Trump

Artigo de opinión A Nova Peneira
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

O chamado “proxecto de paz” de Donald Trump para Gaza é unha vergoña histórica. Un insulto ao pobo palestino, unha demostración obscena de cinismo e unha mostra de que o imperialismo estadounidense segue a pensar que pode dictar o destino dos demais como se o mundo fose o seu rancho privado.

Trump falou coma o que é: un matón político. Non propuxo paz ningunha, senón unha rendición absoluta. O seu ton ameazante, cheo de arrogancia e soberbia, foi máis propio dun criminal de guerra que dun dirixente responsable.

Falou de “destrución total” para quen non acepte as súas condicións, mentres sorría para as cámaras e se facía pasar por “home de paz”. Un actor ridículo interpretando o papel de salvador mentres xustifica a opresión dun pobo.

Nin unha palabra sincera sobre o sufrimento civil, nin unha pinga de empatía, nin un mínimo recoñecemento da dor causada pola ocupación e o asedio. Só ruído, propa- ganda e ameazas.

O seu chamado “plan de paz” é, en realidade, un plan de sometemento: Gaza desmi- litarizada, sen soberanía, sen control do seu propio territorio, vixiada por potencias estranxeiras.

Trump chama a iso “reconstrución”. O mundo coñéceo polo seu verdadeiro nome: ocupación.

Mentres fala de “estabilidade”, o que ofrece é control militar. Mentres fala de “axuda humanitaria”, o que propón é a tutela dun pobo que só pide liberdade.

É a política da bota sobre o pescozo, maquillada con discursos escritos por asesores que non teñen alma.

Trump non busca a paz, busca protagonismo. Non lle importa Gaza, nin Israel, nin Palestina. Só lle importa Trump.

Cada frase do seu discurso estivo pensada para alimentar o seu ego e a súa base políti- ca máis fanática.

O seu delirio de grandeza é tan enorme que xa non distingue entre realidade e teatro. Fálalle ao mundo coma se fose un programa de televisión, e cre que a guerra é un de- corado máis.

É un narcisista perigoso, un home que fai da brutalidade un espectáculo e da mentira un instrumento de poder. Non é un líder: é unha ameaza con traxe e micrófono.

As principais nacións árabes rexeitaron o plan. Exipto, Xordania e Arabia Saudita chamárono “inaceptable”. Rusia cualificouno de “vago e sen fundamento”.

E mesmo dentro de Occidente, moitos viron o discurso como o que realmente foi: unha provocación que só serve para agravar a ferida.

A idea de colocar Gaza baixo control directo dos Estados Unidos é unha barbaridade colonial. Unha nova forma de ocupación que pretende borrar a identidade palestina e reescribir a historia ao gusto dun demagogo.

O discurso de Trump sobre Gaza non pasará á historia como un xesto de paz, senón como un monumento á hipocrisía e á desvergoña.

É a voz dun imperio decadente, dun home sen escrúpulos que usa o poder para humi- llar, e a mentira para gobernar.

A súa suposta paz é a paz dos cemiterios: a calma que vén despois da destrución. Trump representa o peor do poder: a ignorancia, o desprezo pola vida e a convicción de que pode facer o que lle pete sen consecuencias.

E fronte a iso, o mundo debería responder con claridade: non hai paz con ameazas, nin diálogo baixo a bota dun tirano.