Neste medio de comunicación sempre defendemos, ao longo dos nosos 15 anos de historia, que a forza sociedade civil organizada é imparable, e que o valor do traballo en comunidade fai mellores tanto ás persoas que desa maneira entenden a vida, como á sociedade en xeral. Calquera iniciativa que trate de artellarse arredor de principios comúns vai ter sempre o noso respecto, o noso recoñecemento e espazo nas nosas páxinas.
Hoxe, queremos homenaxear á Rondalla de Zamáns. Unha agrupación musical que non se sabe exactamente cando naceu, pero que se pode afirmar con certeza que supera o século de historia pois os seus compoñentes teñen constatado que na década dos 40 do SXX celebrou o seu 25 aniversario.
Nun contexto no que o rural galego atravesa graves problemas para fixar poboación, pola carencia de servizos e oportunidades laborais, iniciativas como esta contribúen a:
-Unir á poboación dunha determinada área xeográfica.
-Proporcionar unha alternativa sa de ocio e lecer á mocidade.
-Conservar as tradicións culturais que permitan desde o presente conectar o pasado da parroquia co seu futuro.
-Fomentar o sentimento de comunidade e identidade.
-Practicar as relación interxeracionais. Neste tipo de colectivos conviven persoas de todas as idades, desde avós e avoas ata nenos e nenas.
-Ensinar ás xeracións máis novas a conseguir obxectivos en base á colaboración.
E así o amosaron os homes e as mulleres desta Rondalla o pasado dous de xaneiro cando arredor de medio centenar dos seus compoñentes acudiron todos xuntos, comandados polo seu director Xosé Manuel Fernández “ Muxicas” aos Cines Norte de Vigo , vestidos co traxe da Rondalla, a contemplar a película “Rondallas” do director madrileño Daniel Sánchez Arévalo estreada na carteleira o primeiro día deste ano 2026 .
A Nova Peneira estivo con eles e asistiu, grazas á súa amabilidade e xentileza, a presenciar a película da que lles ofrecemos o noso punto de vista despois de erguer metaforicamente a nosa copa para brindar cos rondallaeiros e rondalleiras por unha longa vida para a Rondalla de Zamáns e para todos os colectivos que contribúen a facer mellor a vida en comunidade.
A película

A valoración que me provocou é negativa en liñas xerais. Pareceume unha película sobre Galicia desde a perspectiva española que, como case sempre, enfoca todo desde a súa propia ótica sen ter en conta que as interaccións coa realidade son diferentes no que son países diferentes.
Houbo aspectos que me pareceron positivos: así por exemplo podemos mencionar o traballo das actrices e dos actores, todos eles excelentes, a profundidade humana dos personaxes: Con matices, luces ,sombras angustias e contradicións. Nese sentido pareceume salientable a chamada a ter en conta a saúde mental a través da problemática dun dos personaxes, un rapaz novo e intelectualmente brillante que non tería porque ter pulsións suicidas, pero o certo é que si as tiña. Outro aspecto que considero se pode destacar é a defensa da comunidade como medio para facer mellor a vida das persoas.
Pero a película ten erros notables que non sei se obedecen a un deficiente labor de documentación, ou o que sería peor; que se trate de que non importa reflectir unha realidade que non existe.
A acción desenvólvese nun pobo mariñeiro no que algúns dos seus veciños e veciñas despois da tráxica morte dalgúns deles nun naufraxio deciden recuperar a antiga rondalla.
Ese pobo que non se nomea é A Guarda. Resulta moi fácil recoñecer ao longo de toda a película distintas localizacións da vila guardesa. E o certo é que na comarca do Baixo Miño nin existen nin existiron Rondallas.
Este tipo de agrupacións musicais son propias da comarca de Vigo e da súa área de influencia. Hai Rondallas en Vigo, O Porriño, Gondomar e Mos. Pero non as hai nin na Guarda nin en ningún outro pobo mariñeiro.
Por outra parte nos pobos mariñeiros de Galicia o idioma que aínda é maioritario é o noso: o idioma galego. Non sei se a película foi rodada noutro idioma por cuestións puramente comerciais, ou se como me temo foi porque esa cuestión non lle importe ao director da película e estea contribuíndo, con intención ou sen ela, a amosar unha realidade falsa: En España fálase castelán.
A cuestión comercial podo entendela e incluso podo respectala, todos temos que vivir e neste mundo voraz non resulta nada doado. Pero o que me resulta moi decepcionante é que aínda por riba de facer unha película sobre unha parte da idiosincrasia do pobo galego nun idioma que non é o seu se reflictan situacións de diglosia, o proceso que está levando á tumba ao noso idioma. E a realidade é que na película aparecían varios casos de diglosia de manual. Así por exemplo nunha escena na que o rapaz que tiña pulsións suicidas está a falar cunha rapaza que lle gusta, esta, que absolutamente sempre fala en español dille nun momento de frustración “ vai tomar polo cu”.
A diglosia é un proceso polo que unha linga allea á unha comunidade é asociada ao prestixio e ao éxito e aos poucos vaille comendo o terreo á lingua propia desa comunidade ata substituíla totalmente. Un fenómeno característico dos procesos diglósicos é que os nativos que falan habitualmente a lingua de fóra pasan á lingua propia cando tratan de expresar calquera connotación negativa. É algo do subconsciente, e dáse porque na psique colectiva, séculos de colonialismo político e cultural, lograron que se asociara a lingua propia aos contextos negativos. E en “ Rondallas” aparece en varias ocasións. A verdade é que sempre que a diglosia aparece diante miña póñome de moi mal humor, ata o punto de que ese día en concreto me entraron en varias ocasións gañas de marchar. Lembroume a aquel feo costume da miña adolescencia que obrigaba ás parellas que perdían unha partida a pasar por baixo do futbolín. É dicir, parece que é necesario aderezar a derrota con doses de humillación.
E non, nesta vida pódese perder moitas veces, pódese perder moitas cousas, pódese perder o amor a saúde e incluso a propia vida. Pero o que nunca se pode perder é a dignidade.
