Ponte Caldelas: entre a consolidación e a fatiga

Dez anos despois da súa chegada á alcaldía, Andrés Díaz Sobral continúa á fronte dun concello que combina estabilidade política con desafíos estruturais difíciles de resolver. Ponte Caldelas mantén o perfil dun municipio de interior que tenta frear o descenso demográfico e preservar servizos públicos en condicións de financiamento que o propio alcalde cualifica de “inxustas”. A entrevista que segue revela un dirixente consciente das limitacións administrativas e orzamentarias.

O contexto político local é, en aparencia, tranquilo. Díaz Sobral obtivo maioría absoluta nas municipais de 2023. O escenario, porén, non está exento de desgaste.

O alcalde leva unha década no cargo e proxecta continuidade, mais tamén certa fatiga. As súas respostas, nesta conversa, amosan un enfoque de xestión centrado na consolidación do existente, máis que na innovación. A aposta por “seguir mellorando servizos e calidade de vida” sitúao no terreo da administración ordenada, pero non necesariamente transformadora.

A súa primeira prioridade , “crear servizos e mellorar a calidade de vida dos veciños”, é un obxectivo tan amplo que podería asinar calquera goberno local. Díaz deféndeo como unha estratexia de retención poboacional, un reto que non é menor nun concello con orografía dispersa e trescentos quilómetros de camiños municipais. Mais, máis alá da retórica, non concreta medidas novas de atracción residencial nin políticas activas de emprego ou vivenda. A acción céntrase en melloras graduais e mantemento de infraestruturas, unha xestión prudente, sen riscos, que non sempre logra entusiasmo social.

A segunda prioridade, a estación termal, é o proxecto estrela e tamén o máis atrasado. Díaz leva dez anos falando dela e, segundo afirma, agora “estamos ultimando a licitación” para iniciar as obras no primeiro trimestre de 2026. O investimento previsto, duns 1,5 millóns de euros, busca situar Ponte Caldelas como destino turístico de benestar e complementar o atractivo natural do río Verdugo. O alcalde insiste en que o retorno económico será “notable”, pero admite que a tramitación se viu atrapada nunha maraña burocrática. A demora converte o proxecto nun símbolo ambiguo: unha mostra de persistencia, pero tamén dun ritmo político lento que evidencia a dificultade de converter promesas en realidades.

A terceira prioridade é a mellora das vías de comunicación. O Concello xestiona unha rede extensa e custosa, o que explica parte das queixas sobre infrafinanciación. Díaz calcula que o Estado e a Xunta manteñen unha “débeda de medio millón de euros” con Ponte Caldelas.

Na cuestión ambiental, o alcalde reivindica a limpeza do tramo urbano do río Verdugo, onde asegura ter ampliado o leito e eliminado especies invasoras. Non obstante, admite que a competencia é formalmente da Xunta, coa que mantén unha relación tensa. É un exemplo de xestión compartida onde cada administración se responsabiliza só do que lle convén, e onde o equilibrio ecolóxico compite co obxectivo inmediato de evitar inundacións. O discurso é técnico, pero non deixa de ser político: Díaz subliña a inacción da Xunta e a eficacia do Concello.

Outro conflito aberto é o da auga. Ponte Caldelas mantén unha disputa con Pontevedra polo prezo do subministro ao polígono de A Reigosa. O alcalde rexeita a cifra que se lle aplica , 1,06 euros por metro cúbico, e acusa ao Concello de Pontevedra de “especular”. A súa posición é clara: “Temos que pagar o que custa a auga, non o que se pretende cobrar”. Porén, evita comprometerse sobre unha eventual vía xudicial e confía nun entendemento a través da futura mancomunidade. É unha defensa pragmática, que combina indignación retórica con cálculo político.

A entrevista tamén aborda cuestións de maior escala, como o proxecto de parque eólico na Serra da Fracha, ao que Díaz se opón. O argumento é compartido por moitos concellos e comunidades de montes, e encaixa nunha posición ambientalista de sentido común.

A parte máis política da conversa revela a complexa relación de Díaz co PSdeG e co propio Pedro Sánchez. Recoñece ter pedido unha “renovación” no partido e mesmo que o presidente “se fixera a un lado”, aínda que matiza agora esa posición. Mantén un ton disciplinado, pero a súa crítica a Gonzalo Caballero e o apoio a Besteiro deixan entrever o desgaste interno dunha organización que non acaba de atopar liderado sólido en Galiza. Díaz fala de “autocrítica” e de “proxecto por riba das persoas”, pero as súas palabras amosan máis distancia que entusiasmo. No fondo, describe un partido que sobrevive máis por inercia que por impulso.

