
Hai cincuenta anos producíanse as últimas -que non derradeiras- mortes do franquismo. O 27 de setembro do 1975, dous meses antes da morte do ditador, cinco militantes do Frap -Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota- e da Eta son fusilados en Madrid, Barcelona e Burgos segundo condena dun “consello de guerra” da xustiza militar omnipotente. Toda unha chea de irregularidades, anomalías, erros intencionados nos xuízos e na execución, ao redor daqueles actos tan lamentables porque empregaron a xustiza militar para facer algo que non era xusto, ben o sabían. Foi unha chapuza coma tantas. Nese ano foron condenados en consello de guerra 252 civís no medio desas faltas de criterio e de verdade.
Mais aqueles que mataron non eran militares. Estaban acusados de matar ao policía Lucio Rodríguez Martínez e había que buscar culpables, fosen ou non, tivesen ou non algo que ver co asunto. Un dos acusados era Ángel Otaegui, de Eta, axustizado en Burgos. Mesmo no muro da morte repetiu que el non matara a ninguén, pero dixeron que el fora “cooperante necesario” e había que matalo, dar escarmento social. Había que dar escarmento e de paso quedar como seres moi efectivos! As palabras todas, que aínda constan nos papeis, eran de vinganza. Así son os que matan dese xeito, ese é o seu tratamento para sentenciar a morte. Puxéronlle as esposas colléndolle as mans por atrás, alguén lle deu unha calada dun cigarro, sería a última. Os Mauser Coruña, así chamados os fusís, fixeron detonación. El non fora, coinciden moitos en que fora Garmendia, José Antonio Garmedia Artola, el Tupa, anque hai un pauto de silencio no que todos se acollen, aquel ao que lle deran un tiro na cabeza e seica non era “estético” rematalo no paredón e que rematou en cadeira de rodas apartado de todo.
Eran tempos así, o ditador ditaba e os demais cumprían. Entre as 8,30 e as 10,15 do 27 de setembro, cinco activistas anti-franquistas pasaron polas armas dos pelotóns correspondentes. Catro xulgados en consellos de guerra e códigos militares dos anos de 1890, traizón, subversión, espionaxe, deserción, …as probas eran o de menos. O primeiro era ir ao caldeiro e xa no cárcere, paus e todo tipo de agravios e desconsideracións, torturas para conseguir confesión. Torturas na Porta do Sol da man daquel Billy el Niño, Antonio González Pacheco. Ou na Vía Laietana de Barcelona onde o comisario Julián Gil Mesas, facía abuso de todo. Non había clemencia. Ambos os dous inspectores de policía acudirían traxados ás execucións, aínda recoñecendo que selles fora a man nos interrogatorios e que todos cantaran. Dous anos despois viría a Lei de Amnistía para rematar co réxime e abolir a pena capital.
Do Frap eran José Humberto Baena de 25 anos (Vigo, 1950-1975), José Luís Sánchez Bravo de 21 (Vigo 1954-1975) e Ramón García Sanz de 27 (Barcelona 1948-1975). Os outros dous eran Juan Paredes Manot -Txiqui- de 21 anos e Ángel Otaegui Etxeberria, de 33 anos, e que eran de Eta.
Hoxe os xuízos, de acordo coa Lei de Memoria Democrática de 2022, considéranse ilegais e nulos, igual que as súas sentencias, anque non teñen dereito de reparación económica algunha. Deberan, é cousa debida, quedar anulados e que alguén explicara o por que da morte daqueles cinco rapaces e que se coñeza a verdade anque manche a moitos demócratas de “toda la vida”. Así como a reparación dos feitos do abuso.
O desenvolvemento deste crime partiu do Pazo de Meirás, residencia do ditador, un día 22 de agosto do 75. Nun Consello de Ministros e sendo Arias Navarro que a probou o decreto-lei 10/75 sobre prevención do terrorismo que entrou en vigor cinco días despois. Aumentaba penas e asignaba á xurisdición militar as competencias mentres concluía repartindo penas de morte coma churros, aínda sen probas.
Algo aínda así sucede hoxe, cando esas forzas ocultas inventan bandas armadas e encarceran a xente nova que non ten delito. Fano por supostas culpabilidades contrarias a dereito e á presunción de inocencia. Si, son e foron presuncións de culpabilidade, feitas e amañadas, para destruír a vida de quen teñen en sospeita e levan por exemplo unha lata de gasolina no maleteiro. Vinganzas e escarmentos que se notan especialmente cando non deixan presentar probas nin actuar debidamente a avogacía que os defende. Sucede cando aos poderes non lles importa o dereito e gozan do poder para poder inculpar. Sacan de lei antiterrorista e xa teñen camiño aberto. Actos degradantes que poñen en dúbida tantas cousas que coidabamos superadas, cando -seguimos a saber- as sentencias están previamente cociñadas. Residuos daquelas prácticas que aínda ecoan horrores e medos.
Foron tempos daquel xuíz de ultradereita, un tal Pascual Vidal Aznares, e que xa no 1974 mandara ao garrote vil ao militante anarquista Salvador Puig Antich con 25 anos. Tamén coincidentes co comandante Francisco Muro e toda unha tropa inquisidora comandada polo capitán xeral Salvador Bañuls. Un espectáculo vergoñento no que aínda se xulgan non persoas, senón patrias. Había que fusilalos a todos, sen dar tempo a reaccións internacionais e protestas, de prensa, sindicatos, diplomacias, …sen tempo sequera para o medo. Eles si, foron víctimas de terrorismo!.
