Plan de Turismo Sostíbel de Marín

Plan de Turismo Sostíbel de Marín
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

O Plan de Turismo Sostíbel de Marín pretende facer un investimento de dous millóns de euros para impulsar a promoción turística do noso concello. Ben vidos sexan eses cartos se serven para mellorar Marín, as nosas condicións de vida e potenciar intelixentemente o sector turístico.

En declaracións da nosa alcaldesa “os equipos técnicos están a traballar na estratexia actual e futura para un Marín referente na innovación turística”. E moito teñen que traballar para acadar ese obxectivo tendo en conta as grandes cuestións pendentes que temos para ter un Marín en condicións.

Se chegamos a Marín por estrada o primeiro que vemos é o monstro fedorento da celulosas, seguimos un pouco e un longo valado agóchanos e sepáranos do mar até que chegamos á Alameda.

Unha vez alí temos unha paisaxe alucinante para calquera que nós visite, unha morea de contedores baleiros. Pese as críticas e peticións para que se localizaran noutra zona do porto, por sitio non será, a Autoridade Portuaria de Marín continúa chuleándonos sen que o goberno municipal faga un amago de presión para solucionar este problema.

Se damos unha volta pola vila imos ver unha chea de edificacións a medio facer, que levan así moitos anos, e un grande número de baixos comercias fechados. A 50 metros do concello, en pleno centro, atopamos un enorme solar cheo de silvas e con muros a medio derrubar.

Todo isto da unha imaxe de precariedade e decadencia, e deixa en mal lugar aos nosos gobernantes municipais incapaces de solucionar este problema.

De termos un goberno valente e decidido a mellorar Marín, e unha oposición que non estivese durmida, isto xa estaría solucionado tomando as medidas políticas necesarias. Porén, aquí gobernase con moitos sorrisos pero poucas accións evitando calquera conflito.

Alguén imaxina calquera cidade ou vila da Franza, Alemaña, Dinamarca con este nivel de abandono? Este é o modelo urbanístico que queremos realmente para Marín? Realmente xa estamos acostumados ás desfeitas, a que derruben o Priorato, a Villa Echegaray ou que arrasen algún petróglifo.

E falando de petróglifos, mámoas e castros, que ben nós viña investir parte deses dous millóns de euros en limpar, sinalizar, estudar e promover o noso enorme patrimonio histórico.

Non só temos os petróglifos de Mogor e o castro de A Subidá, ninguén lles discute o seu enorme valor, a nosa xeografía está chea deles, de mámoas, igrexas e capelas cun grande valor. Temos máis de corenta xacementos catalogados e uns cantos máis sen catalogar. Marín, como o resto do Morrazo, é un paraíso arqueolóxico desaproveitado.

Para cando o Espazo Natural de Interese Local de Castiñeiras (ENIL)? Se as praias de Marín son un grande atractivo, o Lago de Castiñeiras é un dos mellores espazos naturais e de lecer que temos. Un lugar emblemático para todos e todas as marinenses. As administracións teñen que poñerse as pilas e aprobar o ENIL de Castiñeiras para poder actuar neste entorno e sacalo do abandono.

E para ir rematando temos que lembrar que Marín segue sen ter unha zona de aparcamento de autocaravanas, pese a ser unha proposta aprobada nun pleno municipal por unanimidade. A pandemia puxo de manifesto o auxe deste tipo de turismo, unha forma de viaxar que vai a máis e que atrae visitantes de toda Europa. E por que non se fai? Pola incapacidade manifesta e falta de xestión do grupo gobernante.

Como dixo a nosa alcaldesa “Marín merece estar no nivel turístico ao que podemos aspirar”. Creo que podemos aspirar a máis, e para iso as propostas que saían deste Plan de Turismo Sostíbel deben servir para poñer Marín ao nivel que nós merecemos e aproveitando os recursos que temos.

É necesario cambiar a imaxe de vila con locais fechados e edificacións a medio facer, temos que poñer en valor os nosos petróglifos, mámoas e castros, o Lago de Castiñeiras ten que volver a ser un referente. Por que o turismo non é só ir á praia.

Marín, 30 de setembro de 2021.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago (Veciño de Marín e traballador do Sergas)