Dar a batalla ideolóxica na defensa do ben común

Lino Costas
Lino Costas, coordinador xeral de Esquerda Unida

Estamos nun momento no que os principios e ideas nas que se asenta a esquerda están a ser duramente cuestionados.

É tal o dominio da opinión pública que ten o capital, que este decide en todo momento tanto os temas de debate coma os propios termos nos que se debate. Véndennos coma os grandes problemas para a poboación cuestións coma a inmigración ou as ocupacións de vivendas ao mesmo tempo que servizos públicos esenciais para a clase traballadora coma a sanidade están a empeorar ante os nosos ollos e camiñando pouco a pouco cara a súa privatización, coas nefastas consecuencias que iso traería.

A día de hoxe ese dominio da opinión pública non soamente se exerce a través do control por parte do capital dos medios de comunicación tradicionais. As redes sociais, que pretendidamente virían democratizar o acceso á información, convertéronse noutra forma de dominio da opinión pública a través dos algoritmos que promoven as ideas e informacións que lle interesa ao capital.

O máis preocupante é que esta hexemonía ideolóxica por parte do capital, parece que cada vez vai tomando máis forza, incluso entre a mocidade. Unha mocidade que sería ao final a principal prexudicada no caso do retroceso das forzas e ideas da esquerda e da consecuente perda de dereitos sociais coma unha sanidade pública de calidade ou unhas pensións dignas.

Por exemplo, fai unhas semanas volveu a xurdir a polémica, sobre o que dende a patronal veñen chamar “absentismo laboral” no que engloban todos os permisos e descansos que coma traballadoras e traballadores correspóndennos legalmente. Utilizan esta interpretación interesada do que é o absentismo para cargar nas traballadoras e traballadores os problemas que poidan ter as súas empresas ao tempo que promoven a desconfianza cara ao “outro”.

Pero é que dende o capital van a por todo. Tamén lles molestan as pensións de xubilación. Xa levan moitos anos, e cada vez insisten máis, poñendo en dúbida a sostibilidade das pensións públicas de xubilación, idea introducida na opinión pública incluso dende medios de comunicación que se supoñen de esquerdas utilizando o pretendido problema da pirámide poboacional.

E si, as pensións públicas sostéñense a día de hoxe unicamente coas contribucións dos traballadores e traballadoras á seguridade social. E digo unicamente coa contribución dos traballadores e traballadoras porque é certo. Porque a parte que se supón que aporta a empresa, tamén a pagamos os traballadores e traballadoras co noso traballo.

As empresas teñen uns custos de produción, nos que se inclúe entre outras cousas toda a parte salarial, uns ingresos e uns beneficios. Todo o que se incrementa o valor máis alá destes custos é produto do traballo. Se non existe este incremento a empresa é inviable. Polo tanto, todo o que aparece na nómina, incluída a suposta achega da empresa á seguridade social, está pagado co incremento do valor producido polo traballo, non polo empresario. Ata nas nóminas tentan enganarnos.

Pero é que ademais, a sostibilidade das pensións non ten porqué depender unicamente das cotizacións á seguridade social. Poden ser sufragadas perfectamente con outros ingresos do estado. Non hai ningunha lei divina nin premisa constitucional que o impida. E dito de paso, lembremos que a carga impositiva aos capitais en España está por debaixo da media da UE, que non é precisamente unha institución socialista.

Manter unhas pensións e uns servizos públicos dignos non é unha cuestión técnica, se non de decisión política. A cuestión da súa sostibilidade é simplemente un debate interesado para promover a privatización dos mesmos en beneficio do capital.

Da capacidade que teñamos a día de hoxe dende a esquerda de dar a batalla ideolóxica tanto nesta como nas demais cuestións, dependerán non soamente as nosas condicións materiais de vida actuais coma clase traballadora, se non sobre todo as condicións de vida das vindeiras xeracións.