Un lugar de encontro, acougo e lecer a carón do Concello de A Lama
Moi cerquiña do Concello de A Lama está a cafetería e panadería de Roberto. El é o tipo de home dos que fan mellor á humanidade; comprometido, solidario, leal, cordial e que sempre está cando se lle necesita. Roberto é unha boa persoa en sentido estrito e rexenta un negocio que xa é unha referencia non só no seu concello senón en toda a comarca; a cafetería e panadería O Brasileiro. E nós pasamos un rato moi agradable tomando unha caña con el, e coñecéndoos mellor á súa persoa e ao seu negocio
ROBERTO BAQUEIRO
“A panadería e cafetería O Brasileiro é o negocio da miña vida”
Onde naciches ti Roberto?
En Salvador de Bahia no Brasil
Pero a túa familia procede de Galicia, non?
Si, o meu pai era da Lama e a miña nai de Soutomaior. E foron coñecerse no Brasil. Teño unha irmá que vive alí
Cando viñeches á Lama?
A primeira vez tiña tres anos, e logo ía vindo nas vacacións máis ou menos cada dous ou tres anos
Que facía o teu pai no Brasil?
Tiña un bar panadería
Caramba vaia casualidade
Pois si, a vida dá moitas voltas. O seu negocio chamábase Piri Piri , que o nome dunha localidade á que emigraron moitos galegos
Aprendiches o oficio de neno entón?
Si, e co mellor mestre posible. A verdade xa me gustaba moito cando era neno. Comecei de broma con nove anos, e cando tiña 15 xa estaba traballando co meu pai
Estás arrepentido de ter comezado tan novo?
Non, todo o contrario estou moi orgulloso. Quero deixar moi claro que o meu pai alén de darme traballo deume estudos, tanto a min, que son licenciado en económicas, como a miña irmá, que ten dúas carreiras. El esforzouse moito para que nós estiveramos formados pois os negocios poden ir e vir pero a formación sempre queda
Cando decidiches vir a Galicia e facer a túa vida aquí?
En 1.996 que estiven catro meses aquí comecei a considerar que podía ser unha boa idea. O meu pai xubilarase e eu tivera que pechar o negocio pois as circunstancias económicas naquel momento eran moi complicadas. Comezara a traballar de axente comercial e, xa che digo, no ano 96 estiven catro meses aquí e comecei a pensar nesa posibilidade. Entre unhas cousas e outras funa retrasando ata que no ano 2.007 tomei a decisión de vir
E como organizaches a túa vida a partir dese ano?
Comecei a traballar como representante comercial na Coruña, logo fixéronme un contrato temporal no Concello de A Lama e cando o rematei fun traballar de repartidor nunha panadería de Beariz ata que cheguei de novo á Lama a traballar para os antigos propietarios deste local. Tempo despois traspasáronmo.
En que ano aconteceu iso?
No 2.010
Xa levas 11 anos de actividade ininterrompida con este negocio?
Si. Eu collín o local só como bar e posteriormente decidín facer tamén despacho de pan.
Cantas persoas vivides disto?
Tres. Dúas empregadas e eu mesmo
Como valoras estes once anos de traballo?
A valoración global é positiva. Pero isto vai por fases que non se poden separar dos distintos contextos históricos que estamos a vivir. Inicialmente foi todo moi ben, pero cando chegou a crise da construción nós pasámolo mal, de feito afectounos bastante porque unha porcentaxe moi elevada da nosa clientela é de obreiros .E nós notamos moito o peche do hotel. Logo chegou a crise sanitaria que aínda estamos a padecer e que semella non dá rematado e se o da construción nos afectou pois esta, como a case todo o mundo, deunos un golpe durísimo.
A verdade esta situación é horrible para a maioría, pero para a hostalaría chegou a ser ata dramática diría eu
E tanto que si. Estivemos dous meses e medio pechados, logo en distintas fases, dependendo da situación , nas que podiamos abrir pero con porcentaxes ridículas de ocupación do local. E claro, as facturas hainas que pagar, tivemos que tirar moita mercancía xa pagada; leite, refrescos, zumes, conxelados…
Tivestes algún tipo de axuda do concello?
Seica vai chegar agora. Calquera axuda é de agradecer desde logo. Pero para min ven moi tarde e é insuficiente. A quen lle estou enormemente agradecido de verdade é ao propietario do local que nos meses do confinamento, nos de cese de actividade, non me cobrou o aluguer. As axudas están ben pero non chegan para compensar todas as perdas que esta situación ocasionou. Pero ben, seguimos aquí e seguimos na loita aínda que non facturamos o de antes nin de lonxe. Houbo meses que toda a facturación ía para pagar gastos, non daba máis que para iso.
Dicíasme antes que unha porcentaxe elevada dos teus clientes son obreiros verdade?
Si, eu creo que arredor dun 70% os abanos de idade son de todo tipo. E o outro 30% son persoas maiores das distintas parroquias do Concello que teñen que vir ao pobo a calquera tipo de xestión e aproveitan para coller o pan ou para tomarse algo aquí.
Que tipo de servizos ofrece o teu negocio?
O almorzo con toda clase de bollería, torradas, biscoitos….Logo os servizos convencionais de calquera cafetería con produtos de primeira calidade. E se alguén quere tomarse un bocadillo no noso local convídoo a que o faga pois, con toda humildade digo que, os facemos moi ricos.
Que horario temos?
De luns a venres das 7 da mañá ás 15,00 e logo das 7 da tarde ás 22,00.Os sábados abrimos de 8,30 a 14, 30 e os domingos de 9,30 a 14,30.
O defunto do teu pai chegou a saber que ti tiñas un negocio igual ao que el tivo, bar e panadería?
Non, el faleceu no ano 2.004 e eu vin para aquí en 2.007
Que pena. Estou seguro de que se tería sentido moi orgulloso de ti. Rematamos Roberto, este é o negocio da túa vida?
Si, sen dúbida.