A entrevista deixa unha sensación clara: Ponte Caldelas avanza, pero a paso lento. O alcalde coñece o seu territorio, domina os detalles técnicos e mantén a orde institucional, mais transmite pouco vigor. O seu discurso é funcional, preciso, sen improvisacións, pero tamén sen calor. Defende o logrado, desculpa o pendente e atribúe o non feito á burocracia ou á falta de fondos. É un estilo de goberno eficaz para a xestión ordinaria, pero limitado para xerar ilusión.

A crónica péchase como comezou: cun concello estable, cun alcalde veterano e un horizonte sen sobresaltos aparentes. O futuro inmediato de Ponte Caldelas dependerá de se a estación termal chega a tempo, de se o financiamento local mellora e de se o proxecto socialista atopará, dentro ou fóra de Díaz Sobral, a enerxía que perdeu co paso dos anos. A estabilidade é un valor, pero tamén pode ser unha forma de inmobilismo. E nese equilibrio, frío e calculado, é onde se move hoxe o goberno municipal de Ponte Caldelas. Falamos co seu alcalde

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas

Estamos ultimando a licitación para comezar a construír a estación termal”

Cales considera que son as tres prioridades absolutas para este mandato?

A primeira era seguir mellorando o concello creando servizos, mellorando a calidade de vida dos veciños e por tanto manter a poboación ou incrementala, cousa que imos conseguindo.

O segundo era a estación termal, cousa que despois da cantidade de xestións burocrática e da pandemia e anos traballando con Augas de Galicia, xa estamos ultimando a licitación para poder construír a principios do ano que vén. Era un dos principais obxectivos desde que cheguei aquí e levo dez anos. Este país ten moita burocracia e ás veces complícao todo.

É o terceiro son as vías de comunicación. Somos un concello grande e disperso con trescentos quilómetros de camiños municipais que imos mellorando pouco a pouco.

Como se teñen comportado os ingresos e gastos do Concello ultimamente?

Ben porque está é unha das reivindicacións que é moi pouco escoitada. O sistema de financiamento dos pequenos concellos leva a que cando botamos contas atopamos con que teñen unha débeda de medio millón de euros con Ponte Caldelas porque nos infrafinancian. Falan da España vaciada e non fan nada para evitalo cando moitas veces hai servizos que son máis caros que nas cidades como por exemplo o da recollida do lixo, iso non axuda ao reter poboación.

Os concellos pequenos cada vez temos máis gastos e menos ingresos porque nos impoñen máis competencias.

Cal é o plan concreto para minimizar o risco de inundacións no tramo urbano do Verdugo e como se compatibiliza a acción sobre o leito do río con respecto ao ecosistema?

Os ríos é unha competencia da Xunta pero casualmente dixéronnos que na parte problemática, na urbana, seica que a competencia é nosa. Xa o ano pasado fixemos unha limpeza importantísima gañando espazo que a natureza lle comera ao río. Ao mesmo tempo arrincamos especies invasoras que estaban ocupando o río, como o eucalipto. Estes días acabamos de executar a segunda limpeza, dándolle unha maior amplitude ao río e quitándolle posibilidades de desborde.

Que opina da solicitude do seu compañeiro de partido Abel Caballero sobre o transvase do río Verdugo para a cidade de Vigo?

Entendemos todas as situación pero este ano tivemos que poñer bombeos e sacos de area para poder bombear e almacenar auga. Non é egoísmo. É a auga que necesita o concello de Ponte Caldelas para abastecer á súa poboación. Non podemos desvestir un santo para vestir outro, parecera que aquí non vive ninguén.

Non está dacordo por tanto.

Non. Paréceme incrible que se sigan propoñendo estas cousas. Haberá que buscar outras fórmulas, pero non se pode deixar sen auga a Ponte Caldelas para seguir abastecendo a Vigo.

Como xestiona o Concello as franxas de protección contra incendios nas súas 8.000 parcelas obxecto de vixilancia?

Xestionámolas con dificultades e con compromiso, iso si. Porque aquí a Xunta saca leis, lávase as mans, e os concellos teñen dificultades para sacar iso adiante porque non hai fondos. O concello de Ponte Caldelas gastou entre roces de camiños e estas execucións, máis de 350.000 euros. Cando se derivan competencias débense derivar cartos para poder cubrilas con garantías.

Como está abordando o Concello a transición enerxética a nivel local?

Temos varias humanizacións onde reducimos emisións e ademais conseguimos fondos europeos que axudan a implantar a biomasa no propio concello ou na casa da Cultura. A través da propia Deputación imos instalar placas solares.

Nun concello coma este a redución de emisións é notable transitando cara ao uso de LED, humanizando, reducindo o uso do vehículo. Estamos cumprindo os obxectivos.

A estación termal parece un proxecto de gran impacto. Pode dar un cronograma detallado para as licenzas, contratas, inicio da obra?

