A fin de semana do 8 e o 9 de agosto celebrouse unha nova edición da Rapa das Bestas do Monte Gagán e Marín. Como todos os anos o resultado foi excelente, o espectáculo precioso e a asistencia de público foi moi elevada
O curro, que terá arredor de dúas décadas de vida, é organizado pola asociación cabalar Monte Gagán. Este colectivo está presidido por Nacho Rosales un rapaz natural da parroquia de San Xulián empregado da fábrica de gaseosas de Seixo ,de tan só 23 anos de idade, que xa é todo un veterano no universo cabalar pois leva arredor de 4 anos presidindo a asociación e toda a súa vida, case desde que era un neno,profundamente namorado do mundo do cabalo, malia que na súa familia nunca houbera tradición cabalar.
O curro faise no parque Lagocheiras na parroquia de San Tomé, no concello de Marín.
A súa finalidade é desparasitar aos cabalos, microchipalos e raparlle as crinas e o rabo. Os cabalos serán arredor de 90 e durante anos viven en liberdade no monte.
Tres semanas antes da data de celebración do curro os membros da asociación cabalar van recollendo os cabalos no monte e meténdoos nun recinto pechado para que estean todos no mesmo espazo cando comece a rapa.
O proceso consiste en que os mozos montan os cabalos un a un, póusanos no chan e unha vez que os animais están tranquilos é cando lles curtan as crinas, os desparasitan e aos poldros póñenlles o microchip. O curro fano arredor de 30 mozos e a asistencia de público é moi importante. É difícil de contabilizar pero as estimacións máis realistas falan de que arredor de 2.000 persoas asisten desde moitos puntos de Galicia a contemplar este espectáculo que persegue mesturar o benestar dos animais en combinación coa conservación dunha tradición de enorme relevancia na antropoloxía do país galego.
O proceso do curro en si dura un día. Á maña comezan a operar sobre os animais e a partir das 8 da tarde, aproximadamente, os cabalos volven quedar ceibes ata que no ano seguinte se repita a operación.
É perigoso?
Para os cabalos, malia que se poidan pór un pouco nerviosos, non, non o é, para as persoas que participen no curro a actividade non está exenta de riscos. Poden caer do cabalo, ou recibir unha patada se o animal está especialmente nervioso. De feito hai un par de anos un dos participantes rompeu a mandíbula despois de caer do cabalo e que o animal que viña detrás lle pisase accidentalmente a cabeza.
Non ten por que pasar nada, habitualmente non pasa nada.Pero non está de máis que quen participe o faga con todas as precaucións posibles, de feito a organización está obrigada a ter unha ambulancia no espazo do curro para cubrir calquera continxencia que puidera acontecer.
Como se financia?
Como todos os actos organizados por colectivos da sociedade civil, con moita imaxinación , tesón e persistencia dos organizadores que teñen que buscarse a vida procurando fontes de financiamento en todos os sitios que poidan, recorrendo en moitas ocasións a patrocinadores privados.
O financiamento non é só para o curro en si, senón para a festa que se argalla arredor do espectáculo cabalar. Hai que pagar as orquestras, iluminación, son, seguridade…
Todo podería ser moito máis doado se o Concello de Marín se implicase máis, algo que por desgraza non fai. A organización non está en absoluto satisfeita coa colaboración que lles presta o Concello e manifestou por boca do seu presidente nas nosas páxinas que eles tamén son de Marin e que merecen un trato máis xusto para unha actividade que cada ano trae a milleiros de persoas a gozar do curro na súa localidade.

Redacción de Redondela

