“Cando o Señor Rueda di que temos a mellor sanidade do mundo estanos mentindo.”
A Sanidade Pública Universal non é so un dereito fundamental que temos como persoas, é unha necesidade básica para manternos sans e ter unha boa calidade de vida; unha necesidade como a alimentación, a vivenda, o ensino ou un traballo digno.
O deterioro intencionado da Sanidade Pública que vimos padecendo nos últimos anos é un atentado directo aos nosos dereitos fundamentais, un atentado a nosa saúde, que se fai co a única intención de saquear unha das maiores partidas de fondos públicos que teñen os orzamentos das administracións.
Os recursos públicos son desviados a lucrativos negocios privados, que enchen a súa conta de resultados grazas a nosa saúde. Concertos con centros privados e compras a industria farmacéutica son o gran negocio. O gasto do Sergas en medicamentos foi de 1.489 millóns de euros segundo o Consello de Contas do último exercicio fiscalizado.
A Xunta destina nos orzamentos de 2026 un 47,7% do Gasto Sanitario Público a empresas privadas. Galiza é unha das comunidades autónomas que máis aporta aos hospitais privados concertados, un 40,1%.
A todo isto hai que sumarlle os copagos farmacéuticos, o ano pasado fixeron que 77.000 persoas non puideran adquirir os medicamentos que lles receita o médico por non poder pagalos.
Mais esta situación non é casual, é produto dunha política sistemática de desmantelamento e saqueo da Sanidade Pública Galega.
Como xustifican a privatización?
Deteriorando a atención sanitaria, colapsando o sistema mediante a falta de persoal en todos os ámbitos da sanidade, incrementando as listas de agarda na Atención Primaria e na Especializada, demorando as intervencións cirúrxicas, fechando centros de saúde e desviando pacientes a outros; e así até o infinito.
A continuación os seus medios de comunicación (públicos e privados) van campañas de desprestixio criticando a xestión público e louvando a privada. O público funciona mal, o privado mellor, hai que privatizar.
Se non hai persoal colapsa o servizo.
A falta de persoal sanitario provoca un colapso asistencial. A demora nas citas para o médico de cabeceira provoca a saturación dos servizos de urxencias, fai que se atendan máis tarde patoloxías que non poden esperar, fai que se demore a solicitude de citas para os especialistas e fai que se demoren as probas diagnósticas que poden ser fundamentais para detectar enfermidades graves.
O propio SERGAS recoñece un incremento notable nos tempos de espera en Galiza, con unha demora media para unha intervención cirúrxica nos 89,5 días. Uns 20,2 días por riba dos rexistros do ano anterior.
Ante as protestas xustificadas o Sergas pon parches que non solucionan o problema de fondo. As ausencias de médicos cóbrense en parte con prolongacións de xornada feitas por outros médicos. É dicir, un médico que fai a súa quenda de mañá, despois de atender 40 ou 50 pacientes, prolonga pola tarde unhas horas para cubrir ao ausente. Isto non chega para cubrir a totalidade da axenda o que provoca un incremento na espera para acadar unha cita.
Estas prácticas fan que os cambios de citas aos pacientes sexan habituais, co conseguinte incremento do traballo administrativo e o prexuízo para as persoas que ven modificada ou atrasada a súa cita médica.
A saturación dos administrativos nos centros de saúde como o de Marín é unha constante que tamén incide na xestión diaria. Con colas enormes nos mostradores por que as máquinas de quendas non funcionan. O servizo de atención telefónica para citas foi desmantelado e esa función recaeu no persoal dos centros de saúde. Os trámites administrativos, persoas migrantes, Chave365, etc, aumentaron nos últimos anos sen que aumentara o persoal…
Tamén se deteriora a atención cando deixas de arranxar pantallas e máquinas de quendas durante meses, facendo máis incómodo o paso polos centros de saúde. Pantallas e máquinas que xestiona unha empresa privada que non ten persoal para facer un mantemento ou reparación das mesmas.
En definitiva, se non se cobren as ausencias do persoal é moi difícil prestar un servizo de calidade, e se deteriora a calidade asistencial dun servizo público fundamental.
Marín, 23 de Outubro de 2026.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.