Estamos ultimando a licitación que é complexa. Nas próximas semanas sairá, e a idea é que no primeiro trimestre do ano que vén adxudicar e comezar as obras. Tamén é certo que hoxe dada a situación das empresas, hai que ter sorte. As empresas non teñen persoal e a situación é complicada cando emprendes grandes obras.

Respecto á estación termal: que estimación teñen de custe total e que retorno económico e turístico prevé?

O proxecto sae por un millón e medio e o retorno evidentemente para a vila é notable porque o turismo estacional vai ser unha inxección económica importante non só para Ponte Caldelas senón para toda a comarca.

Sobre o convenio con Pontevedra pola auga potable para o polígono de A Reigosa: Cal é a posición do Concello?

A nosa posición é que nós temos que pagar o que custa a auga.

Vai saldar esa débeda entón?

O que custa a auga, non a tendencia á especulación que se pretende facer con ela.

Por que entende que se está a especular?

Porque a nos cóbrannos a 1’06 moito máis cara que ao resto.

Pero é que uso industrial.

Claro, pero se ti cobras o que lle cobras ás empresas terás que asumir todo o gasto de mantemento e sen embargo nós a maiores temos que ter un fontaneiro contratado reparando avarías. Aquelo foi un convenio que se asinou no seu día, nada acorde á realidade. Trátase ao concello de Ponte Caldelas como se fose unha empresa.

Van xudicializar o conflito?

Non o sei, estamos intentando chegar a un entendemento e a formalizar a Mancomunidade.

No caso de que Ponte Caldelas non poida pagar a cantidade reclamada, que consecuencias prevé para o funcionamento do polígono?

Non vai ter ningún problema. A auga non é de Pontevedra, é do Lérez, é de todos. Hai que esperar a establecer a mancomunidade. O concello de Pontevedra terá que reconducir está situación, nós tamén, é chegaremos a un entendemento.

Sobre o parque eólico Serra da Fracha: a que nivel está o recurso administrativo ou a denuncia?

Non temos aínda resposta ao respecto. Entendemos que non é unha zona axeitada para facer este tipo de instalacións ao igual que a comunidade de montes de Baltar, por iso conxuntamente faremos todo o posible para evitar iso.

Quixera pregúntalle por unha publicación na que pedía autocrítica por parte do PSOE, chegando a suxerir que o secretario xeral e presidente do goberno Pedro Sánchez se fixera a un lado e deixará paso a una renovación. Segue neste posicionamento?

O proxecto socialista ten que estar por riba das persoas. Eu fun dos primeiros que apoiei a Pedro Sánchez, por certo, en contra do criterio de Abel Caballero.

En todas as lexislaturas sempre se falaba de economía. Desta vez non, porque aí a dereita non ten nada que criticar e aí comeza un desgaste persoal ao presidente sen falar do que realmente importa das cousas de comer. E a verdade é que lles está a funcionar polo capacidade mediática e xudicial da dereita contra un goberno de esquerdas e progresista.

Pero vostede mesmo dixo que tería que facer ao un lado.

Evidentemente o que goberna sempre ten un desgaste. Nese momento pensei que era o momento de facer un cambio, de renovar caras e sigo manténdoo. Pero isto é un decisión do partido e dos órganos de decisión do partido.

Que opinión ten de Felipe González?

Lémbrome de que o coñecín persoalmente en Bosnia na miña época de casco azul, cando me veu saudar fixérame moita ilusión porque eu escoitarao co meu pai nun mitin nas Travesas. A Felipe e a Guerra. Eu tiña catorce anos. Por iso anos despois ao coñecelo me fixo ilusión, claro, meu pai que vivu a Transición é aquela maioría absoluta histórica do PSOE…

Cando agora escoita falar a Felipe González nos medios de dereita, expresa a sus decepción. A min dóeme ver iso. Meu pai era felipista e que teña que miralo agora como un dos principais altofalantes da dereita…

Vostede apoiou a candidatura de Besteiro que apartou a Gonzalo Caballero Do PSdG, tendo en conta os resultados nas eleccións do 2024, cree que lles compensou apartar a Gonzalo Caballero?

A miña opinión persoal é que Gonzalo non fixo as cousas ben no PSdG, creou moitos enfrontamentos e non era o que necesitaba o PSdG. Apoiar a Besteiro era recompensar todo o dano que lle fixeran porque practicamente o trataran coma un delincuente, coa xuíza que o encausou finalmente acusada de prevaricación. Para Besteiro foi moi duro.

A min Besteiro paréceme boa xente e de cara ás próximas eleccións veremos cal é a alternativa real do PSdG, se é Besteiro ou outra persoa, pero recoñezo que a realidade do PSdG é bastante dura porque eu aquí en Ponte Caldelas miro a diferencia de resultados entre eleccións municipais e autonómicas.

Vai repetir como candidato ás eleccións do 2027?

Si si, ás do 2027 si, despois xa veremos.