. É un escaparate, non conciliación.”
Mentres a dirección organiza actividades para as familias, hai persoas traballadoras que afrontan xornadas de seis días sobre sete, tanto de día como de noite, prolongacións de xornada e horarios que dificultan
DE planificar a vida persoal e familiar. Para a CUT, esta realidade é incompatible co discurso de conciliación que a empresa pretende proxectar.
UN DOMINGO DE FOTOS NON COMPENSA TODO UN ANO DE DIFICULTADES
Para a CUT, unha empresa familiar mídese polo que permite facer ás familias os 365 días do ano, non polas actividades infantís dun domingo.
Mídese por ter tempo para coidar das crianzas, descansar, atender familiares ou simplemente chegar á casa con enerxía para vivir. E iso é cada vez máis difícil pola presión produtiva e unhas cargas de traballo que pasan factura física e psicolóxica. A produtividade non pode medirse só en vehículos fabricados: tamén debe medirse no custo humano que soporta quen os fabrica.
Os propios datos de 2026 son contundentes: tan so 9 enfermidades profesionais recoñecidas nunha plantilla de mais de 6000 persoas traballadoras entre xaneiro e xuño, e unhas ausencias por incapacidade temporal equivalentes ao 7,13 % das horas teóricas de traballo. Para a CUT, estas cifras non deben servir para culpabilizar ás persoas traballadoras, senón para analizar as causas e a organización do traballo que hai detrás delas.
“En lugar de criminalizar o absentismo, hai que preguntarse que hai detrás del: que organización do traballo, que ritmos e que cargas están levando ás persoas a chegar ao límite.”.
CONCILIACIÓN SOBRE O PAPEL, PERO NON SEMPRE NA REALIDADE
A CUT denuncia tamén as dificultades para exercer os dereitos de conciliación, chegando algunhas persoas a ter que acudir aos xulgados para defender dereitos que deberían estar garantidos. Consideramos especialmente grave que os dereitos recoñecidos sobre o papel non teñan sempre unha aplicación efectiva na realidade diaria.
“Se para conciliar hai que ir aos tribunais, non estamos ante unha verdadeira política de conciliación.”
E hai outro elemento fundamental: non existe conciliación real sen salarios dignos. A CUT lembra que Stellantis deixou de ser para moitas novas xeracións aquel emprego industrial de referencia que permitía construír un proxecto de vida. Denunciamos tamén que os niveis salariais das novas contratacións dificultan emanciparse, acceder a unha vivenda e formar unha familia, con salarios que non chegan ao SMI a causa do abuso da parcialidade.
O VERDADEIRO DÍA DAS FAMILIAS
“Non cuestionamos que as familias poidan visitar a fábrica. O que cuestionamos é que se utilice esta celebración para lavar a imaxe dunha realidade laboral cada vez máis afastada da conciliación. Unha fotografía dunha familia dentro da fábrica non pode ocultar as dificultades que esa mesma familia sofre durante o resto do ano para organizar a súa vida.”
Para a CUT, o verdadeiro Día das Familias sería aquel no que Stellantis puidese anunciar:
Menos xornadas de seis días sobre sete; menos prolongacións; máis previsibilidade; servizos médicos para todas as quendas; cargas de traballo asumibles; salarios dignos; emprego estable e dereitos de conciliación efectivos.
Tamén servizos médicos e garantías iguais para todas as quendas, incluídas as noites e as fins de semana.
Que esta iniciativa non é máis que un lavado de cara, tamén se pon de manifesto, cando se celebra durante as vacacións dunha parte importante da plantilla (quenda FdS), dificultando a súa presenza.
Porque unha empresa familiar non se define polas fotografías dun domingo, senón polo tempo que permite ás súas traballadoras e traballadores para vivir coa súa familia o resto do ano.
A CUT pide mirar máis alá do escenario do domingo: detrás das actividades, dos carteis e das fotografías están as persoas que fan posible a produción todos os días do ano. Son elas, e non a campaña de imaxe, as que deben estar no centro.
E porque non pode existir verdadeiro éxito industrial cando a produtividade medra á costa da calidade de vida das persoas que a fan posible.


