Venezuela

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Hugo Chávez chega ao poder en Venezuela en febreiro do ano 1999. Naquel momento nese país a pobreza afectaba aun 80% de poboación , e a pobreza extrema era dun 20%.

Os efectos das políticas sociais implantadas polo goberno bolivariano pronto se fixeron notar na economía do país, así nos dous primeiros anos de goberno chavista produciuse unha grande melloría tanto da inflación como do PIB. Cando a situación das clases populares mellora adoita acontecer un intento de reacción das oligarquías que temen ver prexudicados os seus intereses, e así se produciu en Venezuela un intento fracasado de golpe de estado contra o goberno lexítimo. Unha vez que o chavismo logra desbaratalo, e retomar o control político do país, comeza a aplicación dos programas “ Misiones”.Este programa de redistribución social en favor das clases máis desfavorecidas dividiuse en tres partes:

1)Barrio adentro. Tiña por obxecto levar a atención médica a todos os barrios do país.

2) Robinson. Encargouse de alfabetizar aos segmentos de poboación que non o estaban.

3)Mercal. Distribuíu alimentos a quen os precisaba.

Os tres programas de atención social foron financiados polos beneficios resultantes da venda do petróleo. Estes beneficios deixaron de engrosar as contas de resultados das multinacionais petroleiras e das oligarquías locais e pasaron a incidir directamente no ben común do conxunto da poboación. E os resultados foron absolutamente espectaculares, así por exemplo entre o 2002 e o 2008 o PIB triplicouse e os índices de pobreza reducíronse de maneira significativa pasando do 80% da época pre Chávez ao 35%.Esta situación fixo que os niveis de popularidade do chavismo aumentaran significativamente na poboación e que gañase elección tras elección de maneira incontestable.

Pero Hugo Chávez morreu o ano 2013, supostamente de cancro. E digo supostamente porque hai teorías que defenden que en realidade foi asasinado.

O presidente falecido é substituído por Nicolás Maduro e comezan os problemas serios para o estado venezolano, basicamente resúmense en dous:

– O menos importante: o prezo do petróleo cae substancialmente

-O máis importante: Comeza o bloqueo económico dos USA

Foi o presidente Obama o primeiro que tomou a decisión de bloquear economicamente a Venezuela. A suposta natureza socialista do autor do famoso “ Yes we can” non era outra cousa que propaganda. Nun contexto no que o capital impón as regras de funcionamento e de organización social calquera, ou case calquera, administración sucumbe ás súas directrices. Un político estadounidense que si parece de verdade de esquerdas é o senador Bernie Sanders. Este veterano activista, lúcido e cabal, foi candidato ás primarias do partido demócrata en varias ocasións. Sempre foi o mellor dos candidatos que se presentaron e sempre saíu derrotado porque o capital nunca vai permitir que un tipo que se declara abertamente como socialista poida ter poder político.

A partir do bloqueo económico impulsado por Obama todo comezou a ir a peor para Venezuela. No ano 2016 houbo unha suba do prezo do cru que pareceu apuntar certa esperanza na recuperación, pero as presións e sancións norteamericanas impediron que Venezuela puidese producir e vender petróleo con normalidade e a situación complicouse de maneira total ata chegar ao ano 2019.Nese ano o presidente Trump comeza o seu primeiro mandato e decreta o bloqueo total da economía venezolana. O país é expulsado do sistema SWIFT, nunha decisión que ao meu xuízo bordea o criminal, e o estado na práctica vese na imposibilidade de facer case calquera xestión comercial transfonteiriza. É dicir Venezuela non pode nin comprar nin vender nada fóra das súas propias fronteiras, pois este sistema de comunicación entre bancos de distintos países é case obrigatorio para poder comerciar. É un instrumento que ten o capital para ter controlados aos gobernos que non queren obedecer os seus mandatos.

Por mor das sancións, Venezuela non pode producir, nin comprar nin vender nada e a consecuencia é inevitable: chega o colapso económico e unha inflación estratosférica que provoca unha diáspora masiva.

Nos últimos anos máis de 7 millóns de venezolanos e venezolanas víronse na obriga de abandonar o país para poder buscar un lugar no que vivir dignamente.

Moitos destes migrantes foron a USA impulsados pola administración norteamericana que lles daba un Status Temporal de Protección que lles permitía vivir e traballar nese país. No momento actual ese status foille retirado polo sátrapa Trump e 600.000 deles foron guindados ao lixo como se fosen cousas utilizadas en función dos intereses políticos.

No momento de escribir este artigo os USA ven de desenvolver unha acción militar que acabou co secuestro do presidente da República Nicolás Maduro e da súa esposa Cilia Flores.

O que parecía a fin do chavismo e a entrega do país á oligarquía económica local pois vai ser que non. O propio Trump di que a líder da oposición non ten os apoios suficientes para ser presidenta de Venezuela. Pero en que quedamos señores do PP, non era que a oposición gañou as eleccións e a súa vitoria foille roubada pola tiranía chavista?..Se gañaron como é que non teñen os apoios suficientes?

É difícil adiviñar o que vai acontecer no futuro. Todo parece apuntar que o chavismo seguirá controlando o país pero cunha pistola na cabeza para obrigarlles a que os seus recursos naturais sexan esquilmados pola oligarquía económica norteamericana.

O negocio é perfecto para os ianquis:quédanse coa pasta evitando despregar soldados no terreo e sumir a Venezuela nunha situación de guerra coas conseguintes baixas de soldados norteamericanos.

A operación militar para secuestrar a Maduro resultou sorprendentemente doada, se é verdade o que nos contan. Ao respecto diso teño lido distintas teorías sobre conspiracións, traizóns e intrigas diversas. Dáme igual, non vou especular un segundo sobre ese asunto porque a situación de Venezuela só ten un responsable: O imperialismo, fillo do que é a raíz de todo mal : O capitalismo.

Venezuela libre. Nicolás Maduro Libre. Cilia Flores Libre.